Artículos

O día despois do CD Lugo 2020/2021

por Denís Iglesias 22 mayo, 2021
Descenso del Atlético en Oviedo
Tiempo de lectura: 5 minutos

A palabra «salvación» ten sentido cando se utiliza como un servizo puntual e que pode expresarse nun xiro no último segundo para evitar espetarte contra un pao da luz. Ou nunha man seca que agarra a túa xusto cando estás a piques de perder o sentido da gravidade nun barranco. Mais cando a salvación se converte nunha rutina estamos a falar directamente de supervivencia, un estado no que non se pode transitar máis que un lapso, porque calquera dilatación do mesmo vai supoñer indefectiblemente a morte. E nesa dinámica leva envolto o CD Lugo dende hai anos, asumindo que o seu destino irreversible é o da traxedia, con máis ou menos sangue e con máis ou menos espectadores acudindo ao seu enterro.

Recoñezo que hai xornadas que deixei de botar cálculos deportivos, sen que iso me evite as ledicias do final inesperado contra o Mirandés cos goles de Manu Barreiro ou a desolación do empate fronte ao Albacete. Mais o que a min máis me preocupa é o día despois, tanto da salvación como do case seguro descenso. E si, atrévome a ponderar deste xeito as dúas posibilidades, porque creo nas providencias do destino, e nós xa temos esgotados os créditos nesa dimensión inabarcable e na que importa máis o boa persoa que sexas que a túa capacidad para facer remendos. Iso, póndonos na tesitura de que realmente queiras amañar as cousas.

Día despois do CD Lugo: a permanencia

Vai o primeiro escenario. O CD Lugo saca os seis puntos que lle faltan, nun cambio de guión outro ano máis e confirma a súa salvación na categoría de prata, anotándose unha década no fútbol profesional. Hai un enorme balbordo no exterior do Anxo Carro e ata o Fondo Sur parece que vai caer ao fin. Vítores cara os xogadores e mirada de esguello para Tino Saqués, máximo accionista da SAD e responsable directo, un ano máis, da estafa piramidal da inestabilidade deportiva. A maioría do plantel respira aliviado e xa mira o mapa para ver se son quen de atopar unha praza máis estable para o vindeiro curso.

Péchase a noite e comezan a pasar as semanas. Rubén Albés está botando uns días en Vigo mentres agarda a noticia da súa renovación. Pero non. Que pase o seguinte, algún dunha axencia ou dalguén a quen se lle deba un favor de negociación. Os capitáns Carlos Pita, Fernando Seoane e Iriome? Plan Renove, porque calquera outro pode desempeñar a súa función, incluso unha varredora automática, imprescindible para quitar calquera atisbo de pasado ou identificación. A SAD é unha marca branca que se proxecta cara ningures e o test de estrés é inaguantable ata para os que levan anos salvando os mobles.

Se o CD Lugo logra a permanencia, o día despois volverá a ser un cúmulo de incertezas e esperas sen xeito

E comezan de novo os rumores, cun interesado do G-20 ou un inversor en criptomonedas, por suposto cordobés. Ou se cadra volven os mexicanos. Que máis ten, a empresa non cotiza en Bolsa e xa é dunha soa persoa en case a súa totalidade. O que pasa no terreo de xogo é precisamente un xogo comparado co que sucede nos despachos. A peneira de candidatos a comprar o equipo racha e Saqués volve a medir o seu ego con alguén do equipo. E trae a outro adestrador para que se saiba quen manda, malia que o equipo parecía ter algunha traza positiva despois de aproveitar o influxo positivo da permanencia do curso anterior e grazas á conservación dalgúns dos efectivos persoais do ano pasado.

E volta á eira do trigo: inestabilidade, magoa, balbordo extradeportivo e unha afección absolutamente confundida co que supón estar en Segunda División, unha categoría que lle aportou á cidade moitas horas de bo fútbol e visitas de rivales ilustres, pero onde o valor engadido xerado pola administración, de calquera tipo, é inferior ao de calquera outra entidade nas mesmas circunstancias. E nin sequera hai valores de marca atribuidos como o esforzo, a humildade, a honra… Todo pasa por un equipo xestionado mediocremente, cun nivel de préstamo bancario comprometido e que utiliza aos seus seareiros nos momentos máis difíciles.

Día despois: o descenso

O CD Lugo non saca ningún punto ou non os suficientes para conservar a categoría. Ao enterro asisten os familiares máis cercanos, que non teñen nin ganas de chorar, porque xa o vían vir. Era un doente que levaba maltratando o seu corpo dende hai anos, metendo todo tipo de substancias nocivas e botándolle a culpa ao mundo da súa situación. E aí ven a Pro, unha división que ten nome de popular de instituto e de fachenda cutre, aínda que se crea moito mellor que a Segunda B, nome máis categórico pero moito máis doado de entender e un lugar onde o CD Lugo pasou grandes anos.

Na Pro acabouse o glamour para Saqués de ir paseándose polos palcos do directivos do fútbol profesional

O fútbol galego xa só ten un representante nas categorías profesionais. E por abaixo, unha toleada de equipos mesturados coas segundas caras dos grandes, os filiais. Acabouse o glamour de ir paseándose polos palcos dos estadios españois, cámaras de negocios en formato .zip onde calquera quere estar. E máis alguén como Saqués, que se considera un home feito a si mesmo, ao que algún lle atribúe unha capacidade negociadora digna do pacto Ribbentrop-Molotov de non agresión entre nazis e soviéticos. A el non lle vale de nada a nova tesitura, porque pasa da liga dos directivos á competición dos aspirantes a regresar, onde as amizades importan ben pouco e hai que volver a arremangarse.

Pero sacaremos o libro de cromos de JVSports ou a axencia que estea máis preto no listín telefónico. E veña, ese seguro descenso non sei vai gastar solo. Así se combate o fracaso, poñendolle por encima ketchup e vendo se así se pode comer aínda que estea duro como unha pedra. E se non sae a xogada de volver a Segunda? Pois un misto, gasolina e deica mañá, como diría Pemán, que esta era a súa empresa e polo tanto tiña dereito a liquidala. Entón virán os de «ter comprado ti as accións», ou que «Gerard López arruinou Etiopía», mentres recollen os bártulos para despedir a un equipo en descomposición que perdeu a categoría, pero non a deportiva, senón a social, a mesma que construiu dende o pozo da Terceira para sacar a cabeciña. E para isto aínda tempo de «salvación», pero todo pasa por botar a Bomba H fora do barco antes de que estoure.

E se chegaches a este punto da película do día despois, pensarás: e quen vai querer repintar unha chalana picada polo óxido? Pois os mesmos que levan remando con paus de madeira que eles mesmos construiron, os que empurran un equipo que a maioría non identifica como seu por culpa dun capitán trasnoitado, pero cuxas toleadas xeran un efecto que fai loitar contra a expropiación. Afección, historia e compromiso. A partir de aí, só a partir de aí, imaxinemos o día despois. Azos para todos, «Salvemos o Lugo», pero salvémonolo nós.

Comparte:

Deja un comentario