ActualidadArtículos

Informe Axesor do CD Lugo SAD: “Capacidade financeira con risco de deteriorarse”

por Denís Iglesias 6 julio, 2019
Intre da Xunta de Accionistas do CD Lugo de 2016
Tiempo de lectura: 6 minutos

En xuño de 2013, o CD Lugo formalizaba a súa conversión en Sociedade Anónima Deportiva (SAD). Unha forma societaria coa que teñen que cumprir todos os clubes de fútbol que participan no fútbol profesional. Obrigatoriedade que podería eliminarse coa nova Ley do Deporte, cuxa aprobación aínda non ten un prazo determinado. Antes das últimas eleccións xerais fíxose un anteproxecto que contemplaba dita supresión, polo que, se finalmente se confirma que non cambia a cor do Goberno, podería ter luz verde. 

As SAD son unha figura da lexislación española que ten correspondencia noutros países. Pero con limitacións. Por exemplo, en Alemaña existe a Ley do 50+1 que impide a un só accionista concentraron máis do 50% das accións dunha sociedade. É o caso do CD Lugo, do que Constantino Saqués Pereira é máximo accionista dende 2015. Daquela fíxose con case o 58% dos títulos. Isto convérteo na práctica no mandatario único da sociedade. Un goberno en maioría absoluta fronte a un microaccionariado de afeccionados que ten case nula presenza nas asembleas. Cando se produciu a conversión en SAD non poucos socios optaron por facerse cun paquete de accións, pero poucos usan o mesmo nas xuntas de accionistas para votar ou cuestionar a xestión do actual máximo accionista.

As SAD españolas presentan unha baixa media de cumprimento nos índices de transparencia

Non existe un colectivo de pequenos accionistas como si ocorre noutros equipos da mesma categoría. Segundo o Informe Dyntra, o CD Lugo SAD é un dos equipos do profesionalismo español cun maior índice de transparencia. En concreto, o terceiro de Segunda, só superado polo Osasuna e polo Cádiz. Os datos refírense á pasada campaña. Malia todo, só cumpriría con 55 dos 92 indicadores que ten en conta este estudo. Na súa gráfica apréciase un lixeiro descenso no último ano. Segundo a entidade avaliadora, os resultados amosan do conxunto das SAD españolas amosan “unha baixa media de cumprimento dos indicadores, o que supón un suspenso xeral para estas institucións”.

O pequeno accionista do CD Lugo ten o dereito de obter a auditoría contable de cada exercicio antes das xuntas de accionistas que acostuman a celebrarse a finais de cada ano. Moitas veces en datas que dificultan a asistencia e dándolle pouca publicidade en medios. Alén diso, existen ferramentas na rede que permiten avaliar a situación económica e social da sociedade. É o caso de Axesor, unha axencia de rating española que ofrece estudos das compañías, do seu contorno, o seu risco económico financeiro, comercial, mercantil ou bancario. 

Un 7 sobre 10 no ‘rating’ de Axesor

Debullando por apartados, vemos, por exemplo que aparece como matriz global Frisaques SL, a compañía de Saqués, e a través da que mercou as accións da SAD. Cabe lembrar neste punto que os accionistas non son responsabels patrimonais da xestión. Isto permite coñecer tamén datos como o número de empregados que ten a firma luguesa dedicada ó frío industrial: de 101 a 249 traballadores; o número de vendas: de 10 a 25 millóns de euros; ou o seu total activo: de 10 a 25 millóns de euros. 

Como axencia de rating, avalía cunha nota ó CD Lugo SAD. Ponlle un 7 sobre 10 e avalíaa cun risco moderado. De igual xeito califica a súa evolución como neutra. Como argumentación, fixa unha serie de aspectos positivos e outros negativos. Nos primeros resalta que non se detectaron incidencias xudiciais, tanto no referente a impagos coas Administracións da Axencia Tributaria ou da Seguridade Social, así como provintes de xulgados ou tribunais. O documento ten en conta outras variables como a probabilidade de impago, que no caso albivermello é dun 0,92% fronte á media sectorial que é do 4,57%.

A débeda corrente da SAD representa un 43,5% da estrutura financeira

Axesor non detecta comportamento irregular nos pagos en base á información obtida nos ficheiros de morosidade. Puntúa o seu nivel de autonomía financeira como ‘axeitado’. Os fondos propios da SAD albivermella representan o 28,5% do total de fontes de financiación. “En principio, un aumento no valor deste ratio será indicativo dunha mellora patrimonal da empresa”, engade. A débeda corrente (a corto prazo) representa un 43,5% da estrutura financeira. O fondo de manobra, que ten en conta os pagos próximos e cobros próximos, é positivo: “Posúe unha calidade considerable, é dicir, gran parte da financiación procede dos seus capitais permanentes. Considérase que a estrutura óptima é aquela na que o grado de liquidez é levemente superior ó volume das débedas, debido ó pouco nivel de ociosidade dos recursos económicos implicados”.

“Sen rendibilidade económica”

Pola contra, nos apartados negativos, a axencia resalta que o CD Lugo SAD non obtén rendibilidade económica. Non logra ningún rendemento das inversións necesarias para o desenvolvemento da actividade respecto ó seu activo. Agás un exercicio, as contas presentadas por Saqués sempre foron negativas. Certo é que arrastraba unha débeda de 800.000 euros da anterior directiva. A SAD luguesa tampouco logra rendibilidade financeira “como consecuencia da súa inversión en recursos propios, circunstancia que, a priori, podería empeorar a súa situación económico – financeira”.

Destácase que as débedas asumidas por parte da empresa en función do volume dos seus recursos propios aumentaron no último ano. Por último, “a pesar de situarse nunha etapa de consolidación, atópase nun grupo caracterizado polo descenso do mercado”. A xeito de resumo, o informe Axesor sinala que “a capacidade é máis que axeitada para facer fronte ós seus compromisos financeiros. Pola contra, esta capacidade ten maior probabilidade para deterioriarse a medio ou longo prazo”.

O fondo de manobra do CD Lugo é de 410.000 euros, inferior á media do resto de SAD

Xa que logo, a capacidade máxima de solvencia do club (activos para facer fronte a pagos) é favorable até 410.000 euros, aínda que é inferior á media do sector e de compañía do mesmo traballo: 503.969 euros. A evolución desta magnitude baixou co cambio de exercicio, pasando dos máis de 500.000 euros en xullo de 2018 á cifra comentada durante toda a pasada campaña. Logo da mala temporada deportiva, que redundará nuns menores ingresos, esta variable pode verse aínda máis mermada. É algo que deixou entrever o presidente do CD Lugo SAD no almorzo informativo que celebrou a pasada semana. 

Números vermellos

Na información financeira confírmase o empeoramento da saúde económica da SAD nos últimos exercicios. Así, hai números vermellos no fondo de manobra, que pasou de ser de 888.369 euros en 2017 a 399.548 en 2019, un 55% menos. Todo, malia teren fructificado varios traspasos, circunstancia case inédita no CD Lugo. A autonomía financeira tamén empeorou: en concreto fíxoo un 8,33% até o 28,50%. O free cash flow, diñeiro que ten unha empresa unha vez cubertas as necesidades de reinversión en activos fixos e necesidades operativas de fondos, foi de 542.167 euros, un 27,27% menos.

O Ebidta Caeu un 11% até os 642.193 euros e o BAI (beneficio antes de impostos) foi negativo, con perdas de 210.310 euros, que se converteron no resultado do exercicio. En 2017 presentarase un superávit de 65.849. Todo malia que a cifra de negocios aumentou dun ano a outro, chegando a ser de 8,17 millóns de euros, un 16,9% más. Asemade, o prazo medio de cobro e o prazo medio de pago aumentaron de 91 a 104 e de 174 a 178 días, respectivamente. 

O estudo presenta unha distribución das ventas, que totalizaron un valor de 6,99 no último exercicio. Das cales, 5,34 foron de dereitos de retransmisións, o maior parte de seguido de patrocinadores (595.929 euros) e ingresos por abonados (589.028 euros). Completan a lista a publicidade estática (297.932 euros), ingresos de liga (98.382 euros) e patrocinios e licencias (30.909 euros). Tamén existen datos sobre como evoluiu o número de empregados da SAD. Cando Saqués asumiu o temón do club, este contaba con 30 empregados non fixos e seis que si o eran. Na actualidade, o número é de 69 non fixos e oito fixos. En canto á distribución, só un figura como directivo ou xerente, mentres que catro están na categoría de profesionais, técnicos ou similares, outros catro en servizos administrativos e similares e o resto do personal serían 32 traballadores.

Comparte:

Deja un comentario