ActualidadArtículos

Jesús Fernández e a sangue nova que precisa o corazón albivermello

por Denís Iglesias 29 agosto, 2022
Jesús Fernández - CD Lugo
Tiempo de lectura: 3 minutos

Nun equipo como o CD Lugo, mermado nas contas, hai varias vías para poder armar un plantel. Dende as fichaxes a custo cero ou os descartes ata a vía máis complicada: o traballo dende a base. O club albivermello leva anos proclamando con timidez esa vía, dende a que brotaron pingas como as de Julio Camba, Keko, Dani Pedrosa, Pedro López, Cacharrón, Asier, Góngora, Duque, Luis Díaz, Manu Núñez, Nico Manteiga, Chiqui... E o caso máis destacado: Dani Escriche, aínda que este chegado en idade xuvenil ao club.

Son casos particulares de carreiras, algunhas, feitas dende a raíz na canteira albivermella, como o caso de Pedro López, e outras construídas baixo a atracción do que é o segundo club de Galicia. Alternativas que quedaron nun refuxio de minutos para a ilusión.

O espertar dun soño de ver a máis xogadores nacidos ou formados en Lugo defendendo a camisola amurallada. Este ano, o desexo ten máis carga de realidade, porque a necesidade está aí, mais tamén porque dende a dirección deportiva do club, comandada por Carlos Pita, e dende o banco, liderado por Hernán Pérez, existe o desexo de avanzar nun proxecto transversal erguido dende a base.

Ata tres xogadores do filial, o CD Lugo B / Polvorín, que esta fin de semana inicia a súa andaina en Segunda RFEF, tiveron participación nestas primeras xornadas da temporada 2022/23. Contra o Tenerife foi titular no extremo Idrissa Thiam, un futbolista con ficha do segundo equipo, aínda que non pode considerarse canteirán do mesmo, posto que chegou o curso pasado no mercado invernal. Tanto é así que algúns apuntaron nun inicio a que podería facer parte do primeiro equipo.

En Terceira deu mostras da súa fortaleza, anotando goles e asistindo ao equipo de Álex Ortiz, que acadou o ascenso a Segunda RFEF. Fronte ao Tenerife non puido despregar o seu potencial. Non obstante, foi unha demostración confirmada por parte de Hernán Pérez, exadestrador do xuvenil do Real Madrid e con traballo noutras canteiras, de que os xogadores do B son parte do seu plan para esta temporada.

Idrissa e Vidal, contra o Tenerife

No Heliodoro puido verse en acción a outra das promesas do CD Lugo. Un Dani Vidal de berce albivermello que a campaña pasada viviu unha experiencia no Coruxo que lle fixo madurar como xogador. No partido fronte ao Tenerife a súa participación foi circunstancial, mais xa ten máis minutos que, por exemplo, unha das incorporacións no mercado invernal como é Marc Carbó. O único inédito das novas caras.

A baixa de Alberto Rodríguez, logo da súa expulsión contra o equipo tinerfeño, abría un novo escenario de necesidades para Hernán Pérez. Este podería ter optado por atrasar a Xavi Torres á posición de central, unha posición de sobra coñecida para o capitán albivermello. Pola contra, decidiu aliñar de comezo ante a esixencia do ataque do CD Leganés a Jesús Fernández. Outro medio ao que o tempo reconverteu en central, xa ás ordes de Álex Ortiz no filial albivermello.

Un xogador moi vivo, con intelixencia táctica, boa saída de balón e que se mantivo firme na defensa da papeleta outorgada, formando parella co renacido Neyder Lozano. Na bancada do Anxo Carro amosou orgullo Javier Vidales, exadestrador do CD Lugo que perdeu a categoría no 2003 logo de substituír a Julio Díaz. Pero un tipo moi querido pola bancada do feudo lucense, que fixo todo o que estivo na súa man para evitar a caída en desgraza daquel plantel traballador.

Vidales tivo a Jesús Fernández ás súas ordes na base do Sporting, onde o central que debutou co primeiro equipo do CD Lugo fixo parte dunha xeración da que tamén formaban parte Guille Rosas (hoxe no primeiro equipo do Sporting) ou Gaspar (cedido ao Burgos). “Grazas ao Lugo por confiares nel, algo que outros non fixeron”, poñía nos comentarios outro coñecido dun Jesús Fernández que ten en Suso, seu pai, o seu mellor exemplo. Basta ver o seu currículo: adestrador no Sporting, na Selección Asturiana sub-16, na sub-12; un profesional formado tanto en fútbol como en fútbol sala que sabe seguir dende o respecto e a distancia a evolución do seu fillo.

Jesús Fernández rabuñou a porta que os xogadores do filial teñen que tirar para poder gozar de regularidade no primeiro equipo. Fíxoo con pouso e felicitado polos seus compañeiros, como Julen Fernández, un rapaz que é un brazalete de capitán andante; mais tamén por pesos pesados do vestiario como Manu Barreiro, quen lle deu un agarimo nada máis ser substituído. As súa é sangue nova para un corazón que ten nos novos o bypass que precisa.

Comparte:

Deja un comentario