ActualidadArtículos

Roberto, vello bravú

por Denís Iglesias 26 abril, 2017
Roberto Fernández Lugo
Tiempo de lectura: 5 minutos

Ser de Lugo e chegar á elite é case tan difícil como ver un eclipse lunar. A historia futbolística só deixou uns cantos exemplos entre os que se conta un dos actuais porteiros do CD Lugo, Roberto Fernández Alvarellos (25/01/1979). Se un revisa a lista de ilustres da súa vila natal, Chantada, atopará outro deportista dos que deixará pegada como é Fran Vázquez, baloncestista que en xuño de 2005 foi seleccionado para xogar na NBA. Dous exemplos de primeiro nivel nunha vila de pouco máis de 8.000 habitantes que sempre foi unha referencia na provincia. Ben co Chantada SD ou co CB Chantada, ós que habería engadirlles equipos secundarios.

O corazón de Galicia, nome co que se coñece a vila dende os 60, cando nas festas se vendían rifas para o sorteo dun Simca 1000, tamén foi un dos núcleos do Rock Bravú, o movemento musical contemporáneo máis galego que existe. Nacido e case que morto (agás por iniciativas como as primeiras edicións do Castañazo Rock, tamén chantadino) nos 90. Del formaron parte grupos como os Diplomáticos de Monte Alto ou os Rastreros de Chantada, autores estes de temas como Tratorada. Bravú é un termo galego que fai referencia ó olor e ó sabor da carne de caza de machos salvaxes sen capar. É a definición máis nosa de autenticidade.

 

Roberto non é un vello rockeiro, un dos tópicos máis utilizados no fútbol. El é un vello bravú, un chantadino universal pero que ten clara a súa procedencia, como amosa nas súas redes sociais. E como os Rastreros di non ás cotas (ver a canción Tratorada), ós límites de idade ou ás etapas vitais. Malia a inactividade que padeceu na súa primeira tempada en Lugo mais en gran parte desta, foi o mellor diante do Rayo Vallecano e cumpriu un capítulo máis nun gran estado de forma. Agora si está a facer valer o seu currículo, con máis de 100 partidos en Primeira e case 250 aparicións en Segunda. Dous ascensos á máxima categoría e un galardón coma o porteiro menos goleado na división de prata na campaña 2005 / 2006, cando era o gardamallas do Sporting. Con esa bagaxe, a súa aterraxe en Lugo en 2015 con 36 anos e medio, no seu retorno a casa, semellaba doce.

Do primeiro nivel á segunda fila

Foi a fichaxe máis veterana do conxunto albivermello na súa historia, ó superar ó navarro Vicente Uriz, que chegou a Lugo procedente da Ponferradina na 2006/2007. Roberto non era nin moito menos un xogador para a demolición. Viña de xogar 25 encontros en Primeira cun Granada que 2014/2015 foi cuadricéfalo, ó ter destradores tan diversos como Caparrós, Aguado, Abel Resino e Sandoval. Partidos entre os que se contaban os derradeiros do ano futbolístico, nos que a escuadra nazarí acadou a súa permanencia.

Roberto e Pereira foron dúas das grandes apostas do primeiro ano de Saqués

Lonxe desta expectativa, a primeira tempada de Roberto en Lugo non puido ser peor. Foi incapaz de arrebatarlle a titularidade a uns inspiradísimo José Juan, que practicamente fixo un pleno ó 42 na primeira tempada de Saqués na presidencia do club. Só xogou cinco encontros: nefastos, nos que o Lugo sacou tres puntos, diante do Bilbao Athletic. Roberto foi unha das grandes apostas do novo directivo, un dos golpes de efecto xunto a Jonathan Pereira. O pasado de ambos os dous en Primeira era o seu mellor aval, algo que se viu traducido no seu salario. O dianteiro vigués non cumpriu coas expectativas e foise ó Real Oviedo con estrondo, queixándose de que non xogara polo centro, función para a que segundo el fora fichado. Esta tempada suma pouco máis de 600 minutos como secundario.

O presente curso comezou para Roberto do mesmo xeito que rematou o anterior. Na segunda fila na competencia pola portería fronte a un José Juan ó que lleva uns meses. Ambos, nados no 1979, forman unha das parellas de metas máis antigas da categoría (circunstancia que non ha de ser prexudicial, posto que nesta posición acádase unha madurez tardía). Mais aí non rematan as semellanzas. Os dous formaron parte das categorías inferiores do Celta e os dous coincidiron durante dous anos no Granada durante dúas campañas: 2010/2011 e 2011/2012.

José Juan y Roberto

José Juan e Roberto | Foto: CD Lugo.

Daquela, Roberto gañoulle a partida a un José Juan que chegou a ser o terceiro porteiro por detrás do brasileiro Júlio César Jacobi. Mais o apodado por algúns como o ‘ídolo do Anfield’ ten dado en Lugo os seus mellores minutos. Coma o chantadino, comezou por detrás de Yoel no seu primeiro ano na cidade amurallada, o único porteiro mozo co que tivo que competir. Nas seguintes tempadas superou a Dani Mallo en partidos, dentro da alternancia que sempre propoñía baixo paos Quique Setién. Esta rematou coa chegada de Luis Milla, que apostou decididamente polo vigués. A saída do turolense desfixo a monotonía e José Durán optou por Roberto para os cinco últimos partidos do campionato. 

Candidato á continuidade

Este ano o relevo chegou antes e co equipo albivermello aínda con opcións de algo máis que a permanencia. Luis César confiou en José Juan ata a xornada 28. Logo de acumular o Lugo catro partidos sen gañar. Roberto, que se estreara este ano nun desafortunado partido de Copa do Rei ante o Tenerife, regresou diante do Mallorca. Dende entón, os lugueses perderon dous partidos, empataron outros tantos e gañaron tres. Fronte ó Rayo Vallecano, os da cidade amurallada desputaron un dos seus peores partidos do ano. Xa non só coma visitante. En xeral. Víronse absolutamente atrapados pola rede tecida por Míchel. Só Roberto evitou unha goleada maior. Estivo cerca de parar un penalti máis que dubidoso cometido por Carlos Hernández e transformado por Javi Guerra, e deulle o escaso sentido do que dispuxo o xogo do Lugo.

Roberto ten reforzado a comunicación coa defensa

O chantadino aporta un punto de seguridade a unha defensa que ten sufrido máis viraxes que a vella estrada da Fonsagrada. Ben polas lesións, polos erros ou polas decisións do técnico de Vilagarcía. Roberto comunica, ordena e sobre todo evita calquera especulación. José Juan ten deixado demostracións de reflexos nunca vistas no Anxo Carro pero o seu forte non é a expresión cos seus compañeiros de retagarda. Ás veces ten enmendado desatinos que el mesmo xerou por non ter falado. Dous perfís diferentes, complementarios e igual de experimentados.

José Juan, gañador sempre das primeiras voltas, delegou nesta segunda o voto para un Roberto que se presume como o porteiro da vindeira tempada, diante da posible negativa da secretaría técnica de renovar ó antiheroe vigués. Según Transfermarkt, Roberto ten contrato até o ano 2018 e o seu axente é Eugenio Botas, estreito colaborador de Emilio de Dios, ex director deportivo do CD Lugo. Logo de rematar o seu contrato, a intención é que Roberto pase a formar parte da estrutura do club. 

Esta decisión que abriría a porta a figuras como Pablo Cacharrón,  que sería, ao fin, o primeiro meta da casa en chegar ó máximo nivel, logo de tentativas frustradas como as de Javi Liz, Adrián Yebra, Manu Cedrón, Javi Pita… Un Chacharrón que a falta dun xiro nos acontecementos medraría á sombra dun Roberto bravú, disposto a non perder nada: nin a experiencia, nin o flequillo noventero que aínda se gasta. Ó que non lle caparon as forzas por ver ó equipo da súa provincia no máis alto. Alguén que non deixa de aprender e ensinar, forza de dous sentidos impresincidble para un club cunha aposta polos novos valores pero que precisa vello aceite para engraxar.

Comparte:

Deja un comentario