ActualidadArtículos

Pablo López Gallo ‘Castrín’, un internacional de boa familia

por Denís Iglesias 6 abril, 2017
'Castrín', durante a pasada temporada | Cedida.
Tiempo de lectura: 5 minutos

Finais de novembro. Pablo está no instituto e recibe un Whatsapp de seu pai, Juan López, ó que non se lle ocorrería interromper as clases do seu fillo de non ser por un bo motivo. “Noraboa”, asoma na mensaxe. E xa sabemos que as autoridades paternais non mandan felicitacións gratuitas. Pablo corre e abre a imaxe que lle adxunta: acaba de ser citado coa Selección Española sub-17.

El, un rapaz de Riotorto, unha vila de pouco máis de 1.700 habitantes. Un cadete do CD Lugo que cumpría o soño persoal e do conxunto de xeracións que loitan por estar na elite malia estar fóra dos grandes núcleos de poder e poboación. Como Iago Díaz no seu día. Un pasiño adiante nun club que hai unhas semanas alcanzaba a súa segunda internacionalidade absoluta con Leuko, chamado por Camerún (Iván Zarandona foi o precursor con Guinea Ecuatorial na 2011/2012).

“Tiven que sair para fora da clase e chameino”, lembra ‘Castrín’, alcume familiar polo que é coñecido Pablo López Gallo (09/03/2000), cuxo nome poñía á entidade albivermella á altura do FC Barcelona ou Real Madrid, os equipos que nutren case en exclusiva a estes combinados, con excepcións de Sevilla ou Villarreal.

“Todos estaban patrocinados por marcas na sub-17, e eu coas miñas botas de hai dous anos”

O encargado de pousar a súa lupa sobre Pablo foi Santi Denia, seleccionador sub-17 que recibiu bos informes dun habitual do fútbol base galego. Denia foi xogador do Atlético de Madrid (formou parte do plantel do dobrete da 95/96) durante moitos anos na mesma posición que o lugués: central, polo que a escolla non podía ser gratuita. Dos tres intensos días que pasou en Las Rozas, Pablo lembra o alto ritmo de xogo que tiñan os seus compañeiros e de como todos estaban xa patrocinados por marcas como Nike ou Adidas, “e eu coas miñas botas de hai dous anos”, bromea. Pero o calzado non importou no partido que xogaron contra o Alcorcón Juvenil, no que tomou o mando da defensa.

Pablo, na súa etapa como xogador do Riotorto | Cedida.

Pablo, na súa etapa como xogador do Riotorto | Cedida.

Lonxe de ser unha casualidade, a citación de ‘Castrín’ foi un pulo para un xogador que leva vivindo o fútbol dende que levantaba dous palmos do chan. Comezou en Riotorto, xogando con rapaces maiores, froito da despoboación que afecta ó rural. Logo pasou ás Escolas Deportivas de Lourenzá, que presumiron de rapaz coa chamada da selección. Formou parte dunha gran quinta: “Aquela escola funcionaba moi ben, fixeron un grupo cun nivel bastante equilibrado e gañaban case sempre a liga. En idade benxamín, gañaron o Campionato de España en Málaga”, conta Juan López, o seu pai e a súa sombra, xunto con Mari Gallo, a súa nai.

Precisamente, a idea de que Pablo comece a formar parte do Lugo xorde nunha tempada na que Juan xoga nos veteranos do Sagrado Corazón, logo dunha vida no Riotorto. Coincide con Quique Prado, un dos encargados das categorías inferiores albivermellas. A Pablo non lle fai falla nin proba, todo o traxecto no fútbol provincial foi suficiente para conseguir unha integración celérica nos alevins albivermellos.

Os primeiros golpeos co CD Lugo | Cedida.

Curmán dos irmáns Murado

Cando chego á súa casa Pablo está a ver un partido da Premier. Antes tocou un de Primeira. Todo o que non é estudar, dedícao ó fútbol, de aí que malia a súa curta idade teña unha visión cerebral deste deporte. Cando se lle pregunta por un referente, el, sen miramentos, di: “Sergio Ramos e Piqué”. Do primeiro equipo do Lugo escolle a Ignasi Miquel. No que moitos ven un choque de antagonistas, do que sacar carnaza mediática, el atopa a fusión perfecta do central que quere ser: “Ramos gustábame xa cando era lateral, adoro o seu liderazgo e ímpeto, aínda que a veces fai cousas mal, incluso algunhas moi mal, pero compénsao con iso e cos seus goles decisivos. E de Piqué quédome coa calma coa que xoga e coa boa saída de balón que ten”.

“Xogo no Lugo e son do Lugo, é o meu primeiro equipo en todo”

Mari Gallo sorrí o oír a referencia mixta, xa que ela é a única da casa que tira para o bando blaugrana. Cores todas elas que están sempre por debaixo do vermello e do branco, os que lle permitiron a Pablo ser, por primeira vez, internacional. “Eu xogo no Lugo e son do Lugo, é o meu primeiro equipo en tódolos sentidos. O meu primeiro ano no equipo vivín o ascenso a Segunda. Non cabía en min cando vin o penalti de Manu”, conta un rapaz ó que seu pai xa levaba ós partidos de Segunda B cando era unha miniatura, ó mesmo Anxo Carro no que un día os seus curmáns (segundos, primeiros da nai) deleitaron á parroquia luguesa. Estes non son outros que Suso e Martín Murado, mediocampistas do CD Lugo de finais dos 90 e comezos dos 2000, ós que agora acode de vez en cando para pedir algún consello, “dinme que teño que insistir e adestrar cada día”, pero ós que case seguro superará.

“El quere dúas culleradas de fútbol, pero a terceira ten que ser de estudo”

Malia a chamada da selección, a tempada non foi doada para Pablo, ó que unha tendinite o tivo apartado do equipo durante varias xornadas: “É outra experiencia, pero dura, na que tes que aprender a adestrar só. Non tes as mesmas gañas de ir, pero non che queda outra para recuperarte o antes posible”. Catro días de adestramento, cinco se xogan o domingo e libros por devorar para cumplir coas materias escolares. Coas consecuentes viaxes a Lugo dende Riotorto, moitas sufragadas polo peto dos pais. “El quere dúas culleradas de fútbol, pero a terceira ten que ser de estudo. É imprescindible, até un xogador hoxe en día ten que estar formado polo que poida pasar”, conta Juan, cabeza visible de Embutidos O Mazo, empresa familiar que lle gustaría que o seu fillo asumise algún día, aínda que entende a súa ambición.

“Pero o que é irrenunciable é o esforzo e a humildade”, asegura o mentor e maior crítico de Pablo, unha mensaxe que lle trata de inculcar día a día. Ambos os dous conseguiron este ano resolver unha das materias pendentes do central lugués, o seu trato cos árbitros, que el describe do seguinte modo: “A min sempre me botaban amarelas por protestar. Gústame falar con eles, pero agora fágoo doutra maneira. Cando penso que se trabucaron, dígolles: ‘Mira, colexiado, estalo a facer moi ben, pero creo que na xogada anterior erraches ó pitarnos esa falta’. E de verdade que funciona”.

No 2014, con aquela famosa segunda camiseta multicolor | Cedida.

Todas estas ensinanzas vainas poñer en práctica no seu salto ós xuvenís, outra categoría na que o Lugo ten dado un paso adiante nos últimos tempos. O conxunto de División de Honra quedou ás portas da Copa. E sempre, lidiando coas mellores canteiras como as do Depor, Celta ou Sporting. Pero cos pes no chan: “Hai moitos rapaces que deixan de rendir porque pensan que xa o fixeron todo, porque se esquecen de aprender”, sentencia Juan. Remata a nosa conversación e ven o tempo do café, ese cordial convite ineludible no rural. Entra pola porta Andrés, o pequeno dos ‘Castrín’, que tamén xoga nas categorías inferiores do Lugo. É o último dunha boa familia que xoga noutra que pretende ser a grande, a do fútbol base do Lugo, polo que pasa o futuro cada vez máis presente do club. “Pero para iso teñen que confiar neles. Están poñendo todo da súa parte, agora falta que veñan as oportunidades”, conclúen os tres, unha aseveración imposible de contradir.

Comparte:

Deja un comentario