Crónica

Crónica FC Cartagena 2 – 1 CD Lugo: SAD Froilán

por Denís Iglesias 4 octubre, 2020
Tiempo de lectura: 3 minutos

Marabillosa ilustración de Juanfran Barber Shop, a sección de Pablo del Valle. Un tristísimo Froilán chorando pola derrota do seu Lugo.

Nunca comezou peor un San Froilán, renomeado con tino como Sad Froilán por Leandro Barea. Á choiva acostumada acompañoulle o deserto provocado pola pandemia do Covid-19 e unha derrota sen paliativos do CD Lugo. E iso que o rival era, polo menos, para puntuar. Un FC Cartagena que soubo aproveitarse dos erros albivermellos, unha constante neste inicio de liga timorato que apunta malas sensacións. Xa non polos resultados senón pola nulidade das formulacións dun Juanfran que, logo de catro xornadas, non pasou da fase de xestor de vestiario. Toda a ledicia construida o ano pasado queda en suspenso cun equipo ó que se lle fai un mundo atacar, defender, buscar os espazos, trazar as liñas…

Así o vivimos en Radio Lugoslavia

En definitiva, un equipo que está por facer e que xa perdeu o pulo inicial desta temporada. Un introito que é moi necesario para clubes como o albivermello. A tranquilidade e o control das campañas só o conseguiu con boas primeiras voltas. O resto, derrapes conducidos por un xestor inestable que remataron, por sorte e diferentes motivos, en permanencia. Pero ollo, que a navalla que corta o pan ten en Lugo o fío afiado.

Concedendo dous goles coma os que anotou o Cartagena é imposible dar un paso adiante. Elady deu primeiro logo de cazar un rexeita dun Cantero que volveu sumar unha mala actuación. Aínda que a derrota non é personalizable na súa figura, nin moito menos. Álex Gallar fíxolle un roto a Canella e quitoulle aínda máis temperatura e seguridade ó meta navarro para facer o segundo. Os laterais albivermellos son das notas máis negativas deste inicio de curso. E o peor é que non causa sorpresa o seu rendemento, coñecido xa por moitos.

SAD Froilán non fai milagres

Este 2-0 impuxo xustiza para un Borja Jiménez que gañou dende a pizarra o encontro. Polo menos, nos trocos, sustituindo ós homes máis conflitivos e atemperando o ritmo. E malia a triste posta en escena, o vapuleo en determinadas fases e acabar atacando por acumulación deixan as costas como unha parcela das Gándaras, o CD Lugo puido salvar un punto. O que reparte a xustiza no ceo neste deporte si traballou e púxolle un pao ó Puma Rodríguez. E iso que el mereceu un 1% desta derrota, volvendo ser, logo dun arranque dubitativo, o mellor dos albivermellos.

Era o minuto 70. E daquela os de Juanfran espetaron. El, con eles. Polo medio Cantero lembrou ó porteiro que salvou os mobles dos do Anxo Carro o ano pasado. Frustrou unha picada de Nacho Gil que xa tería sacado as cores do CD Lugo. Entón apareceu outro dos futbolistas incógnitos deste curso, un Cristian Herrera que non se sabe se vai ou se ven e que puxo unha das que sabe. Trazando unha curva insuficiente para bater a un Marc Martínez que apareceu, logo de varias accións a velas vir, xusto cando seu equipo o precisou. De novo para negarlle o gol ó canario logo dunha boa execución de falta.

Os da cidade amurallada insistiron dende a testanería e o descontrol. Como nos últimos tempos da temporada pasada. E así chegou o gol de Carrillo no 87 despois dun partido negativo como a media dos que o acompañaron no verde. Moi só e tendente ó fóra de xogo. Manu Barreiro dispuxo da última cunha cabezada que impactou no longueiro. Hai veces que un denuncia erros clamorosos mais este non foi tal. De feito, a introdución do santiagués supuxo a resurrección de todos os seus valores, até ese momento inéditos. Véxase loita e control aéreo. Pero non foi e non quixo ser.

San Froilán fai milagres pero non recompensa ós pecadores. A caridade cristiá non lle serve a un equipo desmontado que precisa, canto antes, que os novos se incorporen de pleno á dinámica. Véxase, sobre todo, Venancio i El Hacen, un central de garantías e un medio que chegue á área rival con criterio. A partir de aí, o CD Lugo pode comezar a respirar. Mais a atmosfera do bo xogo e da actitude quedan aínda lonxe. Isto está comezando, o que non implica que xa teñamos levado varias labazadas no lombo das que custa recuperarse. E isto sábeo até a Familia Pelúdez.

Ficha técnica Cartagena 2 – 1 CD Lugo

FC Cartagena: Marc Martínez; David Simón (Delmás, min. 46), Andújar, Álex Martín, De la Bella; Pablo Clavería, Carrasquilla, Álex Gallar (Carlos David, min. 90), Berto Cayarga (Nacho Gil, min. 74); Elady (Simón Moreno, min. 60) e Rubén Castro (José Ángel Jurado, min. 74). 

CD Lugo: Ander Cantero; Campabadal, Marcelo Djaló, Alende, Canella (Luis Ruiz, min. 77); Seoane (Manu Barreiro, min. 69), Gerard Valentín, Xavi Torres, Borja Domínguez (Cristian Herrera, min. 69), José Luis Rodríguez; e Carrillo. 

Marcador: 1-0: Elady (min.28); 2-0: Álex Gallar (min.61); 2-1: Carrillo (min.88).

Árbitro: Hernández Maeso (Extremadura). Amosou amarela ós locais Elady e David Simón e ós visitantes Seoane, Campabadal, Marcelo Djaló, Borja Domínguez e Xavi Torres. 

Incidencias: partido correspondente á cuarta xornada da Liga SmartBank. Disputado no estadio Cartagonova de Cartagena. 

Comparte:

Deja un comentario