Artículos

Frederico Venâncio, un golpe sobre a mesa para o eixo da zaga albivermella

por Denís Iglesias 4 octubre, 2020

O CD Lugo xa ten unha das pezas que lle faltaba neste final de mercado de fichaxes de verán. Un central experimentado chamado a ser titular como é Frederico Venâncio (Gâmbia – Pontes – Alto da Guerra, 1993), xogador portugués que chega cedido por un ano sen opción de compra polo Vitoria Sport Clube de Guimaraes, conxunto da Liga Nós, a primeira do país veciño. O ano pasado Venâncio e mailos seus compañeiros xogaron a Europa League. Quedaron ás portas de reeditar este éxito de clasificación continental logo de finalizar na sétima praza, con 50 puntos.

Venâncio é, de primeiras, obxecto de comparación con Miguel Vieira. Ambos centrais, ambos os dous lusos e cunhas características semellantes: experimentados e contundentes. No caso do xogador do Vitoria hai que ter en conta un bo coñecemento táctico, óptimo posicionamento defensivo, lectura de xogo, virtudes aéreas e trato da bola. Xa que logo, un perfil co que até o momento non contaba o CD Lugo no seu plantel, no que figuran nesta mesma posición Marcelo Djaló, Diego Alende e Pedro López. Con esta suma, Juanfran xa tería catro homes no eixo da zaga ó seu dispor. Mais el reclamou nesta semana previa até dúas altas nesta posición que poderían supor a saída do canteirán albivermello, tendo en conta que hai outros xogadores que tamén poden desempeñarse nesta demaración como é o caso de Carlos Pita.

TemporadaClubPartidosGoles
Asistencias
Amarelas
Vermellas
2012/2013 Primeira LigaVitória Setúbal101/00/0
2013/2014 Primeira LigaVitória Setúbal231/05/0
2014/2015 Primeira LigaVitória Setúbal361/06/1
2015/2016 Primeira LigaVitória Setúbal340/27/1
2016/2017 Primeira LigaVitória Setúbal314/15/0
2017/2018 Primeira LigaVitória Setúbal30/00/0
2017/2018 ChampionshipSheffield Wednesday (cedido)251/12/0
2018/2019 Primeira LigaVitória Guimaraes80/11/0
2019/2020 Primeira LigaVitória Guimaraes260/05/0
Fonte: Transfermarkt / Wikipedia.

Venâncio, un central con 140 encontros na Liga Nós

Este central é un bo defensor nos espazos curtos e vai ben no corpo a corpo. A traxectoria da temporada sentenciará, pero semella un dos grandes golpes sobre a mesa do CD Lugo neste mercado. Ningún outro futbolista do club lugués se achega, nin por aproximación, ó valor de mercado deste xogador, tasado segundo Transfermarkt en 1,5 millóns de euros. Se temos en conta o índice desta web, o seguinte albivermello sería Cristian Herrera cun valor de 800.000 euros. Un xogador que estaría na rampa de saída deste final de mercado albivermello.

Varios equipos quixeron facerse cos servizos de Frederico Venâncio; o que puxou máis forte o seu ex Sheffield Wednesday

Outro factor de impacto é o interese que amosaron varios equipos para facerse cos seus servizos. Entre eles, o Sheffield Wednesday da Championship, a segunda inglesa, que tentou o seu regreso. Xa militou a préstamo neste equipo na temporada 2017/2018 cun bo rendemento. De feito, a afección reclamou o seu regreso neste mercado de verán, no que tamén tivo opcións de fóra, en ligas como a MLS. Ó Sheffield W. foise a préstamo do Vitoria Setúbal. En total, 140 encontros na Liga Nós que supoñen unha alta rodaxe nesta competición.

Venâncio foi internacional coas categorías inferiores da selección portuguesa. Fixo parte do combinado que foi subcampión de Europa sub-21 en 2015, no que figuraban talentos como William Carvalho, Bernardo Silva ou Joao Mario. Formouse nas categorías inferiores do Vitoria SC -máis un paso polo Benfica, ó que regresou en xullo de 2018. Daquela asinou por catro temporadas nas que disputou 34 partidos.

A incorporación de Frederico Venâncio leva, unha vez máis, a sinatura de Manolo Mandiá, quen, dende a sombra, segue a certificar o bo ollo que ten de mercados como o portugués. Namentres, Jorge de Cózar, titulado como responsable da área deportivo do CD Lugo, da a cara nas roldas de prensa. Mandiá foi tamén o artífice da incorporación de Miguel Vieira no seu día. Un dos movementos máis rentables da entidade. En xullo de 2019 traspasouno por 1,5 millóns de euros ó Istambul Basaksehir turco logo de facerse con el por unha exigua cantidade.

A Frederico Venâncio hai que chamarlle polo apelido, que porta con orgullo e ten importancia no fútbol portugués. Este central é fillo doutro central. O galgo aprendeu a caste de Pedro Venâncio, ex xogador tamén do Vitória Setubal, Sporting de Portugal e Boavista, alén de internacional coa selección absolutado seu país. Participou en 21 ocasións cos lusos e chegou a estar na preselección para participar no Mundial de México 1986. Unha lesión de última hora privoulle estar na cita internacional.

O novo central do CD Lugo sabe o que é ter responsabilidade, xa que sendo ben novo asumiu a capitanía do Vitória Setúbal. Dende o 2015, tendo 23 anos, portou o brazalete neste equipo. Repetiu responsabilidade na temporada pasada no Vitoria SC, onde exerceu de capitán en varios encontros. Tamén, nun par de actuacións, este central formou como pivote, una alternativa moi secundaria para el mais na que podería responder chegado o caso. Tamén se ten revelado como goleador ocasional. Sobre todo en xogadas a balón parado e coas súas virtudes para cabecear. Un aporte que redondea un perfil interesante para o CD Lugo 2020/2021.

Comparte:

Deja un comentario