ActualidadArtículos

Pel de Pita en 400 partidos

por Denís Iglesias 14 febrero, 2022
Carlos Pita 400

Contenidos de la página

Tiempo de lectura: 5 minutos

Ter ídolos implica unha gran responsabilidade. Non por parte do mito. O deber está no seguidor, que asume unha implicación ás veces non correspondida e que esixe unha fidelidade máxima. Por iso é tan difícil verse representado por alguén de xeito tan directo. No fútbol, aínda máis, con xigantes que camiñan con pes de barro e pequenas estrelas elevadas á categoría de Deuses sen sequera sacar o carné de conducir. Pero en Lugo segue a pórsenos a pel de Pita

Ilustración de cabeceira: ‘CD Carlos Pita’, obra de Pablo del Valle (@pablo_dvp). Queda prohibida a súa reproducción sen cita do medio e do autor.

Carlos (8 de decembro de 1984) é, xunto con Seoane e Iriome, o grande nexo emocional que ten a bancada do Anxo Carro co que sucede no verde. Hai bos xogadores. Un coronel no banco como Rubén Albés, mais a memoria do CD Lugo segue a depender de homes como Pita. El é ese fío que resiste no dente de leite que está por caer. É inevitable que saia a nova peza, pero o canino que gardaremos na caixa para saber quen somos pertence ao eterno ‘5’. 

Por iso cada gol do lugués de orixe coruñesa celébrase por riba da media. Máis aínda cando ten un valor de puntos como contra o Amorebieta nun partido que foi escrito como se dun dogma se tratara.

A repartición de tantos que conduciu á igualada foi o máis xusto. Así como que a vantaxe local correra a conta dun futbolista que cumpría 400 partidos coa elástica albivermella, cuxo dorsal debería ser retirado. 

As estatísticas, segundo informaba a conta Datos CD Lugo, son de santo:

  • 314 partidos co CD Lugo en Segunda
  • 71 encontros disputados en Segunda B
  • Nove de promoción de ascenso a Segunda
  • Seis participacións na Copa del Rey
  • E ata 27 goles anotados por Carlos Pita

Estas cifras pechan coa sintonía habitualmente coreada de: «Pita, si; mercenarios, non». Algún considéraa esaxerada, sobre todo cando cae no complexo de valorar as actuacións do presente sen ter para nada en conta o pasado, onde se explicita un mediocentro (agora central e o que precise o club) marabilloso e cun talento inigualable no que a militantes da albivermella se refire. Hai unha pregunta que nos foros da cidade romana acostuma a formularse: «Podería ter xogado en Primeira?».

A mellor cabeza

O problema á hora de dar resposta a esta cuestión está en que non é un apartado dun quiz. Hai miles de factores que influirían neste suposto, pero está claro que por talento e clase, Pita terían un importante poder para elixir onde xogar. Mentalmente, segue a estar por riba de calquera prestación física, que agora aparece como principal argumento para situar a un peón no campo. Como se con darlle corda fora suficiente para conseguir tal fin. 

O nacemento dun mito e outras lembranzas que non se poden borrar | Foto: El Progreso.

Fíxoo no gol fronte ao Amorebieta (1-1), o seu primeiro dun curso no que leva 20 partidos disputados e só sete como titular, contando o da Copa del Rey contra o Adarve. No medio de tres rivais, elevouse ao son do clavicémbalo que lle acompaña cada vez que toca a bola.

Dirixiu a cabeza con firmeza cara ao fondo dunha rede na que ten mexido os nosos soños e pesadelos durante 12 anos. Pasoulle a tarifa dos anos a Roberto Santamaría, meta do equipo vasco, ao que supera en idade por tan só uns meses. 

Outro dos que xa ten camiño andado, Javi Ros, puxo a igualada no Anxo Carro nun final que amargou a consagración do ídolo Carlos Pita. Mais despois de todo o vivido, el sabe ben que o empate é tan valioso como inútil. Reforza a xeira de 12 partidos sen coñecer a derrota, dinámica histórica que aumenta as posibilidades de acadar a permanencia antes do previsto. Cando? Pois non do último suspiro, onde o CD Lugo puxo a súa vida nestes tres últimos cursos. 

A xubilación gañada

Pita ten a xubilación máis que gañada, pero está empeñado en que a baixada da tea do seu espectáculo non sexa apresurada, mirando a factura dos focos e co público botando a lingua por fóra polo abafo da última xornada. Meréceo tanto como o tanto que emendou en parte aquel pau estúpido contra o Cádiz, o último partido prepandémico. Unha falta excelente que deu na trabe porque si. 

O que manexa as cartas do destino quixo que a nosa falta de fútbol fora aínda máis dolorosa con esa lembranza. Non se podía permitir que o Heroe do Carranza pasara outro curso en branco, como o pasado, e así enlazou coa diana que asinou un 13 de xuño de 2020, xa co virus espallado, diante do Racing e sendo Curro Torres adestrador do CD Lugo.

Choveu dende aquela, aínda que non tanto como quixeran os embalses, aínda que demasiado para o ídolo que encarna a solidez que precisa esta entidade. 

Pita fala en rolda prensa coma se fose adestrador ou director deportivo. Segundo a pregunta. Faino á perfección, anticipando un rol que debería ter nun futuro neste club, que non pode permitirse o luxo de converter a un dos seus apóstolos nun simple exempregado.

«Sempre é de agradecer o cariño da xente. Son moitos os anos aquí vendo ao mesmo xogador e á mesma cara…», dixo nunha frase que é unha certeira reflexión sobre o sucedido nas últimas temporadas, onde os cromos foron cambiando cunha conta atrás regresiva que produciu auténtica vertixe. 

Hai quen dubidaba da súa renovación e da de Seoane no pasado mercado estival. Facíano atendendo á produtividade e á ocupación de fichas. Curso a curso, malia o aumento da idade, os dous capitáns nunca figuran no último asento dos números, que son os que algúns teñen en conta para merecer unha continuidade.

Como se o contrato puidera renovarse de xeito automático segundo o que marque un podómetro. Sen ter en conta a xerarquía, os valores e un patrimonio inmaterial que nunha estrutura tan feble como a do CD Lugo é fundamental. 

No minuto 76, Rubén Albés decidiu substituír ao capitán e deu entrada a Alberto Rodríguez. Na realización non fixo falta nin enfocar a Pita para saber que el era o que ía ser reemprazado no campo. Carrillo bateu as palmas. O fondo norte acendeu como se lles tirasen un misto para prender un lume que se abriu ata o túnel de vestiarios, onde non entra ninguén que non teña o beneplácito do káiser, quen máis dunha vez tivo que defender a súa autoridade fronte ás inxerencias do palco.

Unha gorida que non quedará orfa, pero si pálida cando Pita decida mover os marcos da mesma para dicir que isto rematou. E para iso, eu, polo menos, non estou preparado.

Comparte:

Deja un comentario