ActualidadArtículos

Lugo, patrimonio mundial

por Denís Iglesias 13 febrero, 2022
Tractorada en Lugo.
Tiempo de lectura: 3 minutos

Hai moitos complexos arredor da nosa cidade. A maioría impostos polos propios veciños, que nalgúns casos fuxen despavoridos nas fin de semanas a coidar da casa no pobo. Pero hai días coma os de hoxe nos que o mundo xira sobre a cidade das murallas e faino grazas ao deporte. Este domingo, o Emevé pode conquistar a Copa da Raíña de Voleibol, o Breogán, reforzar a súa moral para a Copa fronte ao Valencia e o CD Lugo selar máis de media permanencia diante do Amorebieta [18:15, Anxo Carro].

A coincidencia planetaria é tal e o escenario tan pequeno para as autoridades que non hai suficientes horas do día para non facer que se superpoñan os acontecementos. É o que ten pasar as follas do calendario dende o quilómetro cero, dende onde, deitados no sofá, trázanse as cronoloxías só cara os sitios de alta velocidade. É dicir, aqueles nos que se poida sacar un proveito anímico. O patrimonio de Lugo é moral. Unha materia coa que é ben máis difícil comerciar.

Cada entidade das que converte á urbe no epicentro da súa disciplina ten un ou varios artífices. No caso do CD Lugo, a situación presente parte do pensamento Albés. Unha doutrina elaborada con tino dende a sala de prensa, onde se armou o relato da resistencia con sentido. Son moitos os que teñen pasado polo traballo temporal do banco albivermello, con peroratas que parecían armadas cunha destas máquinas de sons nas que cada número é unha mensaxe diferente. É feo pedir, peor roubar e non admitilo.

Albés ten unha sintaxe precisa. Frases curtas, con suxeito, verbo e predicado. “Pido á xente que vaia ao estadio”, dixo na previa ao transcendental partido do Anxo Carro fronte ao Amorebieta. “Pedir”, porque en Lugo existe a certeza de que hai que ir polas casas pedíndolle aos cidadáns que cumpran co debe responsable de apoiar ao equipo da súa cidade. Algo que debería ser equivalente a pagar as taxas municipais ou porse o traxe de romano no Arde Lucus no que é a mostra máis fervente de localismo.

“Á xente”. Porque a afección ten que ir moito máis aló dos que teñen carné, que nin sequera están identificados en número polo club. Non se coñece cantos hai e non hai trazas de sabelo. Como se ese anonimato fixera que parezamos máis os que pagamos unha cota. “Xente” agocha tras de si unha chamada xeral a todo o que pasa por diante do cartel que pon “Lugo” en letras negras e quítalle a responsabilidade que moitas veces queremos darlle ao que senta na bancada do Anxo Carro.

Vostede vaia e xa comprobará que a “xente”, cando pasa polo torno, convértese pronto en afeccionado. “O estadio”. Está ben lembrarlle ao colectivo que o Anxo Carro trátase dunha construción pechada con bancadas para os espectadores e que está destinado a competicións deportivas. Malia a lona dun andamio provisional que busca darlle un aire decadente e portuario ao feudo. Ou obviando que os mexos dos baños parecen enlatados mentres no palco se brinda con envases do patrocinador.

Pensamento Albés

«Nunca pido nada, pero este partido é clave», remarcou o preparador vigués, nun ton solemne que ofreceu dende un púlpito que non sabe se será o seu a vindeira temporada. Pero el ten un profundo deber coa responsabilidade do cargo. Por primeira vez nas últimas catro temporadas, o conxunto albivermello pode afrontar o final de temporada dun xeito manso. Fora das decapitacións masivas e dos xogadores facendo de actores para chamar ás citas decisivas. Ao final, de tanto apelar a historia, un remata por crer que a única vía para existir en Segunda é a dor.

Por sorte, o pensamento Albés amosa que o sentido común desde CD Lugo ten que ser a tranquilidade e o actuar dun xeito recto, construíndo o estilo que solvente as carencias. Incluso aquelas que se infiren dende dentro da institución, que, como o FMI, aplica agora recorte tras recorte despois de ver que unha pandemia mundial agudizou o seu trastorno local. Pero iso é completamente secundario agora. Seguramente a doenza se paliará a final de curso con esta boa temporada. E se nalgún momento hai que amputar, o mellor é gozar mentres se tivo un brazo para erguer nos éxitos.

Lugo é patrimonio mundial pola súa xente, malia que algún queira volvelos formigas. Militantes dunha idea común que se esmera en levantar as etiquetas do desprezo a través do que sucede nos diferentes recintos deportivos. Pequenos senados que convalidan os desexos dun pobo por acabar co seu illamento interior e por erguerse, coma outras fixo, contra o invasor que leva dentro e que prefire, sempre ou case sempre, o que lle ven de fóra. Hoxe é un día destes no que sempre vai gañar o propio.

Foto principal: Carlos Castro.

Comparte:

Deja un comentario