ActualidadCrónica

Crónica CD Lugo 2 – 0 Tenerife: “la tranquilidad es lo que más se valora”

por Denís Iglesias 23 enero, 2021
Gol de Herrera
Tiempo de lectura: 5 minutos

Ese neno da piscina de Teruel que di: “La tranquilidad es lo que más se valora”. Ese neno gordinflón e satisfeito que valora dende a súa adolescencia a tranquilidade. Porque vai ti saber, non lle gustan os cubanos. Ese mesmo foi o CD Lugo no regreso do fútbol ao Anxo Carro. Pero sen ningún tipo de xenofobia. Ben, un pouco cara a posesión. Pero iso xa era sabido. No seu campo séntese tan cómodo como o patrón con acné. Aí o conxunto de Nafti superou ao CD Tenerife por 2-0, con tantos de Herrera (redentor) e Hugo Rama. E recuperou as vellas sensacións de solvencia, rigor defensivo e aproveitamento único de oportunidades. Que ben lle veu o descanso copeiro a este equipo. [Así o vivimos en Radio Lugoslavia]

Lugoslavia eres tú: ¡NOS necesitamos!

Anúnciate o suscríbete a lugoslavia

Lugoslavia es el medio líder en la información del CD Lugo. Nacido en 2014 de la iniciativa de un grupo de profesionales de la comunicación y aficionados albivermellos. Un proyecto con más de 1.000 artículos a sus espaldas, canales en diversas plataformas, narración de los encuentros y actualización diaria de contenidos. Para seguir ofreciendo todos estos contenidos, necesitamos tu apoyo. Anúnciate o patrocina secciones y haz que tu marca o negocio llegue a los miles de usuarios que recibe Lugoslavia. Colabora y suscríbete a nuestros canales. Ahora más que nunca, NOS necesitamos. ¡Juntos somos más fuertes! >>¡Hazlo posible! Escríbenos a redaccion@lugoslavia.gal o cubre el formulario al final del texto para informarte de condiciones.

Nestas dúas semanas Nafti tivo tempo para reforzar a súa ideoloxía. E incluso renovou algunhas pautas que se perderan co paso das xornadas. Dispuxo un 4-4-2 formando arriba con Chris Ramos e Manu Barreiro. Djaló regresou á titularidade reducindo a rumoroloxía da súa saída, apuntalada en “motivos persoais”. Por diante regresou da defensa retornou Fernando Seoane, que non era titular dende a xornada 15 contra o Málaga. Para formar parella con Juanpe. E chámalle ti vello ou acabado a un 8 que se multiplicou por todos os números que tivo diante de si. O mellor do encontro, por todo o que supón.

O esquema mental de Nafti funcionou. No primeiro tempo falouse, berrouse e xogouse a partes iguais. A orde defensiva que nalgún momento pasado parecía trastocada restaurouse. Certo é que o CD Tenerife foi a Lugo sen extremos como é debido pero máis verdade é que os albivermellos souberon cortar as xeiras de ventos insulares como as de Apeh.

Dani Hernández mastigou o 1-0 de Herrera, pero tanto lle da ao canario, que o valora como o primeiro de moitos que espera

Pero o argumento máis importante veu en forma de gol. A verdade universal deste deporte sen a que non hai discurso. Chegou o 1-0 no minuto 11 en forma de reinvidicación. Herrera, o home do gol do CD Lugo en cursos anteriores, estreouse ao fin. Aproveitou unha asistencia de Roberto Canella para definir só fronte a un Dani Hernández que quixo pero non puido evitar a fuga de auga que lle deixou a súa defensa.

Non hai nada que lle guste máis a este equipo que o unocerismo, a versión avanzada do cercerismo. Unha fórmula tan boa como calquera outra se da puntos. Aínda que contra o Tenerife cometeuse un “exceso”. A partir do tanto, o partido volveuse unha película intensa de faltas, duelos aéreos e golpes. Calquera que seguira o minuto a minuto do mesmo vería que as incidencias eran accións na libreta do colexiado Sagués Oscoz. O vasco estivo ben na primeira parte. Agás no cartón amarelo que lle amosou no 35 a Manu Barreiro, ao que lle volveron debuxar a cara. Pouco despois compensou cunha amarela, esta vez merecida, a Aitor Sanz.

No medio deste intercambio de golpes, homes como Juanpe tenderon unha vía de conexión co fútbol. Pensando no balón como un recurso co que se pode xogar. Tamén amosou boas prestacións Edu Campabadal, quen lle puxo unha asistencia a Djaló que este rematou fóra. Foi á saída dunha falta. O 1-0 foi suficiente para cumprir as expectativas do primeiro acto fronte a un equipo que chegaba con moitas baixas pero no mellor momento da temporada.

‘Ramadonazo’ e a durmir

O segundo tempo comezou con Álex Muñoz tentándoo dende fóra da área. Espertaría o Tenerife? Cando quixo quitar as lagañas chegou o segundo tanto do CD Lugo. Foi obra de Hugo Rama, quen botou unha falta lateral que non atopou rematador pero tampouco defensor. Unha execución das que se envelenan nada máis sair da bota. Houbo suspense por se algún xogador do CD Lugo incurrira en fóra de xogo. A TV non creou unha nova ficción e o ’10’ engadiu o cuarto tanto á súa conta persoal en liga. Malia que Barreiro reclamou que el puxera unha seda do seu pelo.

A tranquilidade. Un 2-0 co que o CD Lugo non se vía dende o partido da Rosaleda. Pero aquilo rematou do peor xeito posible, co Málaga remontando en inferioridade. O xeito de impedir unha transformación de tranquilidade en pasividade era mediante os cambios. Nafti deu entrada a El Hacen e Carrillo, que reemprazaron a Hugo Rama e Manu Barreiro. O conxunto de Ramis tentou a reacción con homes como Jorge Padilla, quen no 74 fixo un gran movemento de extremo para deixar na cuneta a Campabadal e lanzar un disparo que se foi por pouco.

Antes, Cantero estivo a piques de enredarse logo du centro alto de Shaq Moore dende a dereita. Bateu con Venâncio o que lle obrigou a atrapar a bola en dous tempos. O Tenerife botou todo sobre a mesa coas entradas de Ramón Folch e Joselu, que tivo unha oportunidade clara na portería na que tantas veces acertou. Tan ben foi o guion do partido que ate se puido ver de novo ao Puma Rodríguez, cuxo retorno seguro será un punto extra na segunda volta. Velo sorrir de novo… Ata o neno de Teruel querería que estivera na súa piscina. Estamos seguros.

Puma Rodríguez, o latino que até o neno de Teruel deixaría entrar na súa piscina.

Esa do Fondo Norte que fixo un campo magnético contrario para evitar que un remate a pase de Fran Sol acabase na rede. E así se foi indo o partido. Polo desaugue da piscina albivermella, onde o que máis se valora é a tranquilidade. Porque vas a outros campos e hai florituras, emocións e posesión. Pero aquí, con 31 puntos, mirando cara arriba na táboa, estáse moi ben.

Ficha do Lugo 2 – 0 Tenerife

CD Lugo: Cantero; Campabadal, Venâncio, Djaló (Pita, min.75), Canella; Seoane, Juanpe, Hugo Rama (El Hacen, min. 68), Chris Ramos (Iriome, min.88), Cristian Herrera e Manu Barreiro (Carrillo, min.68).

CD Tenerife: Dani Hernández; S. Moore (Kakabadze, min.80), Spcic, Wilson, B.Wilson, A. Muñoz; Aitor Sanz, Zarfino, V. Vada (Javier Alonso, min.58), Pomares (Jorge Padilla, min.58); Apeh (Folch, min.72) e Fran Sol.

Árbitro: Sagués Oscoz (Vasco). VAR: Sánchez López (Murciano). Amonestou aos locais Manu Barreiro, El Hacen; e aos visitantes Spicic, Aitor Sanz e Fran Sol.

Goles: 1-0: Cristian Herrera (min.12); e 2-0: Hugo Rama (min.54).

Incidencias: partido correspondente á xornada 22 en Segunda División – Liga SmartBank. Disputado no Estadio Anxo Carro sen público.

Comparte:

Deja un comentario