ArtículosPrevia

A Unión Deportiva Almería de José María Gutiérrez contra o novo Lugo de Curro Torres

por Denís Iglesias 4 enero, 2020
Tiempo de lectura: 4 minutos

Hai diferentes xeitos de comprobar que te vas facendo maior ou que directamente vas camiño de ser un vello caendo. Están as resacas, as dores nos ósos, a perda do oído… E logo, o fútbol. Se coñeces e lembras de xeito nítido vivir os pases, toques e goles de Guti tes xa ben camiño andado. O mediapunta do 14 á espalda, dorsal que acompañaba de ‘Guti Haz’, xa non se chama así. Agora é José María Gutiérrez, tal e como pediu que lle chamasen logo da súa presentación como adestrador da Unión Deportiva Almería de Turki Al-Sheikh, que xa non é “el Almería” de Julio Iglesias ou Nikola Milinkovic que competiu en Primeira nos ’90.

Nikola Milinkovic, na súa etapa como xogador do CD Ourense.

Guti agarda impartir docencia agora no fútbol profesional, onde leva oito partidos dirixidos á fronta da UD Almería logo de adestrar ó xuvenil do Real Madrid (chegou a gañar a Liga, Copa de Campeones e Copa del Rey nun mesmo ano) , onde el despuntou. De feito, xogou co Real Madrid C en Lugo en 1995. Como adestrador levou ós mozos polo rego que el non quixo coller ben veces cando era máis novo. Para marcar distancias con esa época de moito talento pero tamén excesos, leva ese aire de mestre egresado en Wisconsin. Ten un reto de altura diante de si. A irrupción de Turki Al-Sheikh en Segunda División foi como a dun camión nun salón. Rebentando a banca e pasándose os límites financieros pola corte real de Arabia Saudita á que pertence como asesor.

Por sorte, os cartos non o poden todo e a súa fichaxe estrela, Arvin Appiah, está a pasar completamente desapercibido na categoría de prata. Un xogador que supera por pouco a maioría de idade e polo que o conxunto unionista pagou 8,8 millóns de euros, unha cantidade que supera ó presuposto dalgún dos seis rivais en Segunda. Feita a lei, feita a trampa, o xogador foi inscrito no filial que milita en Terceira División para cumplir cos topes ás veces homeopáticos de Javier Tebas. Neste mercado de inverno semella que o Almería volverá á carga. Segundo medios arxentinos ofreceu 9 millóns de euros por Matías Palacios, mediaputa do San Lorenzo de Almagro. Acostumados os xeques e derivados a conseguir todo a base de talonario, atopan no sistema competitivo certa frustración. Só así se pode explicar a destitución do adestrador Pedro Emanuel, posto polo propio Turki Al-Sheikh a comezos de temporada, na xornada 14 cando o equipo ía en segunda posición.

‘Escribe la leyenda’, di o pé falso desta foto. Mellor póñana vostedes.

Alerta: dúas derrotas seguidas

Vistos os antecedentes, é posible que o posto do actual José María Gutiérrez estea en perigo. Acumula dúas derrotas consecutivas que lle terían causado un severo castigo en Arabia Saudita a Guti. A primeira, en Copa del Rey contra o Tamaraceite canario de Terceira División, que foi quen de tumbar na prórroga a este proxecto multimillonario. A segunda, fronte á SD Ponferradina en el Estadio Juegos del Mediterráneo. O conxunto berciano foi quen de remontar para anotarse un 2-3 que deixou fríos os almerienses. Ambos os dous equipos marcan a pauta a seguir para un CD Lugo que estrea novo adestrador neste 2020.

Curro Torres sustituiu a Eloy Jiménez no banco. Non se sabe se polo efecto das datas, pero a súa presenza renovou o ánimo de parte da afección albivermella. Algún de volta na casa nestes días, ou con xornadas libres, baixou ó Ceao para comprobar ‘in situ’ como traballa o novo corpo técnico albivermello. Grandes doses de pedagoxía nas xogadas a balón parado, rapidez, máis control do balón… Hai unha serie de argumentos apuntados que poden permitirlle ó CD Lugo coller o aire que precisa nunha clasificación na que limita co descenso. A diferenza do Almería, que é segundo, mais a sete puntos do Cádiz, primeiro clasificado.

En principio, non se prevé un mercado de inverno axitado á beira do Miño. Tentarase acadar a permanencia cos efectivos dispoñibles. Nesta volta ó traballo, o equipo galego sufriu un revés importante coa lesión de Borja Domínguez, un dos xogadores importantes no centro do campo. Dolorosa rotura completa do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo que o podería manter fóra durante todo o que queda de temporada. Isto obrigará a dar un paso adiante a xogadores como Jaume Grau ou Álex López, que estiveron nun plano secundario con Eloy Jiménez ó mando. Ninguén mellor que Curro Torres para sacarlle proveito a estes novos valores, un técnico que obtivo os seus mellores números co filial ché, o Valencia Mestalla.

STOP partidos máis duros de ver que un film de Andréi Tarkovski

Para este partido, Torres non poderá contar, alén de Borja Domínguez, con outros lesionados como Varo, Hugo Rama e Carlos Castro. Dous fixos no esquema de Eloy como Djaló e Pita non traballaron con normalidade esta semana. Regresan á lista Yanis Rahmani, Gerard Valentín, Josete ou Iriome. No bando almeriense regresan o central Ozornwafor, o medio César de la Hoz e o dianteiro Sekou.  Juan Ibiza, Owona e Coric figuran na lista lesionados. Tampouco viaxaron Rosic, Chema e Gaspar. Un equipo cun “potencial enorme”, tal e como o describía Curro Torres en rolda de prensa, con xogadores da categoría de Lazo, que ben coñece a afección albivermella. Tal é así que nunha enquisa realizada nas redes sociais de Lugoslavia, saiu como o mellor xogador do CD Lugo en 2019.

Comparte:

Deja un comentario