Unha cabeza máis -e xa van sete- rodou pola mesa do consello de administración (CA) do CD Lugo SAD. Eloy Jiménez deixou de ser adestrador albivermello xusto antes da cea de Noitevella, co tempo suficiente para comentar o incidente na mesa da última cita gastronómica do ano. Vaise con realidades moi distintas no peto: dende o doce sabor da salvación até o amargo guarismo da peor primeira volta do conxunto lugués dende que ascendeu a Segunda División. Un rexistro que, malia todo, non deixou ó CD Lugo en postos de descenso antes do Nadal.
Alén dos números, é certo que Eloy Jiménez despídese dun equipo ó que lle inoculou o seu estilo, baseado en pilares como a contención, o aproveitamento dos erros dos rivais e outros argumentos que, ou ben non funcionaron, ou ben non soubo transmitir ós xogadores. Ou non eran estes os axeitados para facer carburar esta metodoloxía. O CD Lugo foi, na gran maioría dos encontros que se levan disputados nese curso, inferior ós seus rivais. Nalgún caso, isto reflectiuse de xeito claro no marcador. E noutros a resistencia atrás veu acompañada de golpes de fortuna ou calidade executados por homes como Cristian Herrera que mantiveron con vida e puntos a este equipo. Sabedor de que o seu obxectivo fundamental é a permanencia, unha salvagarda que, pola contra, non debería convertelo nun conxunto a expensas do contrario.
O manchego conseguiu frear o descenso dándolle ós xogadores ferramentas básicas pero útiles na súa loita por non perder a categoría
Eloy colleu en abril de 2019 un equipo desfeito, mergullado nunha espiral de autodestrución que só lle conducía ó descenso. Á fin da película de prata que está escrita, antes ou despois. Neste caso, o manchego conseguiu demorala dándolle ós xogadores ferramentas básicas pero útiles na súa loita por non perder a categoría. Na penúltima xornada déronse varias circunstancias que se puxeron do seu lado. Como a remontada ‘in extremis’ do Real Oviedo ante o Rayo Majadahonda, que perdeu finalmente a categoría. Mais para chegar a este desenlace, o CD Lugo tivo que loitar por chegar vivo ó mesmo. Maior anomalía foi a caída en combate do Reus co seu reparto automático de tres puntos para todos os equipos.
Existía case un consenso ó redor de que Eloy Jiménez merecía a oportunidade de dirixir unha campaña enteira ós albivermellos malia que a súa experiencia na categoría se reducía ós sete partidos do ano pasado. Houbo suspense, como en todos os movementos do CA, pero finalmente o de Hellín obtivo a oportunidade logo de proclamarse Mesías da anterior salvación. Eloy puxo entón en marcha o seu estilo, o mesmo que acabou devorando a si mesmo como Saturno cos seus fillos. Unha estratexia baseada no conservadurismo e no medo a non exporse demasiado ó rival. Suficiente, pode, nun caso de extrema necesidade, pero defectuoso para un proxecto de 42 xornadas.
Algúns dos pesos pesados do equipo manifestaron que Eloy Jiménez foi un dos mellores adestradores que tiveron nos últimos tempos
Esta liña argumental contrasta co ambiente que se respiraba no vestiario, segundo algúns dos pesos pesados do equipo, que chegaron a manifestar que era un dos mellores técnicos que pasaron polo Anxo Carro nos últimos tempos. E pode que o traballo sexa a mellor virtude de Eloy Jiménez, algo que a súa teima polo resultadismo emborranchou. A demostración de aprezo era mutua, porque os xogadores con máis temporadas no equipo tamén tiveron unha gran cantidade de minutos con Eloy. É o caso de Carlos Pita, Fernando Seoane ou Iriome.
Os dous primeiros, malia as fichaxes que houbo para o centro do campo, continúan a ser protagonistas. Unha das circunstancias máis negativas que deixa Eloy Jiménez é a desconexión total de xogadores como Álex López ou Jaume Grau, polo que o que veña (Curro Torres), terá traballo para convertelos en recursos útiles ou deberá seguir xogando de xeito semellante, pero con mellores resultados, a como o facía Eloy.
Tráfico mediático cun morto
Este reclamou no verán, de xeito insistente, reforzos. Acabaron chegando. Algúns tarde. Outros mal e o resto darrastro. A diferenza de anos anteriores, o CD Lugo non ten un home que destaque sobre o resto ou que teña a capacidade para botarse ás costas o equipo como ocorreu o ano pasado con Lazo. E algunhas demarcacións como o lateral esquerdo son realmente deficitarias. Con todo, nada anómalo nun club que practica economía de supervivencia malia que os ingresos por vendas non paren de medrar.
A misión principal do CD Lugo agora é atopar catro equipos peores. Na súa mesma loita hai equipos chamados a cotas superiores e con moita historia detrás, polo que a pugna vai ser terrible. Eloy contemplará a disputa dende a distancia logo de saberse fóra do banco dende hai semanas. O CA levaba tempo buscándolle sustituto. Hai quen di que antes do encontro fronte ó Malaga, fixese o que fixese, xa estaba escrita a súa sentencia de morte. Poderáse estar en acordo ou desacordo co seu estilo e forma de actuar, que nas últimas xornadas, froito da presión, tornouse nunha prosa dura e que cargaba contra as voces que querían vélo fóra do club.
Todo isto forma parte do tira e afrouxa do fútbol. E máis nunha entidade que vive axitada polos continuos desacougos na parcela institucional. Mais non é de recibo o tratamento que sufriu o xa ex adestrador do CD Lugo nas últimas horas. O máximo accionista púxolle data de morte na pasada xunta xeral. Un medio local revelou ‘por erro’ a súa destitución horas antes. Un circo mediático que culminou cun comunicado de puntos suspensivos, un recurso no que leva instalado esta SAD dende o 2015.