Artículos

Comer tranquilo

por Denís Iglesias 5 octubre, 2019
Tiempo de lectura: 3 minutos

“Nesta casa nunca faltou un prato na mesa”. É un dos versículos da clase traballadora, o gran sustrato da pirámide social. Comer é un acto básico e sagrado. E máis en Lugo. Pode un atravesar unha época escura, que ó longo dunha barra ou darredor dunha mesa sempre mingua a dor. Sabémolo os habitantes desta cidade esquecida polo ‘eixoatlantismo’, na que a nosa intermodalidade vai entre camiñar ou ir correndo. A sacralidade é maior entre o 4 e o 12 de outubro para algúns, e practicamente en todo o mes para moitos outros. Datas de San Froilán. As tabernas son os nosos templos. Aí a homilía está bastante clara e comúlgase a golpe de tentáculo (cada vez máis caro).

Na nosa minúscula existencia, os seareiros albivermellos fomos agrazados cun novo desprezo: a asignación dun encontro para o día do noso patrón, San Froilán, ás 16:00 da tarde. É un dos poucos santos, xunto con San Vicente cando bota viño, que a poboación luguesa respecta sen importar canto tempo levan sen ir a misa. Tebas, que non ser perde nunca un San Lorenzo de Huesca, non foi quen de telo en conta. E o CD Lugo SAD, coma sempre, a velas vir. Que por unha cousa ou outra pensa só no recuncho dos presidentes. Todo o que pase nos asentos de plástico tintados é responsabilidade dos seus ocupantes. A última, declarar arma de destrución masiva os paraugas. Sobre todo para os socios de General, ós que Saqués quere regar para ver se medran e enchen un pouco máis un estadio que ten unha audiencia precaria. 

O horario da comida, sentados fronte ó prato, é o único que nos sitúa por diante doutros europeos

Un xa non pode comer tranquilo. Até ese momento fundamental, no que só está o ser humano, a mesa, a sua lasaña prefabricada ou cocido gourmet… Até ese invadiu o multifuso horario da Liga, capaz de programar encontros para as dúas da tarde. Desposuidos do horario fundamental, que nos diferencia dos europeos de snack ó mediodía, algunas peñas como Brigadas Lucenses non deixaron pasar a oportunidade para levar a cabo una protesta. Entrarán na segunda parte do encontro contra a UD Las Palmas, despois de rematar un encontro familiar ou fraternal nun banco corrido das casetas, do Manciñeiras, da Mallorca ou calquera local onde usen rápido unha tesoira con cefalópodo. 

Nin matanza nin caducados

Quere comer tamén tranquilo Eloy Jiménez, a quen se lle atrangantou a previa ó partidode hoxe. Notóuselle activo e molesto, dúas reacción sinceras logo do empate contra o Mirandés. Que os tres puntos escaparon pola intensidade, que a formulación era correcta e os cambios benvidos… Iso dixo. Case á hora do vermú, con certa presa xa por cheguen os tres puntos. O de comer o turrón é unha expresión vella. O Suchard está xa nos supermercados así que se lle presta, ben lle pode meter o dente. 

Jiménez non quere estar pendente do móbil mentres xanta coa familia. Como tantos, di que o que se comenta nas redes non lle afecta. Como tantísimos, dálle una e máis voltas ó que nelas se verte. Non son un bo menú do día. Máis ben comida rápida que lle leva a algún a pedir a cabeza do adestrador cando aínda non se cumpriron dez xornadas de liga. Compren melloras e trocos de estilo, pero afiliarse á lóxica destrutiva do ano anterior non parece una fórmula mol axeitada. Pedir sangue sen reflexionar supón darlle a razón ó que tutela esta Sociedade Anónima Deportiva. É ben sabido que non lle ten medo a meterlle o coitelo a todo o que estea por debaixo del (que é básicamente calquera que lle arrodea).

Eloy díxoo e sábeo, que os resultados son o único que mata a necesidade. E sen eles, o máis normal é que o empleador remate na casa pensando no que fixo ou deixou de facer. Di contar coa plena confianza dos seus xogadores e iso é algo que non se lle pode negar. Como a sinceridade nos seus xestos, en marcar que lle doe non verse con máis puntos logo de enfrontarse a moitos rivais directos. Pero nos días e na categoría que nos acollen tentar defender só con acumulación de xogadores, como argumentou en sala de prensa, é como dar croquetas de bolsa cada día de tapa nun bar de Lugo.

Nin matanza nin produtos caducados. Haberá termo medio, demarcación na que ten xogadores talentosos feitos para moito máis que correr detrás do balón. E somos conscientes de que o pulpo pódese comer un par de veces ó ano. Que se paga tan caro como os futbolistas decisivos e as influencias positivas nos outros bares, con ‘V’ e con moita presión. Todos queremos comer tranquilos, pero para que ninguén nos escaralle o xantar é preciso sumar canto antes na casa en forma de triunfo. Que bastante fame se pasa xa fóra…

Foto principal: Xesús Ponte – El Progreso.

Comparte:

1 Comment

Pablo 12 octubre, 2019 at 19:31

Felicidades. Pedazo de blog!!!

Reply

Deja un comentario