Artículos

Adrià Carmona: o líder da ‘Quinta Olímpica’

por Denís Iglesias 22 julio, 2016
Tiempo de lectura: 3 minutos

As presentacións dun novo xogador poden ser ben incómodas para un adestrador. Moitas veces os técnicos falan sobre futbolistas que non pediron, ou que nin sequera coñecen. Acostumaba a pasar cos exóticos, con aqueles africanos ou balcánicos que tan de moda se puxeron durante un tempo e dos que algún non sabía situar no mapa o seu país de procedencia. Tamén sucedeu coas xoias asiáticas. Ó final, este tipo de eventos parecíanse máis a Feijoo intentando pronunciar The Chieftains.

Todas estas situacións distan ben da vivida na presentación do último reforzo do Lugo, Adrià Carmona, a cuarta incorporación do equipo da cidade amurallada, a quen Luis César Sampedro coñece ben, pois estivo ás súas ordes no Albacete a tempada pasada. “É un futbolista que pode xogar en tres posicións, ben pola dereita, ben pola esquerda e até detrás do punta”, definiuno o técnico, quen esfolla a súa margarida con cada nova fichaje: “Siguen faltando catro ou cinco fichaxes para completar o pantel. Reforzos para todas as liñas”.

Estreo en Sarria

Á espera de que cheguen as pezas que completen o quebracabezas, Luis César amosouse entusiasmado con Carmona, que pode ter sido unha petición expresa súa. “É un xogador con moito desequilibro, creativo, que pode xogar ó espazo, capaz de xerar desigualdades, con bo golpeo a balón parado…”, afirmou dun futbolista do que din os afeccionados do club albaceteño que padece certa fraxilidade física. Este defecto faino proclive as lesións e mingua o rendemento dun centrocampista con técnica máis que suficiente para Segunda División. Debutará en Sarria o vindeiro mércores ante o Coruxo, segundo adiantou Luis César, quen non conta con el para o partido de mañá fronte ó Racing Ferrol, onde Pedrosa será a única ausencia.

Luis César reiterou unha e outra vez á súa polivalencia, virtude importantísima nun equipo coma o Lugo, que non fai poucas permutas ó longo do ano. Quizais por iso o director deportivo Emilio de Dios falou del coma un “perfil necesario” para o equipo. Carmona, que asina por dous anos, aludiu directamente ó que volverá ser o seu adestrador: “Agradézolle a oportunidade. Quero volver a deixalo todo no campo. Esa é a miña idea”. E coincidiu con Ignasi Miquel, Marcelo Djaló e Yelko Pino -as outras tres altas- en que ven ó Lugo a “pasar páxina” e a “enfocar o proxecto con ilusión”.

[youtube https://www.youtube.com/watch?v=EI6pYo2nfsY]

Cando fomos os mellores…

A liña da secretaría técnica até o momento está sendo a de apostar por xogadores novos, nos que se depositaron moitas esperanzas e presión cando eran mozos, esixencias coas que tiveron relacións irregulares. Carmona, con tan só 24 anos, ten visto bastante mundo até o de agora. Saiu cando era un cativo da canteira do Barça, con 18 anos, rumbo ó AC Milan, no que non conseguiu prosperar. Logo de varias reviravoltas polo Real Zaragoza, Girona, Espanyol B e o propio Albacete -co que descendeu o ano pasado- pretende acougar no Lugo, unha cidade na que non imaxinaría rematar hai uns anos, cando se proclamou campión de Europa sub-17 nun equipo no que militaba, por exemplo, Thiago Alcántara, centrocampista do Bayern de Munich.

Agora a súa cabeza pensa en albivermello e tentará integrarse o máis rápido posible nun vestiario no que reencontrará con vellos compañeiros coma o propio Ignasi Miquel. Ambos os dous gardarán máis dunha foto xuntos de cando eran compañeiros nas categorías inferiores do Barcelona. Formaron parte da chamada Quinta Olímpica -por teren nacido no 1992, data dos Xogos da Cidade Condal- da canteira blaugrana, da que Carmona era o seu rebuldeiro líder. Conquistaron xuntos o Mundialito sub-15 de 2007 fronte ó Sao Paulo. Ambos volven a compartir espazo vital nun momento no que os grandes triunfos están lonxe, pero no que as victorias seguen sendo tan necesarias para vivir.

Foto principal: CD Lugo.

 

Comparte:

Deja un comentario