Actualidad

Kravets, o lobo solitario do leste

por Denís Iglesias 18 mayo, 2017
Vasyl Kravets
Tiempo de lectura: 3 minutos

A estas alturas da tempada, os equipos dunha Segunda sempre axustada deberían ser un exemplo de fordismo. Recoller, colocar na liña de montaxe, ensamblar, empaquetar e volver a comezar. Van xa suficientes semanas como para non coñecer a división do traballo e a produción en serie de xogadas. Pero a cadea do Lugo vai unhas semanas que perdeu sentido. A baixada de ritmo era previsible nun equipo que no terreo físico non vai sobrado, pero o preocupante é que os elos da liña de ensamblaxe non se entenden entre si.

É por iso que un só operario non pode mellorar a calidade do produto manufacturado. Si pode ser un exemplo de traballo para o resto dos compañeiros. No Lugo esta figura está a representala no último tramo do campionato Vasyl Kravets. O lateral ucraíno gañoulle a partida a Serge Leuko e Manu no flanco esquerdo da retagarda e reproduce as premisas que se esixen como mínimo para aprobar nun desenlace de suspenso, en todas as súas acepcións. Estas non son outras que un alto nivel de intensidade, querer loitar cada balón e un virse abaixo coas malas dinámicas. O fútbol de sempre que na elite se trocou polo xogo duns atletas técnicas. Iso non vale na categoría de prata.

Kravets ten 19 anos e difícilmente fala algunha palabra nalgún idioma romance, mais entende mellor a linguaxe do fútbol que moitos dos seus compañeiros que incluso levan anos xogando xuntos. Malia que Ramón Villares, o experto en scouting de Lugoslavia, falaba das virtudes do ucraíno cando aterrou en xaneiro en Lugo, o espírito da desconfianza acolleunos a todos (incluído a min).

Tan só era unha cesión con opción de compra a final de tempada (operación que debería acometer o Lugo), pero logo de varias incorporacións erradas no mercado verán (Perea, Enguene…) era complicado non ter certos prexuizos. Que se viña dun equipo que estaba á cola da liga do seu país… Que era ben darlle oportunidades ós de casa antes que a alguén que ía sofrer un cambio sociocultural tan grande… Os complexos derrubáronse en seis partidos, os que precisou Kravets para asentarse no once de Luis César e amosar que non é un cedido máis, se non un xogador que quere medrar canto antes mellor. Para non ser outra estrela efémera na ampla constelación que arrodea o fútbol actual.

Kravets foi dos poucos que se salvou no magoante partido ante o UCAM

Incluso na súa fisonomía e no seu aspecto hai trazas dun xogador curioso. Sen comprender unha verba dos que lle arrodean leva sempre un sorriso que se debuxa da orella á orella da súa cara infantil. Co pelo ó cero, parece un cadete recén ingresado na infantería ó que lle esperan novatadas. Nada máis lonxe da realidade, tense licenciado antes do previsto mentres Luis César pasa revista ás tropas unha e outra vez en busca de solucións.

Contra o UCAM foi, xunto con Yelko e algunha faísca de Pita, o único que se salvou dun encontro magoante e que ruborizou ós presentes na sesta diurna do Anxo Carro (0-0 contra un equipo que xogou con dez case todo o encontro). Kravets xa fóra o xogador máis destacado fronte ó Tenerife ou fronte ó Reus, dúas das súas actuacións máis destacadas. É das poucas notas positivas deste final de curso, un rol que o ano pasado desempeñara Joselu, afogado nas últimas semanas e cada vez máis lonxe do seu obxectivo de ser pichichi da categoría. 

O ucraíno non só ofrece traballo, tamén atrevemento. Ben por inconsciencia xuvenil ou por simple descaro pega onde lles doe ás súas marcas. Con cambios rápidos e fortes. Aínda non ten os vicios adquiridos do fútbol profesional e cando sente que o agarran pola camisola logo de zafarse dun rival el segue cara a portería rival. Coma se esta tivera un imán. Fronte ó Numancia volverá a desempeñar un papel clave nun equipo que, sen Pita, ten renunciado ó xogo polo centro ou combinativo e que aposta todo a arrebatos puntuais nas bandas, onde Kravets é un lobo solitario. Por el o Lugo non firmará o fracaso.

Foto principal: Xabi Piñeiro – Lugoslavia.

Comparte:

Deja un comentario