ActualidadArtículos

Cristo na Copa

por Denís Iglesias 6 septiembre, 2016
Tiempo de lectura: 3 minutos

Só falaba que chovera. Porque os erros defensivos estaban servidos. Porque adiante o Lugo amosouse inocuo. Porque ó Tenerife non lle sentaron tan mal as rotacións. Porque os estreos dos novos foron infrutuosos. Porque por primeira vez en catro anos o equipo nin sequera fai o aceno de ilusionarse coa Copa, para acadar a primeira vitoria do ano. Porque unha vez máis o partido rematou en remontada. Por que podían iar as cousas peor? Porque podía chover e choveu, nun tórrido serán de verán no que o Lugo abafou.

A figuración inicial de Luis César presaxiaba incertidume. Calavera, como sustituto de Manu. Iriome, na punta de ataque. Djaló, no mediocentro. Yelko, tirado a banda. Roberto, na portería. E así un feixe de liñas argumentais imprevistas que converxeron nun equipo gris, que pola contra foi quen de adiantarse no marcador nun dos poucos exercicios de lucidez ofensiva do partido.

Ocorreu superado o 20 de xogo da primeira, cando Iriome, o falso nove ‘9’ de  deste show cravou a espada no club que lle viu medrar logo dunha boa xogada que arrancou nos pes de Campillo e que Leuko transportou cara o gol cunha gran asistencia. O único sorriso nunha escadra sen ideas para sacar o balón xogado dende atrás, e que incurriu reiteradamente en cesións cara Roberto, que estreaba titularidade, pero como o ano pasado fronte a Ponferradina sentiu en corpo propio a derrota copeira.

Presumíase un encontro lento, debido ó calor abafante que se viviu en Lugo. Fixeron oídos xordos a esta circunstancia xogadores como Amath N’Diaye, cedido polo Atlético na entidade tinerfeña, un dos novísimos e improvisados comandantes dun Tenerife firme na presión. Co xogo aberto, os locais entraron cedo nun coma defensivo que lles levou a repetir perdas de balón. Despexes sin forza, falta de apoios… O galimatías dos encontros anteriores volveu a repetirse, pero sen que saíra a outra parte do caracter bipolar do Lugo, ese que lle leva a botarse adiante sen mirar atrás. Para marcar e calmar os medos.

Lance do encontro | Foto: EFE.

Lance do encontro, no que Carlos Hernández disputa un balón con dous rivais | Foto: EFE

Ataque cego, defensa miope

O Tenerife atopou premio ó bordo do descanso. Unha secuencia de desacertos rematou no gol de Germán, que aproveitou un rexeitamento defectuoso de Roberto a centro de Álex García. Luis César volveu a sinalar e sacudiu a pizarra no descanso dando entrada a Enguene no lugar de Djaló. Retirou a un xogador que leva toda unha pretempada no equipo por un que acaba de chegar, e que se amosou pasado de voltas. Tamén debutou o dianteiro Brayan Perea, nun intento á desesperada por sumar máis pólvora en ataque, onde tardíamente tamén sumou Joselu, que rematou o seu primeiro da tempada sen ver porta.

Ambos os dous debutantes uníronse a un Lugo desnortado que desperdiciou unha ducia de córners, nos que tan só Carlos Hernández chegaba a rematar, case sempre en posición forzada. Tampouco estivo afinado Campillo, que dispuxo de dúas faltas en franca posición. Fíxoselle grande a barreira dun Tenerife que soubo recollerse para agardar o momento da estocada final, obra de Cristo González, quen ós seus 18 aniños sacou un incrible zapatazo que sorprendeu a Roberto. Como non, co preludio dun triste enredo de pase do Lugo, que como se dun frontón se tratase, serviu en bandexa varios tiros francos ó rival. Cristo, con ficha do filial, como Amath, vai camiño de ser -se é que non o é- unha das grandes promesas do Tenerife, que si se vale da canteira para completar o seu proxecto.

Rosmou o Lugo ó final do partido sen facer ruido, movido pola inercia do final dun encontro que catapulta os ánimos dun Tenerife que tan só foi quen de sumar un empate nas tres primeiras xornadas de liga. Pero no que os menos habituais si souberon ver a importancia deste tipo de partidos, onde a liña entre a vida e a morte é demasiado fina como para tentar camiñar por ela. 

Ficha do partido: 

CD Lugo: Roberto; Jordi Calavera, Dealbert, Carlos Hernández, Leuko; Djaló (Enguene, min.46), Seoane; Campillo, Yelko Pino (Brayan Perea, min.75), Igor Martínez; e Iriome (Joselu, min.69).

CD Tenerife: Falcón; Cámara, Jorge Sáenz, Germán Sánchez, Camille; Alberto, Vitolo; Omar Perdomo (Cristo González, min.31), Aitor Sanz (Marc Crosas, min.88), Álex García (Suso Santana, min.80); e Amath Ndiaye.

Marcador: 1-0, min.22: Iriome. 1-1, min.39: Germán Sánchez. 1-2, min.60: Cristo González.

Árbitro: Areces Franco (asturiano). Amosou cartón amarelo ós visitantes Jorge Sáenz (min.55) e Alberto.

Incidencias: encontro da segunda rolda da Copa do Rey, disputado no Anxo Carro. 2.000 espectadores.

Comparte:

Deja un comentario