Artículos

Quindimiles e Castromiles

por Denís Iglesias 9 enero, 2021
Quindimil, parroquia de Palas de Rei.
Tiempo de lectura: 4 minutos

Hai unha tendencia case conxénita en Lugo a non darlle demasiada importancia ao que sucede na casa. Como se vestir a albivermella por debaixo do primeiro equipo fora unha especie de empresa de traballo temporal. Ata atopar acubillo, cumpridos os 20 e tantos, nalgún equipo de Terceira ou, no mellor dos casos, en Segunda B. A priori ser de Lugo ou criarte na canteira do Lugo non entumece as pernas. Pero semella que é mellor traer unha matrícula doutro equipo para prosperar.

Polo menos hai xogadores que dan unha percepción diferente. De ser futbolistas con fame para medrar por riba do teito de cristal que teñen enriba. É o caso de Antón Quindimil, un vigoroso central do Polvorín de 21 anos que cubriu un dos poucos expedientes positivos que quedou da eliminación en Copa del Rey contra o Girona. Menudo encontro. Moito máis dixerible, sobre todo no primeiro tempo, que episodios anteriores. Pero cun final de historia elevado polo equipo catalán á categoría de xesta.

Dani Vidal e Antón Quindimil, xogadores do filial albivermello.

Xa ten que ser menor un equipo que xogou en Primeira, baixo o patronato do Manchester City, para celebrar unha eliminación ‘in extremis’ fronte ao Lugo, na prórroga, como se fora a cara B daquela cabezada de Caballero que aínda lles doe. En Lugo nunca nos consideramos máis importantes do que somos. É máis, temos tendencia a botarnos odio enriba de tódolos xeitos habidos e por haber. Como nos pasa coa canteira antes comentada. Mais en Montilivi consideraron que o pase de segunda rolda é o suficientemente grande como para equipararse a un ascenso frustrado.

Iso é darlle valor ás pequenas cousas. Como que Quindimil se perfilase coma un central que peta na porta. Aquela que non é quen de derrubar Pedro López. Parecía ter collido a rodaxe suficiente no Unionistas para ter un rol máis activo do que está a ter. Non axudou a lesión nin a esixencia altísima nesta faceta do equipo de Nafti. Con todo, o francotunecino sempre ten boas palabras para os “nenos”, “cativos”, “pícaros” ou como lles queira chamar. Aos que trata cun paternalismo que constrúe unha relación entre a base e o equipo dos maiores.

Non é fácil. As dúas partes poden queimarse. Juanfran fixo debutar contra o Fuenlabrada, como aviso de ter o plantel a medio facer, ao propio Quindimil, a Dani Vidal e Manu Morais sumou o seu segundo partido. Aquel partido foi un drama inicial de curso. Algún xa dixo que nada que viñera do filial valía. Pero logo chegaron as necesidades e aí volveron estar. Xunto a outros como o xuvenil Luis Castro, un chimpo que non se vía dende Escriche. Tamén sumaron convocatorias Manu Nuñez ou Martín. E minutos Antón Escobar. Ningún e ninguén morreron nun intento que xa foi máis do que aportaron algúns futbolistas profesionais en anos anteriores. O relevo acompáñao Nafti cunha filosofía de xogo que é doada de entender.

Pode un estar máis ou menos dacordo coa proposta futbolística do adestrador do CD Lugo. Pero o certo é que polo menos hai unha proposta. Un estilo recoñecible ao que lle falta vida arriba pero que ten no Castromil e outros coches de liña un parecido razoable. Por certo, o Castromil, con todos eses fermosos autobuses de autores galegos, xa morreu. Como a Empresa Freire, teletransportadora de soños e frustacións cara Compostela. Agora só nos queda o colectivo de Nafti, que, como el ben conta en cada rolda de prensa, vai sempre polos barrios máis duros. Non hai nada bonito que ver. Nin posesión máis alá da verdade defensiva. E vale ben a esta altura se houbera un dianteiro que de vez en cando pilotase o autobús.

Quen marca aí?

Manu Barreiro e Carrillo teñen o freo do gol posto. O primeiro xa lle custaría pasar a nova ITV. O segundo, ten as prestacións que xa amosou. Por detrás, unha barqueta chamada Chris Ramos que acumula máis méritos e réditos goleadores que ningún. E está libre para que se lle ofreza un contrato. Como Herrera, pero para marchar. O canario esperta ás veces e por partes, con asistencias como a que lle puxo en Montilivi ao propio Ramos. Pero nas contas seguen sair os seus necesarísimos tantos anuais. Non nos importa que mande balóns á lúa se de vez en cando lle ven o brillo puntual cara porta. Sen estas aportacións de pólvora, coidado, porque a seca goleadora pode ser peor que resistir un temporal de ataques rivais.

E non parece que o mercado de inverno se vaia mover. O CD Lugo non ten cartos nin cadeas para abrir esta ventá. Os rumores percíbense máis como un cheiro que como unha solución a estes problemas. Por iso, pechada a saída e entrada da cidade, como se a Filomena nunca se fose, a un non lle queda máis que aplaudir aos confinados do filial como Quindimil. Non hai que ter presa con eles, como tantas veces ten dito Pacheta. Pero tampouco se pode minusvalorar o que aportan nun curso marcado polos calendarios tolos, o coronavirus, os temporais e pronto algunha plaga bíblica. Se Quindimil é unha parroquia de Palas de Rei por algo será, non?

Comparte:

Deja un comentario