ArtículosCrónica

A quen lle tocou a pescada?

por Denís Iglesias 12 agosto, 2018
Tiempo de lectura: 9 minutos

Todo isto comeza logo dunha longa sesta de verán. Case tres horas de improdutivo descanso que contrastan coa mal declarada ansia por aproveitar ó máximo o tempo libre. Pode que o non facer nada estea pouco valorado e no fondo caer no mundo dos soños sexa unha asignatura de libre elección. Sobresaltado pola hora, e con todos os bañistas regresando da praia de Baltar en Portonovo, onde deixo caer os meus osos estes días, xirei a mirada para reparar no campo homónimo da vila pontevedresa. Estaba a piques de celebrarse o Trofeo Hermanos Suárez entre o Arosa, un Terceira División que se medirá ó Polvorín este ano (que se proclamou onte campión do Memorial Pepe Novoa que disputou contra a UD Ourense e o Ourense CF), e o Rápido de Bouzas, un Segunda B que o curso pasado estivo a piques de xogar a promoción de ascenso á categoría na que milita o primeiro equipo do Lugo.

Logo de abonar os cinco euros da entrada, destinada a sufragar a campaña do Portonovo, recibín unha mensaxe de Ramón, un dos meus vellos e máis estimados camaradas, que me lembraba a existencia dun encontro en Cantarrana entre a Ponferradina e o CD Lugo que poñía fin á pretempada albivermella. Un partido que se esmorecera no meu soño intenso. Decidin xogar entón a dúas bandas, poñedo a cabeza no que sucedía en Baltar e os ollos na pantalla para que Ramón, enxeñeiro de estudos, me relatara o sucedido no seu Viveiro (case) natal. Velaquí vai unha crónica combinada de dous partidos que para algúns non sirven para nada e que á vez explican o todo desde fútbol.

‘Cerverdade’

O Portonovo SD ten vivido mellores días. Este ano competirá na Primeira Rexional logo de descender o ano pasado de Preferente. Na 2010/2011 xogou en Terceira, categoría na que militou de xeito ininterrumpido a comezos dos 2000. Por iso Baltar é un campo de superior división. Ben adubiado e cun céspede que responde á perfección. A iso engádeselle unha ampla grada principal e un pequeño fondo que fan no seu conxunto, segundo diferentes fontes, de acubillo para máis de 4.000 espectadores… Non se sabe como.

Como un líquido dourado….

Como se dunha catacumba se tratase, ten unha cantina soterrada que se accede dende o centro da bancada principal. É como o túnel de vestiarios do afeccionado, que sae igual de vitoreado cando saca á luz unha cervexa como a que aló venden. Coloreada, burbulleante e cun sabor nada metálico que non incita a preferir un zume de pexego. Saben por onde van os tiros, non?

“Que fichaxe Miguel Vieira”

Esa foi a primeira mensaxe que recibín relativa ó partido entre o Lugo e a Ponferradina por parte do meu correspondensal. Aínda que foi emitila e comezar a tambalearse o edificio albivermello. O portugués é o único dos de atrás, xunto con Kravets, e por veces José Carlos, que ten dado algún síntoma de mando na pretemporada. O equipo de Javi López remata este periodo de preparación logo de encaixalas de tódalas cores: a balón parado, en contras, de xogada, de penalti… E non ten desenvolta a mesma capacidade ofensiva. Diga vostede que estes partidos non contan, pero se non valeran para nada tampouco se xogarían.

Xa resulta un argumento recorrente, pero este ano éo máis que nunca, que rozar o sobresaínte defensivo vai ser a única cualificación que lle evite un terrible sufrimento ó Lugo contra equipos que queren estar arriba o antes posible. Vieira, que ven de xogar unha boa tempada na primeira división portuguesa, será unha das claves para manter a cordura nos momentos de maior tensión. O 4-4-2 de Javi López modifica o vivido até o de agora, pero un dobre pivote sereno e as axudas reais nos costados son artigos constitucionais a ter en conta.

Un berro xordo

A banda sonora dun campo de fútbol ten que ser un conxunto de berros e cánticos. Mais cando acodes a un partido de verán, cunha bancada máis pensada en coller folgos para a rutina laboral, descúbrense ante ti unha serie de curiosas pistas sonoras. Por exemplo, a do árbitro, que acostuma a estar ‘muteada’ polas protestas. “¡Veo lo que pito, me entiendes!”, díxolle o colexiado do Rápido de Bouzas – Arosa a un xogador que, ó ser escoitada a reprimenda, botou a cabeza abaixo. Pode que se se amplificasen algunhas das conclusións dos colexiados algún collera vergonza allea por tirarse ou, ó revés, que os trencillas recibiran aínda máis odio pola súa arrogancia.

Intre no que é retirado Sidibé para ser trasladado ó Hospital de Montecelo.

O silenzo tamén descubre os berros de dor logo dunha entrada. Eses si que se meten directamente no cerebro. Cando non se superaran sequera os dez minutos de xogo, o capitán do equipo vilagarcián, Oumar Sidibé, recibiu unha dura entrada que obrigou a parar o encontro durante case un cuarto de hora. O seu foi un berro prolongado, seco, no que se le que a súa tempada va comezar truncada. Sidibé, un exemplo de xogador que o ano pasado se fixo popular no resto de España por unha foto na que aparecía cubrindo cun abrigo a tres xogadores benxamíns. E aínda por riba, un mediocentro que da gusto velo xogar.

A foto que se fixo viral | Foto: Menchu Couso.

A foto que se fixo viral | Foto: Menchu Couso.

“Golazo combinativo de Yuri”

Hai xogadores que seguirán marcando aínda que estean mortos. Nesa nómina está Nino, artilleiro do Elche que este ano regresa á categoría de prata, ou  Yuri, eterno dianteiro da Ponferradina. Membro dunha saga de peloteiros da que forma parte o seu irmán, Igor, que o ano pasado aínda xogou no Boiro con 38 anos. Dicían del que incluso era mellor que Charles, dianteiro do Eibar, curmán deles, e o que máis prosperou. Os tres chegaron a coincidir no Pontevedra. Yuri segue en Segunda B, ó seu xeito, anotando tantos como o que lle fixo ó CD Lugo. Aproveitou un pase da morte de Pablo Espina, que deixou ó descuberto as carencias do equipo lugués atrás. Os defensas viron un balón ás súas costas como se foran as Perseidas.

Curmáns, irmáns e goladores, na súa época como xogadores do Pontevedra | Foto: Diario de Pontevedra.

Curmáns, irmáns e goladores, na súa época como xogadores do Pontevedra | Foto: Diario de Pontevedra.

Iso si, logo de sacar a escopeta, Yuri amosou que é quen de facer o mellor e o peor. Errou a porta baleira outro pase mortífero de Isi que deixara fóra de combate a un Varo que foi titular esta vez en lugar de Juan Carlos. Só quixeron revolver a tendencia Kravets i Escriche, autores de dúas ocasións que non chegaron a máis. A Ponferradina foi mellor en tódalas liñas.

Seagrams con laranxa

O encontro entre o Rápido de Bouzas e o Arosa chegou ó tempo de lecer con empate, logo de anotar cada equipo un tanto de penalti: Carlos Pereira e Luis García, respectivamente. Non houbo VAR para comprobar se foran certos, pero si un bar atípico. A muller ó servizo da cantina despachou uns cantos elementos que estarían prohibidos por Jaavier Tebas baixo pena de non poder acceder ós terreos de xogo durante esta vida e a seguinte: tratábase duns Seagrams con laranxa.

Non, limón non había, pero tampouco estaban os clientes para por moitos miramentos ante un combinado que custaba 3,5 euros. Iso si, a nomenclatura utilizada para referirse á xenebra foi do máis variada, dando boa fe das variedades dialectais da nosa terra: “Ponme un Sidam”, “a min un Sidras” e “a min un Tsipras”. Lonxe de envalentonar ás masas, a apócema calmnounas, se é que nalgún momento estiveran enardecidas. Por suposto colaborei coa caixa, que irá parar á base do Portonovo, como o aparcamento no que relixiosamente entran todos aqueles que queren ter sitio en primeira liña de praia.

O sorteo da pescada

Tamén había un interese fóra do fútbol en Cantarrana. E non é para menos. Lonxe de colmar as súas expectativas, os seareiros albivermellos preferiron revisar o número da rifa de dúas pescadas gratis. Ben é certo que este peixe acostuma a estar afectado polo anisakis, pero hai que ter confianza nos organizadores do sorteo, unha costume do fútbol modesto que non debería perderse. Se cae o teu equipo, un queixo ou unha botella de tinto pode solucionar temporalmente as penas. Dende aquí facemos un chamamento para tentar identificar ó agrazado do sorteo: a quen lle tocou a pescada? Que comparta, porque goles para repartir desta volta non houbo. Non do lado que un querería, si da banda da Ponferradina, que fixo o 0-2 na segunda metade.

O tanto que certificou a vitoria dos, por así dicilo, visitantes, foi un desastre. Unha mala execución dunha falta do Lugo converteuse nunha contra que conduciu Fran Carnicer. Este puxo a bailar claqué a San Emeterio, incapaz de facerlle a cobertura, e quen tivo que facer fronte a un dous para un con pouco éxito. David Grande empurrou a pracer para sacar as cores ó sistema de Javi López, quen, como non podía ser doutro xeito, amosouse contrariado ó final do encontro: “Lo hemos hecho todo mal. Esto tiene que cambiar”.

Un escenario de luxo para a Primeira Autonómica galega.

Cae a noite

O fútbol non televisado é o que ten. Comezas o partido cunha tarde solleira e remátalo coa noite e medio atarecido. O Rápido de Bouzas – Arosa rematou máis tarde do previsto, debido á intervención do 061 para levar a Sidibé. Na segunda metade, Chiki fixo o tanto da vitoria vilagarcián logo dun erro da defensa aurinegra. Neste encontro o equipo da categoría inferior tamén se impuxo ó da superior, e pode que isto sexa un cativo consolo para a última derrota do Lugo. Semella que os que parten dende unha posición inferior tómanse máis en serio este tipo de preparacións. Tamén hai que comentar outra circunstancia.

O fútbol da moitas voltas e ás veces non sempre na dirección que queren os xogadores. No Rápido de Bouzas xogará este ano o lugués Pablo Antas ó que sempre se lle deu ben tocala. Podería ter sido nunha dimensión paralela un referente do CD Lugo, co que xogou en Segunda B. O mesmo sucede con Duque, extremo dereito que pasou polas categorías interiores do club albivermello e que incluso fixera a pretempada co primeiro equipo. Son capítulos desfiañados que amosan que ás veces o azar importa. Pola categoría de bronce, e incluso en chanzos inferiores, pululan xogadores que por unha ou outra circunstancia non deron o salto ó fútbol profesional malia merecelo bastante máis que outros que, grazas a un bo padriño, danzan dunha escuadra a outra en Primeira ou Segunda.

O mesmo sucede cos adestradores. En Portonovo medíronse Rafa Sáez, por parte do Arosa; e o ex técnico arlequinado Jorge Otero, dono agora da batuta do Rápido de Bouzas. Ambos os dous, sobradamente capacitados para calquera tipo de aventura. Como moitos fíos que compoñen este ano o novelo da Terceira galega, unha das máis competitivas que se lembran, co propio Arosa, o Racing de Ferrol, a SD Compostela, a UD Ourense…

Tarrío

Na maior parte das ocasións, os persoeiros ós que se lle renden homenaxe nos torneos de verán pasan desapercibidos- sigo sen saber quen son os Hermanos Suárez de Portonovo-. Ben pola distancia temporal ou social cos mesmos. Non sucede o mesmo co futolista vivairense Antonio Tarrío, cuxo memorial non puido conquistar o Lugo fronte á Ponferradina. Tarrío vestiu a camisola albivermella, como antes se enfundara a do Viveiro, Sada, Cefire, CD Ourense ou Racing de Ferrol. Unha escollida colección que podería terse ampliado de non ser pola súa morte no 2000, cando era un mociño prometedor de 26 anos.

Antonio Tarrío, na súa época como xogador do Viveiro e a homenaxe que logo se lle brindou.

Grazas ós seus 26 goles (triste coincidencia), o Viveiro foi quen de clasificarse para unha promoción de ascenso a Segunda B por cuarta vez na súa historia. Agora o equipo máis antigo da provincia busca redifinir o seu oco na Primeira Autonómica. Ser máximo artilleiro da Terceira galega fíxolle fichar polo extinto CD Ourense (1997/1998) que daquela militaba en Segunda División. Logo chegou o Racing de Ferrol (1998/1999) e despois o CD Lugo, en Segunda B.

Só alguen co seu carisma puido facer este camiño de rivalidades encontradas. Na tempada 1999/2000, Tarrío, sendo albivermello, foi diagnosticado cunha doenza hepática que apagou a súa vida o 24 de agosto. Xa en decembro daquel mesmo ano, nunhas datas nas que se fai máis palpable o oco dos que non están, un grupo de ex compañeiros, pero sobre todo amigos, fíxolle un encontro homenaxe: entre eles Noguerol (Celta), Adolfo (Ourense), os albivermellos Carlos Álvarez, Mateos ou Míchel; Luisito (Cultural) ou Fran Caínzos (Tenerife), que quixeron lembrar a memoria dun xogador que aínda está viva.

PD: grazas a Ramón e a toda a xente que colaborades con nós para que poidamos chegar a onde non chegamos.

Comparte:

Deja un comentario