Artículos

CD Lugo e o valor do fútbol profesional

por Denís Iglesias 12 junio, 2022
Tiempo de lectura: 4 minutos

Tantas veces se repite a frase de que “un so valora o que ten cando o perde” que acabou perdida no tempo, case como un lema de taza co que tomar o almorzo un luns de merda. Pero detrás deste lema hai unha ensinanza de vida que no fútbol se aplica case como un precepto constitucional. Que o CD Lugo estea en Segunda División é un feito probado e que deben valorar institucións, a propia entidade, os seareiros, os veciños e todos os que dalgún ou doutro xeito están en contacto co club.

A categoría é un feito circunstancial mais imprescindible para entender o momento histórico que atravesa o club, mais se cabe despois dos frustrados regresos do Deportivo, que engrosan unha lista de catástrofes nas que conviven outros históricos. Hai dez anos o Hércules era un dos rivais do CD Lugo no seu reestreo na categoría de prata. Hoxe languidece en 2 RFEF coa lupa xudicial en todas as súas frontes, sendo o último da cola na provincia, incluso detrás de criaturas de nova creación como o Intercity.

Agora que se vai cumprir unha década do ascenso en Cádiz queda en evidencia que ter chegado á Segunda División logo de estar a piques de esmorecer en Terceira foi un éxito rotundo. Sobre todo porque aquel foi un éxito conseguido a base de traballo e profundo coñecemento futbolístico. E, por suposto, a sorte que se precisa en enfrontamentos onde non hai cara nin cruz, nada máis un canto co que hai que autoequilibrarse.

Tempo para construír

A esta gran xesta hai que sumarlle a permanencia continuada nunha categoría que a cada curso é máis complexa. Nos primeiros anos, unha salvación máis firme que nos últimos, pero non así na derradeira campaña, onde o equipo dirixido por Rubén Albés soubo inchar o flotador antes do esperado para un dos límites salariais máis baixos da categoría. Esta exigua marxe de manobra ten varias causas e consecuencias, dende a errática xestión en varios exercicios, así como a falta de implicación institucional.

O termo máis propio é desatención e pasividade, como se o equipo do interior de Galicia fora unha illa autónoma.

Falar de aldraxe é darlle unha importancia ao CD Lugo que nin sequera ten. O termo máis propio é desatención e pasividade, como se o equipo do interior de Galicia fora unha illa autónoma. Isto é algo que sucede coa propia cidade en si e coa provincia no seu conxunto, que incluso garda unha unidade territorial feble, tendo en conta as distancias territoriais e psicolóxicas que hai dende a Ribeira Sacra ata a Mariña.

O Deportivo gañouse por historia ter protagonismo e masa social. Pero non existe unha valoración nin dende cargos públicos nin dende os medios que se consideran galegos sobre o que está a conseguir o CD Lugo, que é ser, firmemente, o segundo chanzo do fútbol do país. Con máis consolidación que nunca, como evidencia o ascenso do seu filial a 2 RFEF. Nun modelo de negocio como ao que recorre este deporte constantemente, a presenza dentro do circuíto audiovisual converte á marca albivermella no escaparate máis potente despois do Celta.

Non se entende que sexa a sobremesa do menú mediático e moito menos o terceiro prato do interese comunitario galego. De xeito independente a quen sexa o máximo accionista, porque non é esa a figura que se ten en conta na relación co resto dos equipos. De feito, ese illamento sobre a vida do club é o que provocou un marcado personalismo na xestión, máis relacional que intencional dun club que non ten formado parte do tecido da industria deportiva galega.

Tempo para facerse socio do CD Lugo

Ser albivermello é algo que supera estas circunstancias empresariais. Ese é un sentimento que se vai manter inalterado sen ter en conta a categoría. Semente prendida i ensilada cada ano. Mais o CD Lugo como institución ten outros retos de consolidación que dependen do valor que se lle dea á experiencia de estar en Segunda División. Máis se cabe nunha categoría de prata regada polos dereitos da TV, os fondos CVC e outros manás dos que están a anos luz os militantes da Primeira RFEF, un produto que na súa primeira experiencia demostrou ser un fracaso absoluto. E non precisamente polas afeccións, que son as únicas que estiveron á altura.

Cando hai galegos en liza hai sempre unha apelación ao chovinismo dende a AP-9, pero poucas veces se ven no sentido contrario

Por tanto, minusvalorar ao CD Lugo, como un equipo milagreiro, de vila pequena, sen afección ou temporeiro da categoría na que nin hai ninguén que o supera en continuidade… Facer todo iso é dispararse nun pe. Cando hai galegos en liza hai sempre unha apelación ao chovinismo dende a AP-9, pero poucas veces se ven no sentido contrario. E no corazón albivermello, hai figuras públicas empeñadas en mirar de costas ao embaixador deportivo máis potente que poden ter. Isto é inconcibible, como estimar que o prezo dos abonos é excesivo.

Subiron para a vindeira campaña 2022/23 e aínda seguirán sendo dos máis baratos da categoría. O CD Lugo é unha marca que debería ter medrado moito máis neste tempo. Desaproveitou trens que non voltan a pasar, mais dende este espazo recoñécese que o horizonte que se formula é moito máis positivo que en capítulos anteriores. Logo dun final paseniño de temporada, cunha cabeza visible no proxecto deportivo como Carlos Pita que ten pleno coñecemento da institución e cun plantel por aderezar, pero intuído. O valor do CD Lugo so pode mellorar e iso merece o valor e apoio mutuo de todos.

Comparte:

Deja un comentario