ActualidadArtículos

Así xogan Castrín, Fidalgo, Idrissa e Leandro, os xogadores do Polvorín no corredor cara o primeiro equipo

por Colaboración 4 mayo, 2022
corredor polvorín terceira
Tiempo de lectura: 3 minutos

Por Dani Cabo (@DCabo_), de Non Vale Furar (@NVFGalicia). O Polvorín confirmou o seu ascenso directo á 2ª RFEF tras derrotar ao Viveiro (2-1) na última xornada do campionato ligueiro. A tempada dos rapaces lucenses foi impresionante, comandados dende o banco por un gran Álex Ortiz.

O adestrador andaluz segue demostrando as grandes capacidades que ten coma adestrador. O curso de moitos xogadores do filial albivermello non pasou desapercibido para Rubén Albés e o seu corpo técnico.

Tanto é asi, que o clube anunciou nun comunicado que catro futbolistas formarán parte das sesións de adestramento do primeiro equipo durante o que resta de competición oficial: Castrín, Leandro, Idrissa e Fidalgo. De feito, esta fin de semana, Leandro e Idrissa foron convocados para o partido diante do Tenerife, pero non tiveron minutos. 

O meta Julen Fernández, o menos goleado da Terceira galega, leva exercitándose durante toda a temporada do primeiro equipo. Tamén foi convocado, algo que resultou habitual durante a lesión de Whalley, situación que o elevou á condición de segundo porteiro.

A continuación, analizamos o perfil destes futbolistas, o seu rendemento durante o curso na 3ª RFEF e o que podería esperar o clube de cada un deles para o futuro.

Andrés Castrín (19 anos)

O pequeno dos irmáns Castrín. Un dos futbolistas nos que máis confía o club para as próximas campañas. Andrés é un central moi seguro e solvente, cunha saída de balón moi aseada. O seu desprazamento en longo é excelente.

O de Riotorto destaca polo seu físico privilexiado, polo que podería adaptarse facilmente á dinámica do primeiro equipo. Así, é moi complicado que un dianteiro o supere no un contra un. Outro apartado a ter moi en conta é o seu bo xogo aéreo en ambas áreas. Este curso foi chave no filial e, tamén, debutou co primeiro equipo na Copa do Rei. Con moita proxección, non me sorprendería velo algún día na Segunda División.

Álex Fidalgo (21 anos)

Fidalgo é dos futbolistas máis completos do filial albivermello. O canteirán do Pabellón de Ourense realizou un curso colosal, xogando practicamente todo na 3ª RFEF e anotando 4 goliños. Mediocentro puro. Incombustible.

Futbolista aguerrido e agresivo na faceta defensiva, coa capacidade de manter un ritmo alto de xogo durante a totalidade dos noventa minutos. Intelixente e fino co balón nos pés, achega solucións en ataque. A súa polivalencia permítelle adaptarse a diferentes sistemas, algo que calquera adestrador agradece. Moi destacable a súa capacidade para chegar en segunda liña. Aínda non tivo a ocasión de debutar no primeiro equipo, pero non sería raro que o fixese nestas últimas datas do calendario. Un estilo Juanpe ao que non se lle pode perder a pista.  

Idrissa Thiam (21 anos)

Xa se sabe como vai o tema dos mauritanos en Lugo. Idrissa chegou á cidade amurallada en inverno para reforzar o filial. Ninguén o coñecía, pero a súa incorporación foi importante para dar osíxeno á zona ofensiva do Polvorín.

Demostrou que a 3ª RFEF quédaselle pequena en media tempada, acadando unhas excelentes cifras. 13 partidos e 5 goles. Pode xogar de dianteiro puro ou segundo punta. Destaca, sobre todo, pola súa velocidade, incluso con balón. Ademais, ten a habilidade suficiente para marchar con facilidade dos seus defensores. Moi difícil de deter en transicións e correndo ao espazo. Interesante para xogar ao contragolpe. Veremos como se adapta ao que lle pide Albés. 

Leandro Antonetti (19 anos)

Un dos futbolistas máis ilusionantes dos que dispón o clube. Confían moito no seu futuro. Demostrou ser das mellores zurdas de toda a categoría, a pesar de estar aínda en idade xuvenil. 11 goles en 25 partidos. Formou unha dupla temible xunto a David Rojo. O portorriqueño é moi completo en ataque e conta cunhas condicións físicas moi interesantes.

Ademais, ten a capacidade de xogar como único 9, con dous dianteiros e, incluso, na banda. Rápido, potente e con moita facilidade para anotar goles dentro da área. Define de marabilla. Proxección sen teito. Pode ter o premio de debutar co Lugo nesta recta final logo do bo ano no Polvorín.

O Polvorín fixo historia consumando o ascenso. Estes futbolistas non son os únicos que merecerían o premio de debutar as ordes de Ruben Albés. Hai que ter en conta o nome doutros xogadores que poderían dar o salto, como é o caso de Julen (moito tempo en dinámica do primeiro equipo), Torrado, Luis Castro, Álex Ramos ou David Rojo. Unha xeración de ouro que dará moito que falar no Anxo Carro. Algo se esta a facer ben na canteira albivermella. 

O fútbol galego, en Non Vale Furar

Se queres seguir toda a actualidade do fútbol galego en galego, non perdas detalle da canle de YouTube ‘Non Vale Furar’, con Dani Cabo e Bieito Baliño. O fútbol máis próximo e mellor contado!

Comparte:

Deja un comentario