ActualidadArtículos

A este CD Lugo ‘hai que roelo’

por Colaboración 5 febrero, 2022
Un gol plasmado nunha aperta que reflicte ben o estado de felicidade do CD Lugo. | Foto: Anxo Salcedo.
Tiempo de lectura: 5 minutos

Por Anxo Salcedo, de Fica na Bola.

17:01 dunha tarde de mércores. Último día libre da semana antes da volta o curro. Hoxe xogan Breo e CD Lugo, a cidade é un clamor, e nótase. Ata a muralla estaba nerviosa, nin néboa nin frío. Hoxe para moitos e moitas, non hai escusas (ben si, que é mércores pero é para adozar a historia, sabedes non?)

Foto principal: Un gol nunha aperta que reflicte o estado de felicidade do Lugo. | Autor: A. Salcedo.

Eu na casa disposto, para que mentir, a apoleirar o cu no meu sitio favorito do sofá, ese que xa ten a forma das miñas cadeiras, como o de Homer. E de súpeto, un whatsapp que o cambia todo. «Imos o Anxo Carro?». Nunca fun de planes improvisados, pero nin o pensei. Coche e 138 quilómetros que separan Pontevedra e Lugo.

Chegamos alí, o primeiro que chama a atención, unha morea de bufandas do Breo. «Para a próxima paso polo Pazo si ou si», pensaba. Xa sentados. Canto me tirades das forellas se digo que me gustou o estadio por enxebre, familiar e máxico? Esa acústica, esa sensación de estar practicamente dentro do verde. Pénsoo de verdade, gustoume moito. É unha sensación difícil de explicar escribindo (máis para min que non conecto dúas), vouno intentar.

O fútbol se fixo para na TV

Como explicarlle a alguén que o fútbol non se fixo para ver por televisión (máis ben foi ela a que o adecuou para o seu beneficio). O de darlle patadas é un deporte para sentir, para pisar un estadio por primeira vez e sentir que es un fenómeno máis ao servizo dun CD Lugo de Rubén Albés que transmite moito e compite con calquera. Porque en Lugo hai frío (moito frío), pero no sofá non chocas as mans co nabo favorito de todos os galegos e galegas.

Na televisión, ou nun resumo, non valoras a xogada do segundo gol do CD Lugo. É imposible que o fagas. Principalmente, porque non escoitas aos protagonistas. Nin aos do banco, nin aos futbolistas, nin por suposto aos seareiros. «Que cante preferencia», e cantamos (e nos levantamos nos dous goles, e sorrimos coas queixas de Rubi, e gritamos «linia espabila»… vivimos un auténtico partidazo. Para que mentir, eliximos o día).

Non podes valorar como Iván Cabezudo no segundo tanto albivermello grita: «A Lebe» cando ten a bola Valentín. Nin gilicórner nin hostias, estaba todo pensado nunha pizarra (malia que na grada se escoitara aquilo de «pero que carallo fas»), apertura a Ricard, caramelo doce no centro e cacholada de xabarín de Chris Ramos. Un tipo que agradece a labor do que tivo boa parte da culpa no gol.

No sofá non vives a tensión da dobre revisión dos goles anulados ao Almería. Non escoitas a Albés e o seu corpo técnico confiado en que os van anular, non ves a toda Preferencia inclinando a cabeza por se poden ver un pequeno pedaciño de monitor. Nin por suposto a celebración cando o anulan.

«Rubén Albés es mi  ̶p̶a̶s̶t̶o̶r̶ PADRE, nada me falta»

A través dunha pantalla non se aprecian todas esas cousas que che permiten identificarte coa loita do Club Deportivo Lugo. Dun equipo que, despois das TinoSaqueadas cos adestradores, atopou en Albés a seu guía. Ao principio da tempada escoitabas unha rolda de prensa e era como, mimadriña menudo vende fume: que se os fieis do Anxo Carro (el o pastor), que se estamos igual de tolos na casa que fóra, que se somos o mellor equipo a balón parado da Segunda… Porque esa copiña despois de gañar ao Mirandés era ben merecida.

O traballo de Albés plásmase nun equipo co que se identifica xa non so o seareiro albivermello, senón calquera afeccionado ao fútbol galego

Porque esa mensaxe, supoño que por unha cuestión de confianza, porque o traballo está a dar os seus froitos, porque caeu de pé coa salvación da tempada pasada ou porque o equipo compite e é recoñecible para identificar a que xoga…; calou tanto en xogadores como afeccionados, pero tamén en simpatizantes do fútbol galego coma min. Chapoume a boca a cal e canto, as cousas como son.

Porque se algo define a este CD Lugo do técnico vigués é o traballo, ser fiel a unha idea. Coas súas armas, cun estilo que funciona pero que poder variar en recursos para facer dano. Parece de coña, pero baseado tamén na FE (ao final tiña razón co dos fieis o cabrón). E co apoio dos e das que senten a este equipo como seu.

E un exemplo perfecto disto é o domingo en Montilivi. Partido feo, non sae nada, centrocampistas chamados a facer aperturas a banda ou dar o último pase, como Hugo Rama (que por certo, non a estaba cheirando nin a cheirou, preocupante o seu nivel, co dobre pivote Señé – Juanpe teno fodidísimo para ter minutos, máis se cando xoga o fai así. De aí que lóxica a súa saída cara o Real Oviedo), non conectan co xogo. 

O CD Lugo é unha piña, ou un ananás? (este chiste é do editor)

Malia todo, estaban os albivermellos ben colocados, achicando o perigo pero sufrindo. A mellora defensiva tamén forma parte do 😎 PLAN 😎 de Albés. Domina o Xirona e ao final racha o saco e marca. Pero igual que na ida, entra don Manolo a poñer o partido patas arriba, empata e acabas merecendo gañar polo penalti como unha catedral a Cuéllar

O mesmo esta pasada semana contra o Burgos e así aspira a facelo contra a Real Sociedad no Reale hoxe. Outro partido de 0-0 e logo dunha semana marcada pola saída do teu xogador franquicia, fundamental no teu xogo. E un tipo que caeu de pé no Lugo aproveita un erro e agasalla 3 puntos máis. 34 PUNTOS E 10 XORNADAS SEN PERDER. Isto é Lugo e outra cousa non pero sachar este ano sachan que dá gusto. Eu que son de Pontevedra… a este Lugo Hai Que Roelo, é así.

Agora hai que ver como funciona o equipo logo dese mercado de inverno que deixou a moitos algo indiferentes. Pero é que ese tamén é un dos valores deste Club Deportivo, levas 10 anos consecutivos en Segunda cando cada maldita tempada deixas marchar (ou vendes) aos xogadores máis importantes do teu cadro a equipos da mesma liga! 

E hai que soñar oh. Lin moito por twitter iso de perfil baixo, salvación e xa está. E estou dacordo, pero son 10 temporadas consecutivas en segunda división, a mensaxe, a idea de xogo, o estilo e os resultados acompañan! Se a Saqués non se lle vai a man cando veñan mal dadas, creo firmemente que este CD Lugo pode dar moitas alegrías aos seus, porque ten cousas para soñar coa fase de ascenso (cruzando dedos para desactivar o contragafe e que non veña unha xeira de 10 partidos seguidos perdendo).

O resumo de toda esta paragrafada sen sentido completo: hai que gozar da baixada. Porque cando toque subir… aí si que haberá que sachar. Pero ata entón, hai que valorar o camiño e ilusionarse. E en canto se poida… tomarlle algo na Calzada e por suposto resolver o culpable dese peido que degustou Carrillo no quecemento.

Comparte:

Deja un comentario