Artículos

A historia tras das fotos de Canella e Luis Castro: o soño cumprido dun cativo

por Denís Iglesias 6 enero, 2022
roberto canella luis castro

Contenidos de la página

Tiempo de lectura: 3 minutos

Hoxe, Día de Reis, mais dun cativo recibiu unha pelota como presente. Un xoguete, en principio, pero tamén un construtor de soños. Unha esfera na que pagar as frustracións, mais tamén coa que facer xirar o seu mundo. 

Outros puideron enfundarse a camisola do CD Lugo, o seu equipo, no que agora teñen claros referentes cos que quererían xogar algún día. Como fixo Luis Castro, xogador do Polvorín, que esta semana compartía un precioso par de fotos.

Nelas aparece con Roberto Canella, ídolo da infancia, como se amosa na instantánea da esquerda, e agora compañeiro, como se evidencia na da dereita, nun adestramento recente.

A imaxe encerra unha forte narrativa. En primeiro lugar, visibiliza un relevo xeracional no lateral esquerdo, posición que comparten tanto o de Ribadumia como o asturiano. Aos seus 19 anos, Luis Castro leva disputados catro partidos co primeiro equipo. Aos seus 33, Canella acumula 65 coa albivermella que se suman a máis de 400 na súa carreira.

O tempo dirá se o pupilo é quen de alcanzar ao mestre. O que está claro é que ambos comparten valores na mesma mesa. Porque “profesional” é só unha etiqueta se a esta non se lle engaden os actos. Sábeo ben Canella, de quen compañeiros e adestradores sempre destacan o seu saber estar. 

Campus de Mareo 2010

Este ano, outro mozo como Orest Lebedenko está a ser titular. Isto non alporiza ao de Pola de Laviana. Ao contrario, el sométese con gusto ás probas cando lle tocan, «onde sempre da o 7», como sempre se empeña en lembrar Albés. De aí que se convirta un exemplo para as novas xeracións.

Na foto da esquerda da secuencia de Luis Castro, tomada en 2010, cando Canella tiña 23 anos e o da canteira oito anos, hai tres protagonistas. Alén dos dous xogadores do CD Lugo, hai un terceiro, o curmán do lateral de Ribadumia. Xuntos foron ao Campus de Mareo que realiza anualmente o Sporting e ao que acoden xogadores do equipo xixonés. 

O retrato está tomado ao rematar o programa de formación. Luis Castro non sacou ningunha outra foto. Só con Canella, escribindo así unha folla do seu destino. Xa daquela, contan quen o coñecen que, malia a curta idade, era para el un líder sobre o que construír os seus pasos. Sempre que podía, aquel cativo ‘miraba’ os seus partidos aprender del.

E iso que na galería de prezadas iconas do xogador do Polvorín tamén estaban i estiveron Jordi Alba, Marcelo, Gayá e Roberto Carlos. A este último non puido velo con consciencia por idade, pero revisouno na videoteca.

O cariño de Nafti

As miradas mudaron de sentido e agora é Luis Castro o que aparece nos mellores momentos. Como os que viviu con Mehdi Nafti, quen lle fixo debutar ante o Atlético Pulpileño en Copa del Rey, cando aínda estaba no xuvenil, recompensa que repetiu na seguinte rolda fronte ao Girona. 

Entre ambos os dous existía unha simbiose. Tanto é así que a imaxe do adestrador francotunecino dándolle unha aperta ao mozo albivermello foi unha das protagonistas da súa despedida. É sabido que ambos se profesan admiración mutua.

Mehdi Nafti abraza a Luis Castro na súa despedida como xogador do CD Lugo | Foto: Óscar Cela – La Voz.

A estrea en Liga SmartBank tamén lle chegou ao pontevedrés a temporada pasada. Aínda que nunhas circunstancias ben diferentes. Foi ás ordes de Luis César, contra á UD Las Palmas, quen pasou por riba dun CD Lugo funesto naquel tempo. 

Xa no curso presente, Luis Castro acumulou unha experiencia máis co primeiro equipo na ronda copeira fronte ao Adarve. Saiu no minuto 82 como recambio de, precisamente, o seu instrutor Canella.

Cando os rapaces do filial soben coa escuadra de Rubén Albés, ben para adestrar ou xogar, fano coas garantías que lles aporta o traballo diario ás ordes de Álex Ortiz no filial do CD Lugo, líder de Terceira División, onde o técnico malagueño conseguiu un ambiente colectivo e individual perfecto, cargado de motivación. 

O contexto idóneo para que pícaro que non lle chegaba por debaixo do ombreiro a Canella se impulse para candidatar a lateral esquerdo do primeiro equipo. Sempre co apoio do mestre, afeito a ser o que abre as portas aos novos coa confianza de que algún día serán aínda mellores ca el.

Comparte:

Deja un comentario