ActualidadArtículos

Vivir sen o ‘joker’, como será o CD Lugo sen Valentín?

por Colaboración 29 enero, 2022
CD Lugo Sporting
Tiempo de lectura: 5 minutos

Por Álex Gesto (@GestoFoot)

É unha mágoa asumir que este esforzo de texto non fai xustiza a ninguén, pois é inenarrable todo o que implica a perda de Gerard Valentín. Seguramente vós, que disfrutastes e vibrastes pola súa culpa -e bendita culpa- nas bancadas do Anxo Carro e a través das pantallas electrónicas, saibades moito mellor ca min o que implica o baleiro de non velo máis vestido de curto coas vosas cores.

Encomendeime -con gusto e tristura a partes iguais- a tarefa de falar do que supón a súa marcha, pero o primeiro que debo dicir é que non podo falar por vós. O fútbol sempre será de natura sentimento e emocións e cada un entende dunha forma diferente esta despedida. Deste xeito remarcarei a gran perda a nivel emocional que supón a súa venta.

O CD Lugo quedou orfo dun heroe. En apenas 93 partidos logrou gañarse a todo aquel que sinta apego e paixón polo albivermello. O seareiro asóciao aos milagres da salvación, a partidos nos que el era quen empurraba do resto do equipo co seu fútbol e á capacidade constante de cambiar un partido ao teu favor. O prestixio co que marcha Gerard Valentín está á altura -cito o comunicado do propio clube- dunha lenda albivermella.

A gran individualidade

Se resumimos o seu paso, foi a gran estrela do período máis sufrida do mellor Lugo da historia. A gran individualidade nunhas tempadas en Segunda de sufrimento e irregularidade. Sen ser perfecto -ningún xogador ou humano o é- era perfecto. Coas súas lesións e reaparicións. Coas súas tentativas de driblar ao rival cara liña de fondo que terminaban en saques de porta. Un heroe, en definitiva. Unha personaxe de debuxos animados que escapaba das condicións normais dun ser humano. Ou dun xogador do Lugo, no seu defecto. Porque de albivermello vimos a grandes xogadores, pero a poucos tan diferentes e especiais coma el. Menos aínda nesas temporadas de tanto sacho e tan poucas sementes.

Perder a Gerard nos noventa minutos dun partido é perder emoción. O afeccionado tiña o privilexio de ver a un atleta eléctrico e atrevido semana tras semana. Un caso particular de extremo que desborda en banda natural dende a condución e a velocidade e non tanto polo regate.

Gerard non lle ten medo aos emparellamentos na defensa. Búscaos dende 30 ou 40 metros para logo presentarse na área rival

Gerard non lle ten medo aos emparellamentos na defensa. Búscaos dende 30 ou 40 metros para logo presentarse na área rival e dar un pase de gol ou unha acción clara de perigo. Todo iso é un puro espectáculo da física humana e da confianza nun mesmo. Talvez agora o estadio sexa unha festa os días de vitoria, pero esa garantía de espectáculo non estará presente. Agora serán as butacas do Alcoraz as que topen un respiro duns segundos cada vez que os seareiros se levantan admirados e sorprendidos por semellante tributo á potencia.

Valentín era único no seu

Se deixamos as emocións dun carón, a nivel deportivo tamén é unha baixa dramática para todos. O Lugo despediuse do xogador máis capaz e impoñente de toda a competición para xerar vantaxes e accións individuais de valor. Alén do adestrador ou do ben que xogase un partido o equipo, Gerard era unha garantía de que ías poder ter unha ocasión clara ou unha opción para chegar á área nun partido.

El só era capaz de alzar a todo o equipo cara ese tipo de situacións, por moi atascado que estivese o ataque. Unha capacidade que non é sustituible por ningún outro xogador da plantilla nin equiparable a calquera outra peza que poda estar entre as posibilidades de mercado do Lugo. Valentín era único no seu e, na realidade que afronta o club, era imposible de manter nun período prolongado.

De chegar unha fichaxe no mercado, presumiblemente un extremo capaz de obter vantaxes a través do 1vs1 -perfil do que carece o club co traspaso-, non será o mesmo

Nestes días deberase ter en mente que ninguén vai ser Gerard Valentín e que tampouco debemos pretender que o sexa. De chegar unha fichaxe no mercado, presumiblemente un extremo capaz de obter vantaxes a través do 1vs1 -perfil do que carece actualmente o clube co traspaso-, non será o mesmo. Falaremos dun atacante que desborde máis partindo dende estático ou técnicamente máis enfocado a xerar espacios para o centro/disparo frontal.

Perfis diferentes ao dun Valentín cun tren inferior absurdamente superior ao resto da división, con tanta capacidade para desbordar na carreira longa e de pisar área con infinidade de tempo e espazo por mérito propio. Ter a Gerard foi, tácticamente falando, unha trampa. Xogar cun home que se sae do cánon en aspectos moi concretos do xogo e que condiciona posicionalmente ao rival na defensa. O joker da baralla de calquer técnico.

Agora é lóxico que vexamos a calquer outra fichaxe que non replique as súas capacidades coma un hándicap pero non é tal o caso. Máis aínda se o técnico (Albés) e o DD (Mauro) atopan unha operación posible por un futbolista que poda cumplir cunha boa cuota de desborde e un bo aporte na disputa ofensiva individual.

Cuéllar, un paso adiante obrigado

Nun deporte de 11 é máis importante dominar cos 11 que só con un. De dar cunha incorporación que axude ao primeiro falaremos dun éxito e estaremos conformes co cambio se entendemos a súa dificultade. Sen ter certezas desa fichaxe na vox pópuli lucense é Jaume Cuéllar o home singlado a dar un paso adiante. Un extremo totalmente diferente no seu propósito e funcións a Gerard, que alcanza a área e achega profundidade a través dos desmarques ao espazo. O hispano-boliviano é fantástico nestas artes e pode ter -e está xa a ter- unha boa cabida no modelo de xogo de Rubén Albés. Porén, o técnico e o equipo pensarán -posiblemente- na incorporación dun home que active espazos a través do desborde e das capacidades individuais con pelota.

Albés está a aproveitar e maximizar as ferramentas que ten coas súas ideas, modelo e plantexamentos

O maior sinal de esperanza é o que fica diante do banquillo cada semana. Albés este ano, cos seus erros e os seus peros, logrou construir un equipo competitivo a partires dunha plantilla de perfil baixo, asequible e pouco experimentada na categoría. Está a aproveitar e maximizar as ferramentas que ten coas súas ideas, modelo e plantexamentos. O Lugo é un dos equipos que menos partidos perde en toda a categoría. E todo isto, en varias ocasións, coa ausencia da motocicleta de Avinyonet na banda dereita. Mentres a pizarra ofreza solucións para que o equipo poda ter ocasións e vantaxes ofensivamente non pesará tanto no campo a venda de Gerard. Aínda así, veremos cales son os cambios nun período prolongado dunha segunda volta enteira.

Hai motivos para crer nun futuro sen Gerard. O primeiro de todos é a realidade, que nos posicionou nun contexto que obriga a facelo. Con todo, é lexítimo e necesario darnos un tempo para asumir esta baixa. O corazón non sana dun día para outro e, pase o que pase, el seguerá a ser un home querido e unha lenda en maiúsculas do Club Deportivo Lugo. Ogallá os camiños de Valentín e do Lugo, malia que separados, sexan paralelos no futuro próximo. Ambos movéndose con potencia, de xeito vertical, e sen medo a recibir patadas no camiño a unha nova meta. Voade, voade alto, rapaces.

Foto principal: o pasado CD Lugo – Sporting, Real fonte: Sporting de Gijón

Comparte:

Deja un comentario