Artículos

«Aí había un bar», o CVC Lugo busca o vento a favor no Heliodoro

por Denís Iglesias 11 diciembre, 2021
Tenerife - Lugo, previa
Tiempo de lectura: 4 minutos

Previa Tenerife – CD Lugo | Jornada 20 Liga SmartBank | Heliodoro Rodríguez López | 21:00 horas | Árbitro: Gálvez Rascón (Colegio Madrileño).

Hai un curruncho na miña rúa, a dos Agros, no que houbo varios negocios pero ningún funcionou. Forma parte dun grupo de locais malditos nos que se pode instalar un negocio rotulado como Amazon que non hai xeito de sacalos adiante. Seguramente sabes dalgún na túa zona que xa amosou todos os carteis de «alúgase» e «véndese». Ao CD Lugo estalle a suceder algo semellante.

Nesta esquina que vos conto houbo unha peixería. Non debía ofrecer un bo acedo oleico que pechou ao pouco, previo intento de transformarse nun establecemento de mariscos. Despois veu un almacén. Tería mala refrixeración, porque non chegou ao medio ano como refuxio de caixas. A última proposta seria para sacar adiante este curruncho, para o que non hai difícil aparcamento, nin ten mala visibilidade, foi unha carnizaría halal, termo que fai referencia a un conxunto de prácticas permitidas pola relixión musulmá. É dicir, os que profesan esta fe teñen que comer pezas con este corte.

Tampouco funcionou o multiculturalismo, malia ser a poboación marroquí a segunda máis numerosa en Lugo, so igualada pola romanesa. Aínda non se tentou a solución final: montar un establecemento hostaleiro, o sector transversal da economía luguesa. Pero o final podería ser o mesmo e o epitafio sería: “Aí había un bar”, a última fase da destrución do tecido de servizos da cidade. Cando unha reixa pecha logo de servir cervexa e pinchos, xa o fai para sempre.

CVC Lugo, ‘almax’ para compensar as contas

O CD Lugo SAD leva anos instalado no bar de sempre, ao que acoden os parroquianos de sempre a deixar a pensión, botarlle unhas moedas á máquina, beber Mencía e rosmar polo baixo mentres larican pola barra. Nesta apoianse 2.000, que foron minguando a cabalo dunha cidade que prefire facer calquera cousa antes que ir ao Anxo Carro, onde xoga un equipo que pertence ao fútbol profesional, malia que ás veces non o pareza. Este venres, a asemblea de LaLiga aprobou o acordo con CVC, unha hipoteca que permitirá aos clubes darlle lustre ás súas infraestruturas. 

Á SAD albivermella correspóndenlle 9,6 millóns de euros, unha interesante cantidade en mans dunha entidade coas ideas claras e cun proxecto. Segundo as primeiras informacións, e seguindo os termos do acordo, un 75% irá para infraestruturas, tendo como punto capital a creación dun recinto ao que non é posible chamarlle cidade deportiva. Externamente, comunícase como “Academia” e na práctica son tres campos e un vestiario, polos menos na proxección inicial, que permitirán levar a cabo en parte o compromiso inicial co que Tino Saqués asumiu a maioría accionarial aló no 2015.

Pasaron pouco máis de seis anos e semella que foi todo un mundo. Demasiados acontecementos e xiros de guión que teñen mareado até ao propio seareiro albivermello, que vai ao campo por costume divina e por sentimento. Ese perfil é un dos moitos que se pode conquistar para á masa social, aínda neste caso responde máis ben á insistencia de non negar a filiación a un club que está por riba dos dirixentes e dun presente que parece sempre pendente dun fío. 

Máis aló diso, a clientela prefire calquera outra opción. “Isto é un negocio”, profiren moitos dos que queren xustificar calquera xestión e se nesas estamos, este é un negocio que non progresa. É máis, a inxección financeira semella máis ben botarlle penso a un can que non é que teña fame, senón un problema nas pernas. Así se vai ratificar o vindeiro 27 de decembro, na Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas, na que o CD Lugo vai aprobar as contas do pasado exercicio e do vindeiro. O buraco da débeda é xa de 2,5 millóns de euros e malia que a situación desta SAD non sexa única, o fondo de manobra quedou fulminado nos exercicios da pandemia. Xa que logo, CVC é toda unha incógnita para esta sociedade que terá que destinar 1,5 millóns para límite salarial e outro para déficit varios. 

Á fin, o valor deste club é a súa propia pertenza ao fútbol profesional, algo que depende, polo momento, do que suceda no campo. Nesta esfera, o CD Lugo visita ao Tenerife e faino nunha liña de xogo conservadora na que está deixando escapar un feixe de puntos logo de pórse por diante. É o peor equipo da categoría na defensa do resultado e iso fai que cada gol se celebre con prudencia. 

Heliodoro, onde puntuar sabe ben

A saída non é precisamente das doadas fronte a un conxunto insular que aspira a conseguir a súa quinta vitoria consecutiva no Heliodoro Rodríguez López, algo que o conxunto branco e azul só foi quen de acadar en dúas ocasións na última década en LaLiga. Ramis buscará fronte ao CD Lugo recuperar a súa mellor versión logo de empatar contra o Cartagena nun encontro gris. Con tal de que os albivermellos non fuxan cos tres puntos, o Tete xa acabaría a primeira volta en postos de promoción de ascenso.

O grande aliciente no Tenerife é o regreso de Samuel Shashoua, ausente nas últimas semanas debido a problemas físicos. Pola súa parte, Álex Bermejo e Carlos Ruiz están aínda en fase de recuperación e o capitán Aitor Sanz perderase o encontro por acumulación de cartóns, situación que fará que ou ben Pablo Larrea ou ben Michel Herrero acompañen a Álex Corredera na medular. 

O CD Lugo quere prolongar a súa boa xeira de visitas ao Heliodoro, onde puntuou nas tres últimas temporadas. Non quere nin por asomo rematar o ano en postos de descenso, que amargaría o Nadal a xogadores e afeccionados. Amáis do empate fronte ao Ibiza, no que deixou unha imaxe de equipo pequeno. Os de Rubén Albés chegan a Tenerife tres por riba do descenso, enlazando catro encontros sen perder, mais só acadaron unha vitoria nos últimos oito encontros, nos que sumaron sete puntos de 24.

Nas filas albivermellas causarán baixa Orest Lebedenko, baixa por lesión, que deixará o seu posto a Canella. Tampouco figuran na lista que viaxou ás illas Xavi Torres, que arastra molestias e veu a quinta amarela dende o banco o encontro pasado; nin Pedro López ou Mayoral, igualmente na enfermería. Tampouco poderá estar Joselu, futbolista do Tenerife a préstamo no Lugo, pola chamada cláusula do medo. 

Onces probables Tenerife – CD Lugo

Tenerife: Juan Soriano; Mellot, Sergio González, José León; Álex Corredera, Pablo Larrea ou Michel Herrero, Mollejo, Elady Zorilla; Shashoua mais Enric Gallego.

CD Lugo: Whalley; Ricard, Ros, Alende, Canella; Seoane, Señé, Valentín, Hugo Rma, Chris Ramos e Carrillo.

Comparte:

Deja un comentario