Actualidad

Resposta: Cal é o problema do CD Lugo?

por Lugoslavia 17 noviembre, 2021
estadio anxo carro lugoslavia
Tiempo de lectura: 4 minutos

Hoxe damos voz á resposta de Delio Dobao respecto da publicación da pasada semana na que preguntabamos a diferentes seareiros cales eran os problemas que arrodean ao Club Deportivo Lugo según cada quen.

“Moi boas.

Antes de nada, quero darvos as grazas por convidarme a explicar e a dar o meu punto de vista sobre a desconexión entre @s seareir@s e o Club Deportivo Lugo, despois dun breve comentario que realicei na páxina de Lugoslavia ao respecto do artigo titulado “Cal é o problema do CD Lugo?” Tiven a impresión de que prácticamente a totalidade de afeccionados que daban a súa opinión nese artigo, tiñan unha opinión moi semellante e, curiosamente, ningunha aludía á actual dirección técnica do equipo, a non ser para valorar moi positivamente o labor do equipo técnico do equipo. Pero nestas opinións, atopo tamén aspectos nos que concordo na análise da situación. Nin que dicir ten, de feito penso que non deberían nin ser publicadas, que non podo coincidir con opinións que faltan ao respecto e empregan palabras como subnormal, normas de mierda, gilipolleces, palmeros e outras marabillas polo estilo. Para defender unha idea non é preciso faltar ao respecto a quen non ten a túa mesma opinión. Seguro que nisto coincidimos case tod@s.

E hai varios aspectos que poden axudar a comprender o que lle pasa ao club e que moit@s soci@s coñecemos desde hai moito tempo. Eu penso que a día de hoxe, a situación do Lugo non é distinta á do resto de equipos das ligas profesionais en España. Se collemos os datos de asistencia aos campos de fútbol, do último mes de outubro e o comparamos co mesmo mes de outubro da tempada 2019-2020 (último mes de outubro con asistencia de público nos estadios), observaremos que na primeira división española tivemos este ano unha media de asistencia aos estadios do 56,3% fronte ao 75,3 % de hai dous anos. Na segunda división aínda é máis baixa a asistencia no mes de outubro de este ano, en concreto do 47,8% de ocupación do aforo dos estadios. Son só dous datos pero non temos máis que ver partidos televisados do Real Madrid e do Barcelona para observar as paupérrimas entradas que están recollendo. Por iso creo que non é un problema única e exclusivamente que afecte ao Lugo, máis ben o Lugo vese tamén afectado por este problema.  A partir desa situación que afecta ao fútbol español, entendo que haberá factores que habería que analizar moito máis a fondo e non me vexo facultado para facelo. Imaxino que un cúmulo de circunstancias como poden ser os prezos, a pandemia, o exceso de fútbol televisado, a perda de calidade do fútbol profesional en España, etc.. fan que afluencia ao fútbol decrecese dun xeito moi notable.

Pero non nos enganemos, levo moitos anos indo ao Anxo Carro e a situación nunca foi marabillosa nin moito menos. Tivemos épocas mellores e peores. Cando competiamos na mesma división ca o Deportivo da Coruña, desprazabamos máis afección lucense a esa cidade no partido de Riazor que cando o Deportivo xogaba no Anxo Carro. Non creo que ser abonad@ do club sexa caro en comparación con outros equipos e sen embargo nunca puidemos pasar d@s catro mil abonad@s nesta cidade que ronda @s cen mil habitantes. Un dos lamentos máis escoitados a día de hoxe é o feito de que o presidente do equipo teña o número de accións que posúe, esquecendo que a cidade de Lugo foi incapaz de cubrir un capital social de tres millóns de euros. Cantas veces, nos teñen facilitado entradas de regalo para @s soci@s e fomos incapaces de convencer a amizades para que nos acompañasen a ver un partido atractivo e ademais de balde? Seguro que tod@s o vivimos algunha vez. Esta é a realidade histórica deste equipo. Pero tamén é certo que as épocas mellores en canto a asistencia coincidían cunha época na que o equipo xogaba a fútbol e divertía e, sentíndoo moito, creo que hoxe en día non é así.

Un dos lamentos máis escoitados a día de hoxe é o feito de que o presidente do equipo teña o número de accións que posúe, esquecendo que a cidade de Lugo foi incapaz de cubrir un capital social de tres millóns de euros.

Por iso o outro día cando expuxen a miña opinión sorprendeu que ninguén dos intervintes fixese unha referencia ao fútbol do equipo como un dos factores que tampouco animaban moito a baixar ao Estadio do Miño. O Club Deportivo Lugo leva dez anos consecutivos na segunda división e a sensación que teño en cada declaración do adestrador é que cada vez máis derrotista e non anima a moito. Baséase en arengas “cholistas” facendo referencias tan antigas como poden ser o tamaño dos testículos ou empregando símiles bélicos antes dun partido, pero moi pouca táctica e explicacións. Cada vez que xogamos contra un rival, avísanos de antemán que imos ver un partido pechado, que bastante facemos con competir, que todos teñen un equipo impresionante menos nós, que temos que consolidarnos…. O outro día despois do partido contra a Deportiva Ponferradina, o adestrador saíu sacando peito ao dicir que o Lugo puido ter perdido ese partido por ser ofensivo en exceso. Eu, sorprendido por esta afirmación, consultei as estatísticas e vin que o Lugo tirara no seu campo 10 tiros a porta contra 21 que tirou a Deportiva. Isto supuxo a primeira derrota do equipo contra a Ponferradina nos últimos doce anos. Tampouco creo que anime moito á afección ver que o equipo leva cero vitorias fóra da casa porque, desde o meu punto de vista xogamos sempre a sacar un punto, nunca os tres. Os trocos sempre son de home por home e o sistema desde a súa chegada foi un férreo 5-4-1 inamovible de principio a fin. Por iso me sorprende ese aureola de gran adestrador que parece terse instalado nas masas sen que poidan basearse nin no seu pasado profesional en ligas cun certo prestixio, nin no equipo desde a súa chegada. A min, fáltame a primeira vez por verlle un cambio no sistema. Por certo, cando o equipo vai perdendo en calquera campo, e dá un paso adiante, crea perigo e é capaz de realizar fútbol de ataque e ata de empatar. A partir de aí, dámonos por contentos e nunca intentamos ir pola vitoria e os tres puntos. Pero isto xa son todo opinións persoais e cadaquén ten as súas.

Un saúdo e moitas grazas por permitirme darvos a miña opinión”.

*Nota: O autor fala de cero derrotas a domicilio porque este texto foi recibido a pasada semana cando o equipo aínda non xogara contra a SD Amorebieta.

Comparte:

Deja un comentario