Artículos

Mercado CD Lugo 2021/2022: aprobado e desaproveitado

por Colaboración 2 septiembre, 2021
Mercado de restos CD Lugo - Pablo del Valle.
Tiempo de lectura: 4 minutos

Por Álex Gesto (@GestoFoot), xornalista & scouting

Á hora de valorar un mercado no momento de rematar eu, persoalmente, quedo coas expectativas xeradas e co mérito das operacións que se levan a cabo, ademais da realidade deportiva da que veñen os homes que están chamados a cumprir no seu novo equipo. Todo isto sempre entendido dentro do contexto da competición, do propio club e da realidade futbolística xeral. O contexto é por todos coñecido: o CD Lugo, malia levar unha década no fútbol profesional, é un dos equipos máis modestos da súa categoría no relativo a presuposto. As aspiracións dos albivermellos están sempre limitadas por isto e polos resultados deportivos recentes. O equipo sostense, pero a ausencia de estabilidade leva sendo a tónica dos últimos anos e iso marca o mercado do CD Lugo.

A min gustoume e disgustoume a partes iguais. Na parte positiva deixo operacións coma a necesaria renovación dos capitáns, a chegada de homes coñecidos por Rubén Albés, o regreso de pezas interesantes para presente e futuro (Diego Alende e Chris Ramos) e a continuidade de nomes de nivel que podían estar chamados a sair (Gerard Valentín, Hugo Rama e Juanpe). Todo isto creo que é, alén de ilusións e expectativas, traballar en aras de atopar esa estabilidade que -agardo- tantos esperamos.

Aínda non se xogou a cuarta xornada e é cedo para valorar os reemprazos, a realidade é que as chegadas destinadas a cubrir ese baleiro non convencen ao 100%

Na parte negativa, o mercado do CD Lugo tivo saídas máis importantes (Venâncio e Ander Cantero) que deixaron un oco no emocional e deportivo. Aínda non se xogou a cuarta xornada e é cedo para valorar os reemprazos, a realidade é que as chegadas destinadas a cubrir ese baleiro non convencen ao 100%. Lóxico polas expectativas e polas oportunidades de mercado ás que se viu obrigado a recorrer o CD Lugo.

Xestionar a ilusión, en clubs económica máis poderosos, é máis doado. Pero en Lugo isto non é así e non creo que debamos autoenganarnos pensando que sí. Menos aínda tralos resultados deportivos do pasado próximo. Podería falar tamén nun ton negativo dos homes do Polvorín que saíron cara outros destinos, a categorías coma a 2RFEF, pero paréceme que é un tema máis global.

Posibilidades de mercado do CD Lugo: da 1 RFEF ao mercado extracomunitario

Mauro Pérez para min acada un 5 no seu traballo no mercado do CD Lugo. Creo que aproba e cumpre con moitos dos propósitos e que ten unha visión e intencionalidade nas chegadas interesantes. Non obstante, os reforzos nin ilusionan nin chaman. E creo que nun club coma o CD Lugo, no contexto que ten a día de hoxe, ía ser case imposible que acontecese. Non pode xogar a iso na Dirección Deportiva. No contido, pero sobre todo no continente. O CD Lugo está moito máis limitado que equipos coma Ibiza ou Cartaxena, que sen ter o percorrido profesional do club galego nos últimos anos son capaces de facer incorporacións de máis nome cun desembolso importante detrás.

Creo que o continente de mercado do Lugo ten que ser a especialización e coñecemento de mercados accesibles, nos que vai ser un atractivo e vai ser un inversor competitivo (1RFEF/2ªB, por exemplo). Non falo dun modelo Mirandés, coma o de Chema Aragón. Poño como exemplo, para que sexa máis doado de visualizar, á Ponferradina. Un equipo que merca cada ano de Segunda B e faino fantástico. Óscar Sielva (ex-Rápido), Isi Palazón, Kaxe, Churripi, Copete, Agus Medina, Kuki Zalazar, Juergen Elitim

O CD Lugo ten que indagar máis nos filiais e nos xogadores sub-23, así como en países onde hai futbolistas asequibles en relación calidade / prezo

É certo que móvense tamén no mercado de descartes doutros equipos de Segunda, pero de onde máis beneficios e éxitos están a atopar é ao mercar e capitalizar o club do talento do fútbol de bronce. O Lugo moveuse ben nos últimos anos neste sentido –‘Puma’ Rodríguez, Juanpe, Yanis Rahmani, Hugo Rama, Jaime Seoane– pero creo que poden facer unha aposta maior da que están a facer. Indagar nos filiais, nos sub-23 (isto podería no debate dun convenio co Celta) da categoría e nos xogadores de mellores prestacións para o que quere o técnico. Na 1RFEF hai e haberán xogadores que rindan coma Álex Pérez e Óscar Whalley na Segunda División. Probablemente con soldos algo máis baixos e coa ilusión de chegar e medrar, de comerse a categoría.

Por outra parte, o mercado dos extracomunitarios, en países coma Arxentina, é un entorno que cada vez vemos menos no equipo lucense. Xogadores e clubs que contan con presupostos baixos e que son asequibles en relación calidade/prezo nos parámetros de Segunda. É certo que o proceso de adaptación pode ser unha traba, pero a día de hoxe creo que está moi normalizado o trasvase de xogadores entre estas ligas e que pódese detectar que está/pode estar para os ritmos de xogo dunha Segunda División e que non.

A estrutura da Dirección Deportiva do CD Lugo é a que é, pero creo que pode ter a intención de especializarse neutros mercados asequibles. Portugal (caso de Venâncio, por exemplo) é un deses entornos nos que se poden conseguir xogadores que presentan menos dificultades económicas. Xa non falo de Bélxica ou outras ligas europeas, onde a adaptación a España é menos doada, pero que poden ser nichos de mercado excelentes polas súas características e nivel medio.

Todo isto é opinión e non ten por que ser verdade. Quizais a miña perspectiva pode estar errada en certos puntos. Non teño ao 100% coñecemento de causa dos custos dos xogadores, pero é o que vexo e penso. Creo que o mercado do CD Lugo merecía unha reflexión longa e aquí está a miña. Cada un ten o seu punto de vista e vós sedes libres de discrepar comigo ou coa miña visión, que ao final é o realmente enriquecedor destes asuntos.

Comparte:

Deja un comentario