Artículos

SD Compostela 0 – 3 CD Lugo: destape goleador fronte a un rival sen rodaxe

por Denís Iglesias 29 julio, 2021
Carlos Pita - Memorial Antonio Bermúdez
Tiempo de lectura: 4 minutos

O CD Lugo acadou a primeira gran vitoria da pretemporada fronte á SD Compostela, contra a que desenvolveu o se instinto goleador. Os albivermellos leváronse o V Memorial Antonio Bermúdez en San Lázaro logo de superar 0-3 (Manu Barreiro, Campabadal e Juanpe) a un rival que este ano militará en 2 RFEF e para o que este encontro foi o seu primeiro lance da preparación. Polo tanto, un contrincante asequible, nunha fase de rodaxe máis primaria, pero ante o que os de Rubén Albés prolongaron a súa boa dinámica. SD Compostela 0 – 3 CD Lugo

O técnico vigués ten un esquema perfectamente recoñecible que el mesmo ratificou na rolda de prensa posterior ao encontro. Unha formulación voluble segundo a fase defensiva ou ofensiva na que se atope o CD Lugo. Gardando as costas os albivermellos actúan cunha liña de cinco atrás que lle permite gorecerse en situacións de perigo preto da área. Asimesmo, concédelles certa liberdade de deberes defensivos aos extremos, para que estes poidan dar o mellor de si en situacións de contraataque, onde o conxunto lugués se desprega cos carrileiros. Por diante, unha liña de 2 (mediocentros) + 3 (atacantes) aos que se lles suma o terceiro central ou líbero, unha figura fundamental que están a exercer tanto Carlos Pita como Xavi Torres

Albés non quixo alterar a orde na portería e Óscar Whalley non debutou fronte ao Compos, contra o que xogaron Varo e Vieites

Con esta maquinaria engraxada, o CD Lugo púxose por diante en San Lázaro moi cedo cun gol de Manu Barreiro. O santiagués aproveitou un roubo para poñer por diante aos visitantes. A Esedé non se desfixo e mantívose dominadora do coiro na primeira metade, durante a que Varo, outra vez capitán, exerceu de titular na portería. Albés non quixo alterar a orde que está a manter no marco e Óscar Whalley, con tan só unhas sesións no lombo, quedou sen debutar. 

Compostela 0 – 3 CD Lugo: partindo da solidez defensiva

Na zaga volveu a dispor unha liña inédita no que levamos de pretemporada, con Diego Alende formando parella de centrais con Matías Vesprini, quen regresaba á que foi a súa casa o ano pasado e onde non verían con malos ollos unha nova cesión, desta volta con máis continuidade, conscientes do paso adiante que está a dar o defensa arxentino e das necesidades que ten atrás o conxunto santiagués. Xavi Torres fixo de timonel central neste primeiro tempo e nos laterais formaron dous canteiráns como Torrado e Luis Castro

Por diante, na configuración 2+3 da que falaba Albés, Borja Domínguez e Hugo Rama no centro do campo con Chris Ramos e Leandro Antonetti nos extremos para deixar a Manu Barreiro en punta. O Compos de Rodri Veiga, que tamén se estreaba como primeiro adestrador da Esedé, pecou sobre todo de problemas puntuais no dominio de balón. O CD Lugo traballou máis nestes primeiros 45 minutos o balance defensivo, con presión en todo campo chegando ata á area rival, buscando os SEUS erros.

No segundo tempo mudaron os protagonistas, pero non o debuxo. Albés dispuxo un once completamente novo que sacou aínda un maior rendemento. Baixo pais estivo Fran Vieites, quen ao igual que Varo, logo da chegada de Óscar Whalley, está relacionado con varios equipos para unha posible cesión. Ambos os dous metas están dando o mellor de si para quedar nun CD Lugo que parece contar tamén na súa planificación con Julen, o meta do Polvorín. 

Ros puido gozar dos seus primeiros minutos como albivermello e fíxoo dende a posición de central

Na defensa, por fin puido debutar Ros coa albivermella, formando parella de centrais con Alberto Rodríguez, quen estreou a súa condición de xogador con contrato logo de superar a proba á que foi sometido polo corpo técnico do conxunto lugués. Esta disposición no eixo da zaga confirma que Ros pode ter como primeira función ser central, malia ser mediocentro de orixe, o que podería reducir ou concluir os movementos de mercado nesa parcela, co risco que supón non contar cun comandante atrás ao estilo de Miguel Vieira, Mathieu Peybernes ou Frederico Venâncio. Aínda que máis ben a actitude de Albés, como leva sendo dende que entrou no CD Lugo, é a de gardarse as costas polo que poida vir. 

Nos laterais formaron os que posiblemente serán a parella de titulares nesta demarcación. Un Campabadal espléndido e un Lebedenko que vai a máis cada partido. O ucraíno volveu dar mostras da súa capacidade para chegar case a liña de fondo e dobrar ao seu compañeiro no extremo, unha vez máis Mayoral, co que se fai boas migas pode converterse nun dos grandes argumentos ofensivos da escuadra luguesa. No dobre pivote estiveron Juanpe e Seoane, que xunto Ros é o único home que podería facer ás veces de stopper, un perfil moi necesario neste CD Lugo e no que non se vería con malos ollos un reforzo. Nos extremos, Gerard Valentín, que onte cumpría anos, e o citado Mayoral, complementados en punta por Carrillo.

Campabadal, referente goleador do CD Lugo

Esta combinación de xogadores, con máis hipotéticos titulares, carburou dende o inicio e o CD Lugo foi moi superior a un Compos ao que comezaron a pesarlle os minutos. Así, no 66 de encontro, Eduard Campabadal destapábase como o goleador da pretemporada e facía o seu segundo tanto neste tempo de preparación. Un bo gol en carrera desde atrás que se suma ao que lle meteu á SD Ponferradina para darlle ao Club Deportivo Lugo a primeira vitoria da pretemporada. 

E non só iso, o lateral tarraconense tamén lle deu a asistencia a Juanpe para facer o definitivo 0-3 cun bo testarazo do jerezano, quen lle deu o aplomo necesario ao equipo de Rubén Albés no segundo tempo. O Compostela de Rodri Veiga, quen malia a derrota quedou satisfeito do desempeño do seu equipo, xerou a mellor ocasión por medio de Pablo Durán, quen roubou ao bordo da área para armar un chut duro que obrigou a Vietes a facer unha boa parada. 

Con este triunfo, o Club Deportivo Lugo acumula dúas vitorias, un empate e unha derrota no que vai de pretemporada, con catro goles a favor e tan só un en contra. Aos números hai que sumarlles o compromiso e profesionalismo dun grupo que está a dar o mellor de si para chegar a punto ao inicio de Liga, no que os albivermellos se enfrontarán ao Real Oviedo, precisamente, o seu próximo rival nesta pretemporada. Será este sábado, ás 18:00 da tarde, no Pepe Barrera, onde se celebrará o LXX Trofeo Emma Cuervo para o que as entradas custan 20 euros (15 para socios do Ribadeo, organizador do mesmo).

Comparte:

Deja un comentario