O CD Lugo encaixou a primeira derrota da pretemporada contra o Pafos chipriota, capaz de adiantarse nunha das primeiras xogadas grazas a un gol de Kévin Bérigaud. O conxunto albivermello dispuxo de opcións, sobre todo na primeira parte, pero manifestouse, coma ven sendo habitual, inoperante nas finalizacións. O equipo de Rubén Albés perdeu a súa condición de equipo imbatido e continúa agardando reforzos que se adapten a un esquema cada vez máis definido, no que o técnico vigués leva reiterando dende o comezo da preparación para a temporada 2021 / 2022. Pafos 1 – 0 CD Lugo
Foi este un encontro diferente en moitos sentidos, xa que os encontros do CD Lugo contra equipos de fora de España son unha rareza na súa historia. Segundo informaba Manuel Cordido, a escuadra luguesa mediuse ao Famalicão luso e ao Oporto na inauguración do alumeado do Anxo Carro. Outros seareiros albivermellos lembraban nas redes sociais lances contra o Gimnasia y Esgrima arxentino e o Chaves portugués. Con todo, partidos illados e que sempre aportan un concepto diferente.
No caso do Pafos, a razón da súa presenza en Vigo atopámola no seu Director Deportivo: Michel Salgado. Este puido sorrir co comezo do seu equipo, que se adiantou moi rápido no marcador, cando aínda non se cumpriran os dous minutos de xogo. Kévin Bérigaud, atacante do conxunto chipriota, aproveitou para peitear un centro de Willy Semedo, que non sentiu a presión de Campabadal e puxo unha asistencia gañadora. A defensa do CD Lugo quedou á expectativa nesta xogada ofensiva que acabou definido o partido.
A partir de aí, no primeiro acto, o Club Deportivo Lugo asumiu o protagonismo con balón cun once con máis hipotéticos titulares do que presentaría na segunda metade, dúas realidades que Rubén Albés está a diferenciar nos encontros desta pretemporada. Atrás formaron Diego Alende e Alberto Rodríguez. O santiagués tivo os seus primeiros minutos coa albivermella logo de confirmarse a súa segunda cesión por parte do Real Valladolid logo de renovar cos pucelanos ata 2023. O central canario xogou o seu terceiro partido co CD Lugo e, segundo avanzou Emilio González en Radio Galega, formalizará un contrato cos lugueses nas vindeiras horas.
Nos laterais desempeñáronse pola dereita Campabadal, que segue a figurar como o único goleador da pretemporada, e pola esquerda, de novo, Lebedenko como titular. Precisamente, nas botas do ucraíno naceron algunas das mellores ocasións do CD Lugo, como a que xerou ao pouco do gol recibido en contra que rematou cun remate na área pequena que Hugo Rama non puido definir. Sufriu máis o lateral tarraconense contra un Willy Semedo moi activo, que aproveitou os espazos para concentrar o perigo do Pafos nas súas botas. Puido anotar o segundo dos chipriotas aos dez minutos, pero non conseguiu enfiar un boa finalización logo dunha boa internada do goleador Berigaud.
Un mesmo esquema repetido no Pafos 1 – 0 CD Lugo
O CD Lugo construiu o xogo dende atrás, apostando de novo por Carlos Pita como xogador incrustado entre os dous centrais para iniciar as dinámicas ofensivas. Os pases do capitán cara os costados continúan sendo a mellor mostra de calidade deste equipo. Pita chegou a sacar dende a posición de Fran Vietes, titular na primeira metade, varios balóns ao que hai que unir a súa capacidade para colocar e corrixir as posicións dos centrais. A posesión foi para o equipo de Rubén Albés nos 45 minutos iniciais, nos que tratou o coiro paseniñamente, abrindo o xogo polas bandas e sacrificando o centro do campo, no que Manu Barreiro, referencia en ataque tivo que baixar case ata o medio para axudar na saída. Nos extremos, David Mayoral deixou cancha libre a Lebedenko e meteuse por dentro máis dunha vez para xerar superioridade mentres que Chris Ramos tentou varias veces facer a guerra pola súa conta, pero sen completar regates exitosos.
O que non se pode discutir é a marcha posta que teñen os xogadores albivermellos, activos e comprometidos dende os primeros compases, incluso aqueles que debutan. Hai un sentimento común por tentar facer as cousas o mellor posible neste periodo previo para chegar en condicións óptimas ao comezo do campionato. Asimesmo, despréndese a sensación de que non serán moitos máis os reforzos que virán e, xa que logo, pode activarse a operación acople entre os que están.
Ander Cantero fixo as maletas e xa é oficial o seu traspaso ao Eibar por unha cantidade sen determinar
Quen xa fixo as maletas para abandonar o CD Lugo é Ander Cantero. O meta e figura clave nas últimas salvacións luguesas fichará polo Eibar nunha operación que está por ver canto deixa na caixa do conxunto amurallado, debido a que o Villarreal é posuidor dunha parte importante dos dereitos do meta navarro. O capítulo das ocasións da escuadra luguesa neste primeiro tempo completouse cun remate de cabeza de Alberto Rodríguez que se foi desviado logo dun córner botado por Hugo Rama; e cunha xogada protagonizada polo propio xogador de Sigüeiro, que se asociou con Campabadal para chegar ao bordo na área pequena, dende onde tentou sen éxito asistir a un Manu Barreiro que xa se relambía en boca de gol.
O ansiado regreso de Gerard Valentín
A gran nova da segunda metade chegou coa volta de Gerard Valentín, recuperado despois de padecer o Covid-19, doenza da que aínda non se recuperou Juan Antonio Ros, unha das fichades do CD Lugo neste mercado estival. O extremo volveu tan revolucionario coma sempre, buscándolle as cóxegas ao seu par e chegando a forzar un penalti que non foi asubiado ao pouco de reanudarse o xogo. O ‘20’ albivermello xa ten activo o xen competitivo que tan decisivo foi o curso pasado e esa é a mellor nova nesta pretemporada.
A figura de conductor do xogo neste segundo acto correu a cargo de Xavi Torres, quen ao igual que contra o Burgos e a Ponferradina exerceu o mesmo rol que Carlos Pita. Polo momento, as formulacións de Rubén Albés teñen sido as mesmas, so mudando de protagonistas. Nos segundos 45 minutos, o técnico vigués deulle minutos a canteiráns como Mateas Vesprini ou Luis Castro, este último a un bo nivel en todas as actuacións que está a completar ata o momento en pretemporada. En punta de ataque xogou un Carrillo que prácticamente non xerou perigo contra o marco rival. A ocasión de gol máis clara do CD Lugo na segunda metade tivoa Leandro Antonetti, quen deu cun defensor do Pafos que repeleu o seu disparo despois dunha asistencia de Valentín.
Tampouco tivo demasiado traballo Alberto Varo, quen logo da saída de Ander Cantero vai ter un papel protagonista. Onte xa exerceu de capitán e a política deste mercado estival do CD Lugo, caracterizada pola carestía de recursos, non parece que lle vaia abrir unha porta a outro gardamallas tendo como ten dous en nómina (Fran Vieites) e recursos no filial. Sería un erro máis na planificación luguesa, dependente desta posición e da de central nos últimos tempos. Sexa como for, independentemente da cantidade que ingrese -a repartir co Villarreal-, o conxunto albivermello vai perder moito máis que gañar con esta saída.