O CD Lugo conquistou o LXX Emma Cuervo, o torneo vicedecano dos estivais -só superado en edicións polo Teresa Herrera- logo de vencer nos penaltis ao Real Oviedo despois de empatar (1-1) no tempo regulamentario nun encontro no que a escuadra asturiana foi mellor, pero incapaz de converter en gol o seu maior número de ocasións. Os de Cuco Ziganda adiántaronse por medio de Javi Mier e o tanto da igualada albivermella foi obra de Leandro Antonetti, o xuvenil que se estreou como anotador co primeiro equipo.
Recibía Ribadeo aos dous equipos con público nas bancadas, que tivo que pagar 20 euros por cabeza para poder entrar no Pepe Barrera. Mais para moitos era a primeira vez que podían ver ao CD Lugo nesta pretemporada, na que só un dos encontros se retransmitiu de xeito audiovisual, e foi a través da canle do Pafos. Tralo asubío de Pastoriza Iglesias, colexiado da contenda, o Real Oviedo asumiu a batuta do encontro, imprimindo unha marcha máis e tomándose o trofeo estival como se fora o partido que dentro de 15 días disputarán ambos os dous equipos no Tartiere, enmarcado no comezo ligueiro.
Tivo moito traballo no primeiro tempo Fran Vieites, titular durante os 90 minutos. O meta de Ponteceso asumiu a reválida que puido ser este encontro para a súa continuidade no CD Lugo do mellor dos xeitos posibles. Nada máis comezar o encontro interviu nun centro perigoso e amosouse seguro en todas as saídas aéreas, que non foron poucas contra un conxunto ovetense que acumulou un bo número de córners a favor. Pero a primeira gran oportunidade do Real Oviedo chegou a balón parado.
Borja Domínguez concedeu unha falta ao bordo da área que executou Grippo para facer voar a Vietes. O equipo carbayón fixo moito dano ás costas da defensa luguesa, sobre todo polos costados, onde nin Orest Lebedenko nin Carlos Torrado puideron achicar espazos fronte a homes como Sangalli, espléndido por dentro, e quen no minuto 24 asinou unha fenomenal xogada individual que de novo se topou co porteiro do Club Deportivo Lugo. A primeira media hora de xogo aínda deixou outra acción clara de gol obra de Borja, quen non puido finalizar unha contra que naceu dunha mala conducción dos albivermellos.
Foi, sen lugar a dúbidas, o peor arranque dos de Rubén Albés no que vai de pretemporada. O técnico vigués non deixou de corrixir aos seus nunha sucesión de berros que se oían ben pola retransmisión televisiva. Ao final, o Real Oviedo acadou o gol que buscaba con tanto empeño e no minuto 35 Javi Mier si conseguiu batir cun forte disparo cruzado a Fran Vietes despois dunha boa asistencia entre liñas de Jimmy.
E xusto cando peor parecía estar o CD Lugo, o equipo do Cuco Ziganda concedeu o gol do empate, que naceu nas botas de Borja Domínguez cun pase preciso que finalizou en carreira Leandro Antonetti. O avanzado boricua, o mellor do partido despois de Vietes e xunto ao seu asistente, fixo un autopase co peito e superou a Joan Femenías, quen saiu en falso para lamento da parroquia oviedista desprazada ao Pepe Barrera de Ribadeo.
O LXX Emma Cuervo caeu en intensidade logo da segunda metade, na que como avanzara Rubén Albés, mantívose o once inicial. O adestrador do conxunto lugués repartirá minutos entre o encontro de Ribadeo e de Castro Riberas de Lea que disputa este domingo fronte ao Racing de Ferrol. Malia a caída da intensidade, as oportunidades más claras volveron levar a mesma cor azul e a entrada de Jirka deulle un novo aire ás intencións ofensivas do Real Oviedo. Nas botas do eslovaco, unha das fichaxes carbayonas neste mercado estival, xurdiu un centro que non puido rematar Viti. Visto o panorama, o Club Deportivo Lugo decidiu dar un paso atrás e defender na súa área consumindo os minutos e agardando unha contra para poder facer dano. As veces que adiantaron a presión, os rivais, con tan só un par de pases, conseguiron zafarse da tímida asfixia albivermella.
Aos poucos, Rubén Albés foi mudando de protagonistas, aínda que mantendo o esquema 5-3-2 construido dende a defensa que está a manter de xeito inalterado dende o inicio da pretemporada. Así foron entrando en xogo homes como Alberto Rodríguez ou Hugo Rama, pero a película do Emma Cuervo non mudou en exceso. O Real Oviedo seguiu chegando e facéndoo de xeito inocuo, culminando con remates moi frouxos fronte aos que Vieites non tivo problemas… Ata os últimos intres do encontro, nos que os de Cuco Ziganda quixeron evitar os penaltis nun arreón final que finalizou cunha ocasión en boca de gol de Jirka, un dos máis activos nestes segundos 45 minutos.
Dende os once metros, o Club Deportivo Lugo amosouse inapelable e todos os elexidos para tirar as cinco penas máximas -Manu Barreiro, Hugo Rama, Xavi Torres, Campabadal e Seoane- acertaron, mentres que no bando do Real Oviedo errou o canteirán Álex Cardero, que enviou o balón por riba do traveseiro da portería defendida por Vietes. Así, ao final, LXX Emma Cuervo para as vitrinas dun conxunto albivermello con esquema claro, pero con marxe de mellora e mercado por completar, tanto no apartado de chegadas como saídas.