Ser do CD Lugo é unha cuestión de fe. Tanto que debería incluirse coma o oitavo sacramento pola Diocese de Lugo, entre a Confirmación e o Matrimonio.
Despois de dúas tempadas sendo tentados polos Pecados Capitais do descenso, o que parecía un ano tranquilo na Liga SmartBank, vai camiño de convertirse nunha travesía polo deserto marcada pola inestabilidade nun banquiño que ten cheiro a chamosco.
A temporada comezaba con Juanfran avalado por unha das milagres que perdurarán para sempre na Biblia albivermella. Nin os máis fieis (aqueles que se sentan en primeira fila, donaron o seu abono e teñen o escudo na mesiña de noite) eran capaces de crer naquela salvación milagreira do CD Lugo. Fe pura e dura.
Pero San Froilán -patrono da Diócese e da cidade de Lugo-, ante a chamada de Juanfran, enfundou a albivermella e non dubidou en acudir. O problema foi que o seu efecto non se prolongou no inicio da tempada seguinte e a directiva pensou que o futuro do Lugo pasaba por achegarse a máis relixións. O tiro probablemente non ía desencamiñado, pois o ano pasado a salvación debemoslla a don Moctar El Deseado Sidi El Hacen, musulmán convicto e autor de varios dos goles que serviron para achegarnos ao ceo.


Avalado por isto chegou Nafti, un francotunecino capaz de convencernos a todos coa sua doutrina futbolistica. Fíxonos crer que podíamos abrazar un estilo de xogo bastante afastado do que esixía a parroquia lucense. Pero el foi o noso “pastor” e todos comulgamos coas súas ideas e sobre todo cos seus resultados. A salvación do CD Lugo pasaba por achegarse á media lúa e á estrela de cinco puntas.
Pero quizais isto seguía sen ser suficiente e, por sorpresa, apareceu San Pedro. O primeiro dos papas da Igrexa católica… NON
O primeiro dos adestradores en repetir nun banquillo que ten coitelas incapaces de facer acougar ata ao fakir máis experto. E como bo acto de fé e tras sete xornadas os resultados non acompañan. E as sensacións tampouco milloran. E semella que non vai quedar outra que encomendar a salvación do CD Lugo a San Pedro.


Pero inexplicablemente, o equipo albivermello sigue confiando na relixión para sacar adiante o que ninguén dos mortais quere facer. E ademáis dándolle o seu ben máis prezado: A paciencia e as chaves do clube.
O CD Lugo confía a salvación a San Pedro, e a parroquia terá que volver a axeonllarse rezar. Rezar moito para voltar a sacar adiante outra salvación máis.
A ilustración que encabeza este artigo é de Pablo del Valle (@pablo_dvp), autor de #JuanfranBarberShop e #NaftiBarberShop. Sólo permitida a súa reproducción baixo cita do autor e do medio.