ArtículosPrevia

Previa Real Oviedo – CD Lugo: apañar as patacas

por Denís Iglesias 14 febrero, 2021
nafti cd lugo aqui hai que sachar
Tiempo de lectura: 5 minutos

A un de Lugo non se lle identifica polo acento. Nin pola matrícula. Nin sequera polo DNI. É cuestión de saber cantas veces tivo que apañar as patacas. Se nunca participou nese rito colaborativo, é mellor que non sigas falando con el. Será un paracaidista. E se che sae coa teima da couza guatemalteca, tampouco se agachou na vida para verlle os ollos aos tubérculos. O día de coller as patacas era unha xornada de comunidade, de comer ben e andar aos contos. Un proceso que lembra ao CD Lugo de Mehdi Nafti, quen fai do esforzo e a colaboración unha virtude. Algo que pretende consolidar fronte ao Real Oviedo no Tartiere.

A ilustración que encabeza este artículo é de Pablo del Valle (@pablo_dvp), autor de #NaftiBarberShop. Só permitida a súa reproducción baixo cita do autor e do medio (@LGV11010).

Hai xa tempo facíase cunha burra ou un cabalo que poñía un veciño. Xantábase ben e as casas colaboraban entre. Logo xa se motorizou todo e cambiou o conto. Nalgúns casos a recolleita trsaladouse á fin de semana, para que puideran vir arrimar o ombreiro os que traballaban pola semana. Aínda que non cambiou o conto dos que viñan máis a parolar que a currar. Aqueles que escondía a pataca por agarrarse moito as costas. Aínda así, o traballo sempre resultaba e moitas veces o resultado eran máis patacas das a familia podía comer no ano. E nesas anda o CD Lugo, metendo no goxo o maior número de puntos posible. Mellor que sobren a que falten para a permanencia.

O Tartiere parece, unha vez máis, unha leira sen gradar. Xa non é novidade, como que haxa que sachar para gañar aí.

É verdade que o tractor albivermello non é o máis avanzado do mercado. Pero a maquinaria funciona en case todos os terreos. Da igual que se compita fronte ao Espanyol que contra o Tenerife. Hai un xeito de meter o sacho característico que se traduce nunha carreira continua e segura para a meta fundamental. Semellaba que entendera a lección o Real Oviedo do Cuco Ziganda. Un equipo que o ano pasado veuse tamén coa auga ao pescozo para salvar a categoría. Mais no Tartiere, que parece mesmamente unha leira sen gradar, non hai unha cuadrilla efectiva para sachar os puntos que tanto precisa o conxunto asturiano para non tremer máis.

Lugoslavia eres tú: ¡NOS necesitamos!

Anúnciate o suscríbete a lugoslavia

Lugoslavia es el medio de referencia en la información del CD Lugo. Nacido en 2014 de la iniciativa de un grupo de profesionales de la comunicación y aficionados albivermellos. Un proyecto con más de 1.000 artículos a sus espaldas, canales en diversas plataformas, narración de los encuentros y actualización diaria. Para seguir ofreciendo todos estos contenidos, necesitamos tu apoyo. Anúnciate o patrocina secciones y haz que tu marca o negocio llegue a los miles de usuarios que visitan Lugoslavia. Colabora y suscríbete a nuestros canales. Ahora más que nunca, NOS necesitamos. ¡Juntos somos más fuertes! >>¡Hazlo posible! Escríbenos a redaccion@lugoslavia.gal o cubre el formulario al final del texto para informarte de condiciones.

Son xa seis as xornadas que os carbayóns levan sen gañar. As dúas últimas, con dolorosas derrotas fronte ao Cartagena (2-0) e Albacete (0-1), dous rivais que están por debaixo na táboa clasificatoria. Dous partidos nos que o Cuco Ziganda non puido sentarse no banco por mor do coronavirus. Bingen Arostegi colleu o timón nesta complicada travesía que o tándem agarda reverter nun NMR Carlos Tartiere que fai honra ao seu patrocinador, unha empresa mineira. Xa non é novidade ver o campo ovetense feito un patacal, pero no peor sentido da palabra. Lonxe de ser un campo fértil para as baraka ou kennebec (enquisa offtopic, que patacas botades vós?).

O Real Oviedo leva gañado tanto dentro como fora da casa. E hai que irse ata a xornada 18 para atopar o 4-2 contra o Tenerife. Último triunfo local e último triunfo en liga. Pero Nafti non se fía. Como para facelo logo das derrotas contra equipos supostamente mortos, que mudaron de adestrador e que volveron ó rego da vitoria contra os albivermellos. A priori, a oportunidade que se lle presenta ao CD Lugo é única. Tombar a un rival directo -sexa o contexto que sexa- ao que podería deixar, en caso de vitoria, a sete puntos de diferenza e coa golaveraxe gañada. E, sobre todo, volver a gañar fóra, algo que a escuadra luguesa non consegue dende o 24 de outubro cando derrotou á UD Logroñés (2-3). Non lle senta tan ben ao equipo sementar patacas na leira propia como fóra.

Para iso terá que amosar unha mellor versión que no partido de ida disputado no Anxo Carro. Este rematou con empate en goles pero se alguén estivo preto de abrir a fenda foi o Real Oviedo. Unha das claves pode estar no balón parado, faceta pola que se teñen derramado os puntos dos locais. Unha vía aberta que ten moita importancia para Nafti, tal e como declarou na rolda de prensa previa, pero que tamén pode xogar na súa contra. Para este encontro non poderá contar con El Hacen, quen se tivo que retirar contra o Leganés e quen ten por diante aínda varias semanas de recuperación.

Unha das cuestións a resolver no once de Nafti será saber quen ocupará o centro do eixo da zaga amais de considerar as opcións en ataque

Tampouco está na convocatoria por lesión Luis Ruiz nin Marcelo Djaló logo da súa expulsión contra o RCD Espanyol. Nafti non deu pistas sobre quen suplirá a baixa do central. Hai dous nomes sobre a mesa como son os de Alende e Pita. O primeiro, natural nesta demarcación e o segundo, alternativa na mesma. Aínda que estaría ben pensar porque ninguén pon sobre a mesa a identidade do “xogador que mellor adestra” como é Pedro López. Unha virtude recoñecida polo propio Nafti e que non se traduciu aínda en ningún minuto en liga para o primeiro que se apunta a apañar as patacas.

Pola súa parte, Ziganda ten todos os efectivos ao seu dispor a excepción de Arribas, que segue a recuperarse da súa lesión muscular. O que non está tan claro é que once disporá para tentar frear ao CD Lugo. En rolda de prensa foi cuestionado sobre as posibilidades para o ataque. Entre as que están Rodri ou Borja Valle, que non figuraron no último once. Fronte a Nahuel ou Borja Sánchez, satélites que xiran ao redor da referencia Blanco Leschuk, máximo anotador do equipo con catro goles xunto co propio Nahuel e Sangalli. Iso si, todo fondes secas, xa que os azulóns atravesan a peor xeira ofensiva da temporada logo de non ver porta nos últimos tres partidos. Traducido: levan sen apañar patacas dende o ano pasado.

Datos do Real Oviedo – CD Lugo

Xornada 25, Segunda División – Liga SmartBank

Estadio: NMR Carlos Tartiere

Último partido: CD Lugo 0 – 0 Real Oviedo

Onces posibles do Real Oviedo – CD Lugo

Real Oviedo: Femenías; Nieto, Grippo, Christian, Mossa; Sangalli, Tejera, Edgar, Borja Sánchez; Nahuel e Blanco Leschuk.

CD Lugo: Cantero; Campabadal, Venâncio, Alende, Canella; Seoane, Juanpe; Herrera, Hugo Rama, ‘Puma’ Rodríguez; e Manu Barreiro.

Árbitro Real Oviedo – CD Lugo: Saúl Ais Reig

Tal e como sucedeu na xornada anterior, contra o Espanyol, o CD Lugo estrea árbitro esta temporada. O valenciano Saúl Ais Reig dirixirá o encontro do Tartiere como xa fixo o ano pasado na vitoria contra o Fuenlabrada (2-0) e no empate contra o Girona (2-2).

Comparte:

Deja un comentario