ActualidadPrevia

Previa Lugo – Tenerife: espírito de José Juan

por Denís Iglesias 23 enero, 2021
Jose Juan, o teu antiheroe favorito

Previa Lugo – Tenerife | Estadio Anxo Carro | Xornada 22 en Segunda División | Árbitro: Sagués Oscoz

Eliminaron ao Lugo da Copa del Rey e xa pensamos que toda a nosa satisfacción nese torneo morrera. Ai, pero non contabamos co que ía facer un ídolo do Anxo Carro. Hoxe a opinión pública xa coñece a José Juan. Na cidade amurallada, por sorte, fixémolo moito antes. O noso antiheroe favorito saiu até no Telediario de TVE logo de ser un dos artífices da eliminación do Real Madrid. Non lle quedou medio por sair. Algúns xa soñamos con que faga carreira no cine como Vinnie Jones.

Lugoslavia eres tú: ¡NOS necesitamos!

Anúnciate o suscríbete a lugoslavia

Lugoslavia es el medio líder en la información del CD Lugo. Nacido en 2014 de la iniciativa de un grupo de profesionales de la comunicación y aficionados albivermellos. Un proyecto con más de 1.000 artículos a sus espaldas, canales en diversas plataformas, narración de los encuentros y actualización diaria de contenidos. Para seguir ofreciendo todos estos contenidos, necesitamos tu apoyo. Anúnciate o patrocina secciones y haz que tu marca o negocio llegue a los miles de usuarios que recibe Lugoslavia. Colabora y suscríbete a nuestros canales. Ahora más que nunca, NOS necesitamos. ¡Juntos somos más fuertes! >>¡Hazlo posible! Escríbenos a redaccion@lugoslavia.gal o cubre el formulario al final del texto para informarte de condiciones.

Detrás dese «Hola, soy José Juan» hai demasiadas cousas que nos gustan. A pronunciación zarabeta. Os ollos de mirada atenta. A calvicie total. O discurso simple. O traballo. O home. José Juan é a negación de que a partir dos 40 un xa non é válido para darlle a volta ás cousas. Quen foi porteiro do Lugo durante cinco cursos rebenta todos os discursos. É máis válido que ninguén para facer o seu traballo. Foxe dos lugares comúns. El para, salta e goza facendo que mellor sabe: xogar ao fútbol.

«¿Espíritu de Juanito?». Vaiche boa, o que nós queremos é o Espírito de José Juan. Ese sentimento de crer sempre nun mesmo sen pisar ao do lado. De facer sempre o correcto en calquera circunstancia. Como cando deixou na cuneta a un Mirandés que non quería descender. E outras tardes de gloria dun xogador único. Un superdotado da profesionalidade que di perder un kilo por ano para manterse axil. Disposto a romperse o pómulo nunha saída. Moral do Alcoyano? Moral a de JJ, un traballador incansable que somatiza tan ben as derrotas como as vitorias.

CD Tenerife: no mellor momento da temporada

Por iso, se o Lugo ten que botar man da ouija e invocar a algún espírito, que ese sexa o de José Juan. O do traballo e obrerío militante. Non sei a quen votará José Juan pero si que eu o querería de presidente. Vaia tecnocracia a súa de estar sempre atento ao balón. Nun estado anímico no que non lle inflúe a atmosfera. El, só, cos puños, a ciscar balóns para un e outro lado. O Espírito de José Juan cadraría ben nos primeros tempos do naftismo. Apresuramonos, como bos eufóricos que somos, a darlle un corpus práctico á enorme remontada do CD Lugo logo da saída de Juanfran. Algún ata toleu cos playoffs. Nós gozamos, sen alardes clasificatorios, dun equipo que competía ás mil marabillas. Agora o debuxo é máis conservador, cunha permanente mueca polas lesións, as faltas de ocasións ou calquera outro tipo de accidentes meterolóxicos.

Os insulares encadenaron unha xeira de cinco vitorias en Liga e Copa ata a derrota pola mínima contra o Villarreal no torneo do K.O.

O CD Lugo quere volver a ser o que foi fronte a un CD Tenerife que está aínda baixo os efectos do cambio de adestrador. Ramis ten un bo fuciño e polo tanto un bo olfato. A reacción dos tinerfeños non dista moito da dos albivermellos. Defensa, defensa, defensa. E sair a roer con dous dianteiros para sumar unha xeira de cinco triunfos entre Liga e Copa del Rey fronte a rivais ben distintos. Case segue a dinámica no torneo de José Juan, título xa adquirido polo vigués. Os branquiazuis caeron pola mínima, no último intre, contra un Villarreal de Primeira División. Pódese dicir sen medo a esaxeracións que os insulares chegan a Lugo no mellor momento da temporada.

Sen bandas

Outro equipo que foi quen de arredarse dos problemas institucionais. Miguel Ángel Concepción é a enésima mostra dun dirixente atormentado que fai negocio no fútbol. Por sorte para a supervivencia institucional do club, o contorno mediático e masa social do CD Tenerife son máis vivos e críticos que outros. O que fai que o dirixente tiña os seus días contados á fronte do conxunto chicharrero. Ou iso esperan os que non poden ir ao Heliodoro por culpa da pandemia. Pero no verde as cousas marchan aínda que, coma lle sucedeu a Ramis, cando máis vento de cara hai, máis se empeña o destino en baixar das nubes aos que se esforzan. O freazo de Nafti veu dado polas lesións, virus FIFA e outras vicisitudes ás que agora se enfronta tamén o seu rival.

E ata se parecen os diagnósticos. Xa que Ramis disporá un once en Lugo sen extremos, unha das posicións que buscará reforzar no peche do mercado de inverno. Así, non estarán Nono, Álex Bermejo, Shasoua (o mellor do Tenerife no partido de ida), Jacobo González e o noso ídolo universal, Susiño Santana. Capitán eterno do Tenerife e ao que adoramos polo seu especial carácter. Sen nomes puros na banda, Ramos adiantou que pode que adiante aos laterais. Como Shaq Moore ou Pomares. Ou quen sabe se mova a unha banda a Valentín Vada, como xa ocorreu contra o Villarreal. Recurso semellante ao que fai Nafti cando ten estas mesmas carencias.

El si que semella que non terá respostos. En Lugo o mercado está conxelado. Por defecto profesional. Ou iso se esmeran en dicir dende a dirección deportiva para non crear falsas ilusións. Un home diferente e ataque non lle viría mal a un equipo que lle custa facer dano arriba se exceptuamos o talento de homes como Hugo Rama ou Gerard Valentín, quen se perderá o partido por acumulación de cartóns. É unha das baixas dun CD Lugo que pouco a pouco recupera a normalidade logo de ateigar a enfermería. Xa non hai tan altos niveis de saturación hospitalario e só andan buscando a porta de saída da mesma Diego Alende, ao que lle falta menos dunha semana, e Borja Domínguez, canso tamén xa de dar tumbos nas salas de recuperación.

O Puma Rodríguez xa está recuperado e o CD Lugo precisa como o comer as internadas por banda dun extremo extremo

Dixo Nafti que si levará a homes como Iriome ou Luis Ruiz, recuperados da súa lesión. Deu o parte como si viaxar ao Anxo Carro fora un desprazamento. Aínda que con todas as restricións que hai, baixar á Cheda parece unha excursión de perigo. Que llo digan aos que tiveron un intento de disolución no pasado derbi do Polvorín e o Vilalbés. Os integrantes da Rotonda Fans Hooligans. O ultra que todo o mundo agarda de volta é o Puma Rodríguez. Si, un extremo extremo onde os haxa. Xusto o que necesita o CD Lugo para mudar o estado de letargo e, por agora, comodidade no que se atopa. Pero na memoria recente aínda está a súa volta con recaída. Iso si, é un xogador a préstamo, que non vaia ser que de tanto conservalo caduque a cesión.

Os números son como son. Caprichosos e interpretables como eles sós. Tal é así que, malia que o pragmatismo de Nafti non está a traducirse en vitorias, si é certo que tampouco está a provocar grandes descalabros. A mellor mostra, a dinámica a punto de ser histórica de partidos sen perder no Anxo Carro. Tamén ten graza que o CD Lugo poida bater ese rexistro sen público no campo. Igual somos malas influencias. Co carrusel de baixas do Tenerife, que leva menos de descanso e co Espírito de José Juan, os albivermellos non deberían repetir os erros de entregas anteriores. Coma a que lle fixo entregar dous puntos a un Sporting mermado polo Covid. Queremos ir a misa e tres puntos no reconto da visita insular. Se non ven Suso Santana, non hai motivo para deixalos escapar.

Onces probables do Lugo – Tenerife

CD Lugo: Cantero; Campabdal, Venâncio, Pita, Canella; Xavi Torres, Juanpe, El Hacen; Herrera, Hugo Rama e Carrillo.

CD Tenerife: Dani Hernández; Kakabadze, Sipcic, Wilson, Álex Muñoz; Moore, Zarfino, Aitor Sanz, Vada; Apeh y Fran Sol.

Árbitro: Gorka Sagués Oscoz (Vasco). Non lle pitou ao Lugo ningún partido esta temporada. Na pasada, un empate: Lugo 1 – 1 Racing

Estadio Anxo Carro | Xornada 22 en Segunda División | 18:15 horas.

Comparte:

Deja un comentario