ActualidadCrónica

Crónica Sabadell 1 – 1 CD Lugo: gardacostas

por Denís Iglesias 12 enero, 2021
O Gardacostas, ilustración de Pablo del Valle.
Tiempo de lectura: 4 minutos

Crónica Sabadell 1- 1 CD Lugo

O manifesto do xogo pouco vistoso, proclamado polo profeta Mehdi Nafti en cada rolda de prensa, salvouse no último segundo da queima de libros. Manu Barreiro non errou dende os once metros e rescatou un punto para o CD Lugo no peche da primeira volta (28 puntos – 10ª posición) contra o Sabadell. O conxunto arlequinado someteu aos albivermellos no primeiro tempo, no que anotou Guruzeta. No segundo, os trocos mudaron o guion para romper o partido e darlle pulo ao CD Lugo na última media hora de xogo. Unha vez máis, Ander Cantero mantivo con vida aos seus. E outra vez tamén, unha incursión de Gerard Valentín rematou en pena máxima.

A ilustración que encabeza este artículo é de Pablo del Valle (@pablo_dvp), autor de #NaftiBarberShop. Só permitida a súa reproducción baixo cita do autor e do medio (@LGV11010).

O encontro que pechou a xornada e a primeira volta da Segunda División foi o dos gardacostas. No dobre sentido que esa palabra ten en galego e que serve para designar “aos barcos destinados ás defensas e á vixilancia do litoral”; e “ás persoas que acompañan a outras, xeralmente un personaxe público, para protexelo dunha posible agresión”. O plantel de gardacostas compuxérono, cada un ao seu xeito, Ander Cantero, Hugo Rama, Gerard Valentín ou Chris Ramos. Cartas imprescindibles para desenmarañar o desplante táctico que o CD Lugo arrastrou durante máis dunha hora.

“Balón ás costas da defensa do Lugo” foi a expresión máis repetida no primeiro tempo do encontro

A soidade de Xavi Torres como único mediocentro nun 4-1-4-1 foi o reflexo dun equipo que estivo a merced do seu rival. “Balón ás costas” resultou a expresión máis pronunciada no primeiro tempo. Guruzeta, Stoichkov, Querol, Víctor García… Os homes de ataque alineados por Antonio Hidalgo desataron unha turba sobre un CD Lugo totalmente cuarteado. Afundido atrás, sen conexión entre liñas, cun montón de espazos… Moi lonxe da coiraza defensiva na que se agocha o argumentario máis recente de Nafti. E por suposto, sen a faísca ofensiva que prendría nos primeiros tempos do naftismo.

Así, no minuto 35, chegou o que se agardaba. O tanto do Sabadell, nacido nunha enésima xogada ben fiada dende as bandas, con superioridades e desmarques. Gorka Guruzeta, cunha cabezada magnífica, enviou o balón á escuadra dereita de Cantero, aproveitando unha boa asistencia de Víctor García. Xusto antes do 1-0, Hugo Rama estivo a piques de facer unha das súas. Con espazo, o ’10’ do CD Lugo é quen de facer explotar un encontro aínda que nada acompañe. Mandou un trallazo dende fóra da área que fixo tremer o traveseiro da meta de Mackay. Porque este Lugo ten unha serie de xogadores diferenciais que integrados nun sistema activo deben servir de sobra para o obxectivo fundamental da permanencia. E Hugo Rama é un deses gardacostas.

Trocos para a resistencia dos gardacostas

O segundo acto reanudouse como rematou o primeiro. Con ataques do Sabadell por velocidade e profundidade, que quixo pero non puido matar o encontro. E iso é algo que hai que recoñecerlle ao CD Lugo de Nafti. Cada un que busque os seus factores, pero os albivermellos rara vez non chegan ao final dun partido con vida. Aínda que máis lles tería valido un espertar máis cedo, porque iso tería suposto pasar de loitar por empatar a tentar un triunfo que tería deixado aos albivermellos cunha redonda cifra de 30 puntos na primeira volta.

As actuacións de Chris Ramos, o único dianteiro inflamable, sérvenlle de reclamación para volver a gozar dunha titularidade

Nafti veuse apurado e adiantou o seu programa habitual de cambios, que acostuma a chegar a partir do 60. No 58 fixo un triple troco no que deu entrada a Manu Barreiro por Carrillo; Juanpe por Xavi Torres; e Chris Ramos por Herrera. As tres novidades acabaron sumando. Manu Barreiro, polo gol, Juanpe pola creación e retención do xogo no medio e Chris Ramos porque é o único dos dianteiros do CD Lugo cunha vocación ofensiva real. O único capaz de xerar perigo cos argumentos que se lle presumen a un ariete. No seu caso: bo posicionamiento para rematar balóns colgados que outrora acaban en disparos con rexeite; mobilidade entre liñas e ampla tolerancia á frustración para tentalo unha e outra vez.

Sen ser un bo partido dos albivermellos, estes tiveron ocasións máis que suficientes. Outra mostra de que os gardacostas do Lugo non teñen que ser únicamente operarios que salven o protocolo por Nafti. Para mostra, a manifesta ocasión que tivo Carlos Pita superada a hora de xogo. Rematou de xeito defectuoso fronte a Mackay logo dunha asistencia de Chris Ramos a saque de esquina. Mentres na parte ofensiva o equipo visitante tentaba remar, atrás fixéronse lagoas. Por sorte, o vixiante da meta luguesa, Ander Cantero, un gardacostas de nivel, fixo todo o posible para impedir que unha contra rematase coa morte do CD Lugo na Nova Creu Alta.

Todo semellaba condenado a unha irremediable derrota que achegaba aos de Nafti a cinco do descenso. Entón, unha xornada máis, apareceu na oficina o gardacostas máis do Estado. Ese que non mira cara atrás nin aínda que lle de un bucinazo un trailer. Acostumado a gañarse o pan cos leóns. Gerard Valentín acendeu motocicleta e Iker Undabarrena pagou a multa. Penalti. Previamente, o catalán recibiu o quinto cartón -esta vez, si, quinto, non como o pantasma contra o Mirandés- por protestar. O pico teno tan acelerado coma o ritmo pero quen non faría o mesmo no seu lugar, o sitio dun xogador que cada xornada se enfronta el so a un mundo de inimigos.

Outra asistencia de Valentín a Barreiro no punto de penalti

Chegou entón o momento que todos esperabamos. Ese que leva ao teu equipo a salvar os mobles no último intre de penalti. Responsabilidade para un Manu Barreiro que este ano non está a amosar boas prestacións. Un dianteiro que viviu días mellores, como a maioría dos que estades a ler esta crónica. Pero ao que aínda non se lle borrou do disco duro algo fundamental nun equipo coma o CD Lugo ao que lle custa tanto marcar: a efectividade dende os once metros.

Faino sinxelo -pero non o é-, a diferenza do que tenta con algúns remates. Del dependeu pasar dunha derrota perigosa con 15 días de dixestión até o encontro contra o Tenerife a un empate gardacostas. O santiagués non reincidiu no erro que cometeu contra o Atlético Pulpileño e confirmou o rescate de emerxencia dun punto. Un empate que deixa ao CD Lugo con 28 puntos nesta primeira tirada do campionato, oito por riba do descenso. Unha situación na que había varios que non se atopaba. Obxectivo numérico cumprido pero con moito traballo por diante.

Comparte:

Deja un comentario