ActualidadArtículos

1.463

por Denís Iglesias 23 diciembre, 2020
Tiempo de lectura: 7 minutos

1.463. Podería ser o número do meu sumario xudicial por cofundar Lugoslavia. Ou a matrícula dun Audi A4 afectado polo dieselgate. E quen sabe se un código postal na emigración. Mais é o meu número de socio. Seguramente moito máis alto do que debería. Os anos de seca universitaria impediron que estivera á par dos meus camaradas de bancada. Algún coma Jon anda no 100. Outros coma o Domi no 270. Para eles, sempre, o maximo respecto, malia que o guarismo sexa só un número de serie se non hai nada detrás. Por todos eles facemos Lugoslavia, que este ano pecha curso co #TertuliónLGV (21:30 en https://www.twitch.tv/lugoslavia/)

Baixei 2.000 números con respecto á falsa contabilidade anterior. Non foi ese o motivo polo que renovei malia que o club o tomou como un dos datos a ter en conta como incentivo. Algo que nos rexistros máis reducidos funcionou. Tamén naqueles que eran o 8.000 nunha masa social que non supera os 4.000 adeptos. Tampouco reincidín por conservar a miña butaca. Son dos que ve o fútbol de pé. Ou bulindo dunha localidade a outra como se tivera un formigueo no cu. Iso, sempre que podo ir ao Anxo Carro ou Estadio do Miño.

Fíxeno polo CD Lugo. Unha construción mental que diferencio completamente da Sociedade Anónima Deportiva que o arrodea. Levo seguindo ao primeiro dende que teño o pouco uso da razón que aínda conservo. O que veu despois foi unha transformación societaria que non recoñezo como propia e que se converteu en intermediaria do meu sentimento. Polo tanto, pagar 60 euros é para min un imposto co que hai que contribuir. Porque non hai nada que desexe máis neste mundo que volver sentirme un albivermello nos arredores da Cheda. Coma unha silva picona orgullosa de cada unha das súas espiñas.

Eu son dos do terceiro grupo. Do dos apestados con conciencia propia. As SAD reduciron a relación cos seus seguidores á categoría de clientes. Consumidores dun produto que eles cren que descubriron. Xa que logo, como sucede co recibo da luz, optei por non deixar un duro a unha empresa que non me fai partícipe de ningunha das decisións que toma. Ora ben, o sentimento cara as cores, as bufandas, os escudos e os cánticos nunca se van patrimonializar. Xa poden rexistrar todos os símbolos na notaría máis cara que nunca van ser quen de arrincarllos ao pobo soberano que aplaude e asubía no campo.

Seguramente non poida ver ningún partido do CD Lugo este ano. Son un dos pechacancelas da lista que encabezan aqueles que decidiron entregarlle uns euros á SAD. Ben por inocencia. Ben por beneficiencia. Filiación ou inconsciencia. Tamén estou por detrás dos razonables. Aqueles que optaron por non perder o carto senón por transformalo nunha inversión. Ben en forma de descontos para a tenda ou descontos nun abono posterior. Entenderon o perfecto equilibrio entre o beneficio propio e a subvención a fondo perdido dunha empresa que recibe millonarias subvencións do INEGA e un fluxo intensivo dos dereitos de televisión.

Sexas do grupo que sexas tes o pasaporte vermello. Póndelle poñer o número que queiran e as condicións que estimen. Cadaquén sinte este club ao seu xeito e todos son igual de representativos. Porque cadaquén asocia ao CD Lugo unha forma moi propia de sentir a vida. Como todos os participantes do

Aí está o Josito Ferreiro, o mellor relator do fútbol pre-moderno, quen converte a memoria nun espectáculo de sensacións. Ten as receitas dos mellores goles de Segunda B. Sabe ao detalle cada un dos ingredientes das xogadas. Sempre ten o as para matar o tres ou o catro. E se falamos con seu pai, Jaime, ten a baralla completa para gañar calquera partido ou partida. Cada resposta que da complementa. O mellor oínte para unha Radio Lugoslavia que non tería sentido sen o seu aporte. Dos que saben intercambiar respostas sen mancarse. Aprendendo do interlocutor. Alguén que nunca berraría para quedarse sen voz. Nunca se usou un diminutivo para referirse a alguén tan grande e un referente patrimonial do noso Lugo.

Imaxe promocional do macrotertulión de Lugoslavia.

O único motivo polo que Lugoslavia non asume a súa disolución como peña é para que ningún dos tolos que aquí escribe perda relación co noso elo racional: Diego Vilanova. Como Ferreiro, o seu vai de normativas. Bastante pedagoxía leva feita cunha afección acostumada a emitir opinións por Real Decreto das súas Patacas. Nunca vin a ninguén tan preciso en aplicar a lei. A do termo medio que tan ben domina. Oxalá puidera ser meu mestre para aprenderme a comportarme en cada contexto como el fai. Agardo algún día poder facer unha frase tan perfecta coma o seu criterio, ao que non lle falta nin un centímetro de razón.

Eu son socio do CD Lugo coma Edgar Marentes. A cabeza traballadora de Luguismo, o único -ismo que eu respeto. Oxalá ter a súa velocidade para repartir tan bos sentimentos entre toda a parroquia albivermella. Un afeccionado dos que antes que a man ofrecen o seu corazón. Dancho envolto cun xornal coas mellores noticias. Aquelas que lembran goles de gloria, celebracións, folgos e vídeos como os que salvaron ao club na súa última loita polo descenso. Edgar, un soldado capaz de diferenciar perfectamente ao patrón da SAD co exército que se alista no Estadio do Miño cada fin de semana. Puro músculo e motivación.

Polo meu continuo ir e vir da cidade amurallada eu voume sentir sempre coma un Albivermelo polo Mundo. Pero nunca terei o grao de embaixador que teñen militantes coma Juanjo Larramona. El xa estaba aí cando os foros post-romanos xurdiron. Cando ser do Lugo era un exercicio de penitencia. A súa partida de nacemento está totalmente falseada. Pon que naceu en Cataluña. Pero todos sabemos que está nacionalizado en Becerreá. El montou unha web antes de que os de Lugoslavia souberamos sequera escribir. E colleu un bus no 97 para emprender unha viaxe longuísima cara Madrid que lle levou a ver ao CD Lugo. Por todo iso parécenos incomprensible que non se lle permite a entrada no partido de Copa contra o Girona, a súa cidade. Non sería un espectador. Sería verdadeiramente o xogador número 12.

Se vostede estivo hai un par de décadas no karaoke de Mariña Española posiblemente escoitou a mellor cuña publicitaria que nunca se fixo. Un rapaz de pelo crecho anunciou a pleno pulmón, despois de interpretar un temazo, que o CD Lugo xogaba contra o Universidad de Las Palmas. Un acontecemento ineludible para calquera lugués que sobrevivira á resacas que disecaban aquela mestiza rúa. O dono do local cometeu un acto de censura inaudito baixándolle o son. O autor da propaganda foi Japeto, quen moitos anos despois segue sendo o mellor altofalante para a paixón luguesa. Só un tolo coma el poría a andar o Pendello Albivermello e conservaría a mesma ansia xuvenil para facer de Brigadas outra SAD, a do Sentimento Ampliamente Dominante que dende hai anos pon en pé o Fondo Norte do Estadio do Miño.

Por este feudo de tunantes teñen pasado xogadores de todo corte. Tamén de pelo. Pero eu quédome co de Iván Pérez. Con toda a fronte libre. Por onde ten moito máis que dous dedos. Posiblemente as dúas mans que lle fan ser un dos xogadores con máis cabeza que ten vestido a albivermella. Un rapaz comprometido co fútbol que coñece ben as costuras polas que se desviste. Traballador e belixerante cos actores externos que corrompen unha práctica popular que el so entende dende a relación bilateral entre o afeccionado e o futbolista. A súa partida pon que veu a luz no 1985 en Santiago pero nós cremos que el saiu dunha pelota cando este deporte aínda non existía porque sabe máis del que todos nós xuntos. Iván é dos que quixeras ter como o teu One Club Man. E por se non bastara co compromiso, calidade. A suficiente como para facerte sentir un bo rematador cando ti o único que empatabas coa cabeza eran as paredes.

Tan vivo e racional é Jesús Blanco. Unha das últimas fichaxes de Lugoslavia. Un medio que segue enganando a astros do pensamento coma el. E sen ter maior capital que o da experiencia compartida. A nós o que el fala soanos a fútbol americano, outra das súas grandes paixóns. Non por enuncialo nun idioma estranxeiro senón polo nivel que pon en cada frase. Ten a certeza dun notario para elaborar pensamentos estratéxicos. El fai do talento un compromiso. E faino dende unha bancada dura e ruda como é o Fondo Sur. Dignifica o andamio ao que podería retocar até deixalo feito unha obra de Le Corbusier. Pola contra prefire ter o brazo armado, armado para brindar cunha boa birra. A mínima que lle debemos por tanto coñecemento co que nos salpica a unha tropa que levamos un impermeable de testarranería.

E falta un por presentar desta tertulia de final de curso. Un ao que lle podería escribir un libro. O meu firme compañeiro de afirmacións e contradicións. O patrón de Cela. A constancia en persoa. O único capaz de arrastrarme a cumprir os meus soños sen pensar nas curvas. Piloto do Documental Héroes a bordo dun Peugeot alado. Previo á nosa aventura nun Seat Marbella que seguro cedo contaremos. Borja García. O verdadeiro culpable de que esteas lendo estas liñas. O golpe de estado anímico que un precisa cando ten dúbidas. Para que uns poidamos facer terrorismo iletrado outros teñen que dar cara. El, sempre disposto a compartir cada átomo que respira. Alguén que redimensionou o meu xeito de ver a un equipo no que estou por compañeiros coma el. Cando miña nai rifaba en min polo fútbol, dicindo que nunca me ía dar de comer, non contaba con que eu atoparía nel alguén coma Borja, o mellor complemento alimenticio para a vida. Todos eles danme 1.463 razóns para seguir sendo do CD Lugo.

Sería inxusto ler este artigo e non facer uso dos privilexios de administrador da web e pasar por alto á persoa que non só fai latexar a Lugoslavia, senón que da ritmo a todos e cada un dos corazóns que formamos parte desta gran comunidade. Personalidade e carisma deste mundo lugoslavo, Denís sinte con palabras; naceu con esa capacidade innata de escribir e describir con precisión exacta o que a meirande parte da xente é capaz de sentir, pero non de expresar. É ese home que fai que aprender sexa unha oportunidade, que che axuda a seguir turrando cegamente cara adiante cada día, con confianza, tratando de buscar a mestría -que sabes que existe porque a estás vendo constantemente en cada verba, artigo, xesto ou mirada súa-. Telo á miña veira é un dos meirandes privilexios dos que podo fachendear porque sei que me convirte en mellor escritor, en mellor traballador, en mellor conversador e en mellor ouvinte. Ter a un compañeiro de batallas coma él ó meu carón, a un tipo que agarra a túa man e pecha os ollos cando propós a máis tola das locuras faite crer capaz de alcanzar todo o que te propoñas. Ter a alguén coma él preto de ti convírtete irremediablemente e, por simple simpatía, en mellor persoa. E ademáis de compañeiro, poder chamalo amigo, éncheme o peito do meirande dos orgullos e pinta na miña faciana un espectacular sorriso. Desexa, tes a Denís preto!

Comparte:

Deja un comentario