Artículos

Manolo

por Denís Iglesias 23 noviembre, 2020
Manolo Piñeiro, no Anxo Carro
Tiempo de lectura: 5 minutos

O non poder ver fútbol en directo pola actual situación é algo que calquera afeccionado de verdade leva regular. Non é o mesmo celebrar os goles ou proferir improperios na distancia. E moito menos facelo dende a casa. Pero a meirande parte dos que se laian poderán regresar antes ou despois ó Anxo Carro e outros campos da xeografía de Segunda División. Quen non poderá facelo é Manolo. E coma el, outros tantos seareiros que nos deixaron nos últimos tempos. Nunha longa noite de pedra que non hai que apurar a acender se non queremos vivir nela durante décadas.

Manolo Piñeiro foi un dos responsables subliminais da miña afiliación eterna polo CD Lugo. Seguramente moitos dos que lean este texto saiban moito máis del e levaron a dor do seu pasamento até límites ós que eu non chegarei. Pero para min Manolo, coma moitos dos seareiros senior albivermellos, é alguén moi especial. Atrévome a utilizar o presente porque todos eles formarán parte da memoria do club para sempre. Porque eles padeceron os tempos nos que o club lugués era só para uns tolos e resistentes ás grandes correntes de pensamento futbolístico.

Coñecín a Manolo sendo eu ben cativo. El era amigo de meu pai. Tiñamos encontros frecuentes no Camiño Real, antigo 18 de julio, pola cercanía dos negocios de ambos os dous. Moita xente se uniformou para o traballo da súa man como agora o fan con Manuel Piñeiro Linares, o seu fillo, dono de 2m2, negocio especializado en roupa laboral. “Este é un rapaz moi feliz”, dicíame cada vez que me vía. Certo é que eu nunca souben expresarme con algo que non fora un sorriso malia que no anverso tiña un choro doado.

Un Volkswagen Escaravello vermello

A Manolo vinlle os primeros abelorios do CD Lugo. Un escudo nun chaveiro que se me parecía moito ó do Athletic Club pero que el se esmerou por explicarme. Incluso chegou a ofrecerse como guía espiritual para o meu bautismo no Anxo Carro. Mais este demorouse até que eu iniciei a adolescencia. A súa captación era doce, como a da maior parte dos afeccionados con máis anos de carné. Non dan moito a leria co equipo de non ser para facilitar entradas ós seareiros ocasionais. Efémeros que teñen a boca bastante máis aberta que os da militancia constante e que se atreven a criticar ou eloxiar desmesuradamente ó equipo aínda que lles sexa de prestado.

Manolo regaloume moitos coches en miniatura. Cheguei a ter unha garaxe patrocinada. Edifiquei un plan de mobilidade na miña casa nunha destas míticas alfombras que tiñan carreiros e edificios. O que non tarabeleou sobre ela tuvo unha dubida infancia. De entre todos, o meu favorito era un Volkswagen Escaravello vermello. Un clásico que co paso do tempo se fixo realidade na casa. Agora espero ter os cartos suficientes para revivilo e facelo meu. Polo momento resiste á alerxia ó po no aparcamento. Manolo volveu facer un vaticinio acertado, como no caso do CD Lugo, e deume as primeiras leccións automovilísticas que logo me valerían para desempeñarme como xornalista de motor.

Cando meu pai mudou de traballo de Comercial Rocar a Recambios Frain perdín o trato frecuente con Manolo. Pero cada vez que nos viamos tiña un detalle comigo. Eu fun medrando pero el seguía coas súas gafas algo escurecidas, bigote, camisa e pucha. Non importaba a présa coa que te encontraras con el. Sempre había un oco para unha parola cercana que co paso dos anos foi mudando de temática. Cada vez, máis tinguida de color albivermello.

Manolo nunca tivo a necesidade de repartir carnés ou amosar o seu. El sabía os límites da súa opinión e facíame ver os da miña.

Aínda lembro das primeiras veces que nos recoñecimos no Fondo Norte do Anxo Carro. Aínda en Terceira. Sendo el un veterano na causa do CD Lugo e eu un adolescente destetado de antigas filiacións deportivas. “Non te vaias meter con eses, ten coidado”, dicíame, téndome na mente aínda como un pícaro, cando comecei a bourear polo medio daquela bancada coas Brigadas Lucenses e demáis familia. Familia que hoxe moitos deles son. Co paso das temporadas, acumulando eu quilómetros e pais, as nosas conversacións fóronse equiparando en ton e puntos de vista.

Que opinará disto Manolo?

El era o primeiro en queixarse do rendemento do club cando este coxeaba. Incluso cando ascendeu a Segunda División, unha categoría na que só vira ó CD Lugo, como o resto da súa quinta, unha temporada. Nunca repartiu carnés nin tivo a necesidade de amosarme o seu. Pero poñía o freo nas miñas disertacións cando eu si facía críticas airadas ao noso equipo. Entón suavizaba o discurso para inculcarme o respecto polo mesmo máis aló do presente. El, por anos acumulados, tiña a perspectiva suficiente para medir o impacto que lle producían cada unha das derrotas e vitorias. Eu aínda debía e debo construir o meu relato. E coma min, todos os que nos sumamos en épocas máis recentes a esta forma de ser de Lugo.

Nunha das chamadas diarias con meu pai, dentro da naturalidade que nos caracteriza ós lugueses, díxome: “Sabes quen morreu? Manolo. Acordas?“. Como ía esquecerme. Non fixo falta nin dicir o apelido ou o traballo. Malia que facía tempo que non nos viamos por estar eu fóra… Tal é así que despois dun mal desenlace nun partido ou da última arroutada presidencial, eu, como terapia, parabame a pensar: “Que opinará disto Manolo?”. Para facer entón unha reflexión máis acougada dos feitos. A maioría das veces funciona.

A partir de agora fareino mirando a foto que ilustra este artigo e que compartiu o seu fillo en redes sociais coa mensaxe: “Hasta siempre, Papá. A donde quieras que vayas, espero que encuentres paz y seas feliz. Ojalá algún día nos volvamos a encontrar. Nunca te olvidaré”. Onde é a instantánea? Efectivamente, no Anxo Carro, o fogar do que el e outros compañeiros de grada non se puideron despedir. Así que, máis que nunca, tócame facerlle de cronista a Manolo. Terei que mercar unhas lentes como as súas para contarlle que Nafti nos salvou, que os árbitros seguen sendo igual de malos como pensaba, que o medo só é libre cando non se xoga a nada e que lle gardo o sitio por se algún día lle da por volver.

Apoya Lugoslavia: Anúnciate y suscríbete

Anúnciate o suscríbete a lugoslavia

Lugoslavia es un medio independiente nacido de la iniciativa de un grupo de profesionales de la comunicación y aficionados del CD Lugo. Un proyecto en el que hemos depositado muchas horas de esfuerzo. Necesitamos tu apoyo para seguir adelante. Con la misma filosofía 100% albivermella de siempre pero con más y mejores recursos. Anúnciate, patrocina, colabora o suscríbete a nuestro canal de Youtube para que podamos mantener el contenido. Ahora más que nunca, os necesitamos. ¡Juntos somos más fuertes! >>¡Hazlo posible! Escríbenos a redaccion@lugoslavia.gal o a nuestras RRSS y te informaremos de posibilidades y condiciones.

Comparte:

Deja un comentario