Artículos

Diego López: un día contra o Pájara-Playas de Jandía

por Denís Iglesias 7 noviembre, 2020
Plantilla CD Lugo 1999 - 2000
Tiempo de lectura: 3 minutos

Houbo un tempo en que o CD Lugo tiña pesadelos cada vez que viaxaba ás Islas Canarias a disputar un encontro. Como a un inglés con resaca, os partidos contra calquera dos equipos insulares -que a finais dos ’90 e comezos dos 2000 non eran poucos en Segunda B– facíanse un mundo. Goles matutinos, cartóns e desgraza en contra que Diego López, porteiro do RCD Espanyol, experimentou un día contra o Pájara-Playas de Jandía.

O de Paradela é hoxe, sen medo a trabucarnos, o xogador lugués cunha carreira na élite máis prolífica. Defendeu as metas do Real Madrid, Villarreal, Sevilla, Milan e dende o 2016 a do conxunto perico. Lonxe de perder comba, Diego López segue a máxima dos grandes porteiros que madurecen cos anos e gárdanse cada vez mellor. Froito desta consistencia o arranque do conxunto espanyolista na categoría de prata: un só gol encaixado en dez xornadas. Teñen posta a directa para regresar, canto antes, a Primeira. O orzamento do que dispoñen tamén inflúe.

Fuente: BDFútbol.

Pero houbo un tempo, como toda estrela, que Diego López aínda non tiña a primeira capa de brillo. Para unha institución coma o CD Lugo, que un rapaz saído da súa canteira -que na súa época distaba ben da estrutura de agora- é sempre motivo de orgullo. Hainos que lembran máis ou menos como foron os pasos e a estrea do arqueiro lugués. Outros sábeno perfectamente porque o viviron: é o caso de Domínguez, veciño do noso Borja García, quen nunha conversa de ascensor lembrou o nome do Pájara-Playas de Jandía.

Fuente: BDFútbol.

Era o 5 de xaneiro do 2000. O daquela adestrador do CD Lugo, Fabri tivo que tirar dun xuvenil Diego López para completar a convocatoria e suplir así as ausencias de Carlos Mariño e Alberto Casal, segundo e terceiro porteiros albivermellos. O xogador hoxe do Espanyol estaba en idade xuvenil. Malia a súa curta idade, xa lle puxeran o ollo varios equipos como o Real Sporting de Gijón ou o Real Valladolid. O que nunca pensou Diego López é que na súa primeira convocatoria acabaría debutando. E nunhas circunstancias que ninguén desexaría.

Ó cuarto de hora de xogo, Domínguez foi expulsado. Así que o xuvenil non tivo máis remedio que cambiarse rápido para defender por primeira vez unha portería en Segunda B. Caéronlle catro en contra, seguindo a lóxica dos vendavais canarios e máis en inferioridade numérica. Aquela ano o CD Lugo fixo unha gran temporada. Rematou oitavo nunha táboa que liderou o Universidad de Las Palmas, na que o CD Mensajero de La Palma foi cuarto (promoción de ascenso), o Pájara-Playas décimo e só o Lanzarote perdeu a categoría ó rematar en 17ª posición. O Pájara-Playas e o Universidad de Las Palmas xa desapareceron. Mentres que o Mensajero e o Lanzarote militan en Terceira. Outros tempos.

Naquel estadio de Pájara comezou a lenda dun Diego López que ó que o CD Lugo lle botou o lazo en infantís. Contáballe Kubala -quen fora adestrador das categorías inferiores albivermella- a Luis Timiraos que cando chegou á disciplina luguesa o de Paradela el era central. E porteiro. É dicir, que non tiña moi claro cal era o seu rol. Por sorte para o fútbol, orientárono cara o que mellor soubo e sabe facer. Fabri fala de que a piques estivo de dar un paso atrás para volver á Sarriana.

O presidente naquel tempo, Eliseo Corral, animouno a facer as probas para o Real Madrid. O resto xa o saben. No tramo final daquel campionato 1999/2000, e xa con Cantarero no banco albivermello, Diego López tivo outra oportunidade fronte ó Real Sporting de Gijón B. Aquel encontro tamén saiu ‘cruz’, con derrota en contra do Lugo. Será desta volta cara albivermella e cruz para Diego López nunha relación inédita de resultados e actores?

Comparte:

Deja un comentario