ActualidadArtículos

Christian Martínez, o ‘Hulk’ do Lugo B / Polvorín que asinou un ‘póker’ de goles contra o Viveiro

por Denís Iglesias 3 noviembre, 2020
Cristian Martínez celebra un dos seus goles contra o Viveiro.
Tiempo de lectura: 3 minutos

O pasado domingo puido debutar ó fin o CD Lugo B / Polvorín logo dun inicio de temporada marcado polos positivos por Covid-19. Isto obrigou á suspensión das xornadas planificadas contra o Fisterra e o Racing Vilalbés. Foi, precisamente co outro derbi, fronte ó Viveiro co que se produciu a estrea albivermella. Non se notou o carácter inédito dos de Álex Ortiz, xa que derrotaron á escuadra vivairense por 4-1 con catro tantos de Christian Martínez.

Preme na imaxe para ver o resumo do encontro.

Malia ser un recén ascendido, o conxunto da Mariña viña de selar dous triunfos nas dúas xornadas iniciais (contra Agrupación Estudiantil e Fisterra). Xaime anotou o único tanto dos visitantes como mellor sabe. De falta. Pasan os anos e segue a ser un seguro nesta faceta. Os catro do CD Lugo B / Polvorín levaron o selo de Christian Martínez (A Coruña, 13/10/2000). Poucas veces un dianteiro pode certificar en categoría nacional catro goles dunha vez. A este rapaz coruñés só lle fixo falta unha xornada.

Inaugurou a súa conta no minuto 23, cun absoluto golazo. Malia estar escorado á esquerda e cun rival diante, Cristian Martínez sacouse un trallazo que se meteu sen remedio pola meta defendida por outro ex albivermello, Manu Cedrón. Por certo, de azul celeste, tamén titulares, outros dous ex xogadores do Polvorín coma Javi Rey e Pablo Rey. Ó intermedio chegouse co parcial 1-0.

Christian Martínez asociouse ás mil marabillas con Iago Novo, ex do Deportivo, e que este ano fichou polo filial lugués

Na segunda, Christian Martínez deu un recital de efectividade ofensiva. O ’19’ do CD Lugo aproveitou unha excelente asistencia de Gabarre -outro dos valores do filial a ter en conta- para ampliar diferenzas. Cun control e definición de libro obra dun xogador valente e con descaro. Tan só 20 minutos despois volveu deixar o balón nas mallas despois de pegarlle de primeiras a un pase de Iago Novo. Ambos fixeron ferida nun desaxuste defensivo do Viveiro, que conseguiu recurtar diferenzas cun gol de falta de Xaime no 86. Por certo, un disparo por baixo que superou igualmente á modernidade do xogador que se deita detrás da barreira.

A Christian Martínez aínda lle quedaba pólvora… Xa co tempo cumprido volveu funcionar a conexión con Iago Novo, quen atopou de novo ó home máis avanzado do CD Lugo. Xogada similar á do terceiro gol, mais enfiada dende a banda contraria. Lóxicamente, o tanto veu acompañado dunha aperta entre os dous compañeiros. Iago Novo chegou á cidade amurallada no último mercado logo de finalizar o seu contrato co RC Deportivo. Un fino mediapunta de Fene que, malia os seus 22 anos, ten sobrada experiencia en Terceira logo de varias temporadas no Laracha e no Fabril.

Christian Martínez soubo aproveitar a oportunidade que lle brindou a ausencia de Antón Escobar ou Manu Morais, dous dos dianteiros do CD Lugo B / Polvorín que foron chamados por Mehdi Nafti para completar a convocatoria do primeiro equipo. É a terceira temporada no club albivermello deste dianteiro coruñés, con pasado no Montañeros e Orillamar. A primeira transcorreu en Xuvenil de División de Honra, co que sumou 10 tantos, e o ano pasado xa fixo a ‘mili’ no filial, co que anotou tres goles. Nun só partido xa superou o seu algarismo anterior.

Os que coñecen a Christian Martínez falan del como un xogador con boísimas cualidades físicas para ser futbolista. Tal é así que a axencia Promosport, de Emilio Viqueira, ex director deportivo do CD Lugo, xa o ten na ten entre os seus representados. Moi rápido e forte. Se tiñan que poñerlle un ‘pero’ ese era precisamente a súa falta de gol. Ou máis ben certa precipitación que lle facía rematar algunhas xogadas rebentando o balón, lonxe do seu obxectivo. Mais esa eiva, logo do visto no Lugo 4 – 1 Viveiro, está solucionada, polo que da conxunción dun futbolista portentoso e un bo finalizador sae unha interesante aposta de futuro para o club albivermello.

Comparte:

Deja un comentario