ActualidadArtículos

Club Deportivo Mandiá

por Denís Iglesias 9 octubre, 2020
Chris Ramos e Manolo Mandiá
Tiempo de lectura: 3 minutos

O mercado de fichaxes do CD Lugo deixou sensacións de todo tipo. Dunha banda, comentarios positivos pola incorporación de homes como Puma Rodríguez, El Hacen ou Gerard Valentín. Doutra banda, uns laterais que arrancaron cun rendemento preocupante ou certa falta de recambios de garantías para os extremos citados, dous dos baluartes do equipo albivermello. Mais no que non caben moitas dúbidas é no rol protagonista de Manolo Mandiá en moitas das contratacións que frutificaron.

Xa non é novidade. Mentres que o posto de director deportivo ten sido unha cadeira quente dende que Saqués asumiu a maioría accionarial -até seis persoas neste cargo dende 2015-, nun segundo plano o traballo do de Alfoz ten sido constante. O seu traballo foi clave no pasado para a contratación de xogadores decisivos como foron Vasyl Kravets ou Miguel Vieira que logo se converteron en vendas rentables. Aínda que ese capital foi máis un sustento básico que un aporte extra para mercados posteriores.

Neste periodo que se acaba de pechar, o lugués -un dos poucos que aínda se mantén na estrutura- volveu xogar un papel activo en moitas negociacións malia que o CD Lugo SAD teña a Jorge de Cózar, nomeado “responsable da área deportiva” en xuño deste ano. O que fora director deportivo do Córdoba ou Marbella ten un posto de nome non normativo. Aséntase na filosofía dun Saqués que declarou no seu día que a figura de director deportivo non encaixaba coa sociedade albivermella. Dito e feito, xa que esta función está a día de hoxe diluida entre De Cózar, o propio Saqués (asinante último de todas as operacións) e Mandiá, un dos poucos homes de confianza do empresario que aínda permanece no club.

Esta semana comentaba Marcos Basadre, quen deu conta do mercado lugués este ano case minuto a minuto, que a maioría das incorporacións levaban o selo do mariñao. Durante este periodo, De Cózar exerceu como voceiro das operacións cociñadas por varias mans. Mais até perdeu esta condición nas presentacións de Chris Ramos e Frederico Venâncio, nas que foi reemprazado polo propio Mandiá. O central portugués é unha incorporación que leva o selo do alfocego por todos os recunchos. Un xogador do Vitoria de Guimaraes que semella ser un dos grandes golpes do mercado do CD Lugo.

Non o incluimos na nómina de plenos acertos, na que figuran El Hacen, Valentín e Puma Rodríguez por soster un beneficio da dúbida ó non velo aínda formando coa camisola albivermella. Mais todo apunta, pola súa traxectoria, con sobrada experiencia na primeira portuguesa, que será unha das pezas importantes dun conxunto que precisa urxentemente solidez defensiva. Algo que verbalizou Juanfran na rolda de prensa previa ó Lugo – Mallorca. Deixou varios titulares como que os xogadores saben que hai déficit de puntos (3 de 12 no inicio ligueiro) e que é imposible sumar con semellante número de goles encaixados (só o Albacete leva tantos en contra: 7).

Mandiá implicouse na vía pucelana para conseguir a volta de El Hacen, un dos buques insignia deste equipo, que trouxo consigo a incorporación de Chris Ramos. Até Juanfran se involucrou no mercado propiciando a alta do seu vello camarada Xavi Torres. O que fora xogador do CD Lugo é o arquitecto dun equipo que deixou un par de fichas de libres. Unha delas, convertida nun auténtico enredo difícil de entender. É o xa coñecido como ‘Caso Sebas Moyano’, unha película estraña na que o máximo perxudicado é o xogador. Como leva sendo toda a súa carreira, chea de corredores sen luz malia o talento que se presupoñía na canteira do Córdoba cando incluso foi internacional con España.

Caso Sebas Moyano

“En canto a Moyano, estamos pendentes dun procedemento que nos permita unha cesión”, dixo Mandiá na presentación de Chris Ramos. O extremo dereito cordobés -unha posición na que o CD Lugo ten a Valentín e como rol secundario a un pluriempregado Iriome- non foi inscrito na Liga malia que o conxunto albivermello lle fixo un contrato de tres anos a comezo de setembro. Nómina aceptada despois de ‘pasar’ unha proba en pretemporada, malia só xogar uns minutos.

E iso que se presupoñía que sería xogador do equipo lugués de xeito automático logo de permanecer este en Segunda. En virtude de compensación polo préstamo non devolto do CD Lugo SAD ó Córdoba por obra e graza de Saqués (lembrar todo de carreira ten mérito). No seu día este cambio de criterio na súa situación causou certa sorpresa. Pero o agravio foi maior cando despois desa aposta Moyano volveu quedar no limbo. E a última palabra aínda non está dita. Aí, o triunvirato da dirección deportiva ten explicacións pendentes. Sobre todo o que figura no centro.

Comparte:

Deja un comentario