ActualidadArtículos

Torres do Garañón: Barreiro e Carrillo, os ‘para-Rayos’

por Denís Iglesias 31 octubre, 2020
As torres do Garañón
Tiempo de lectura: 6 minutos

Unha das cousas que máis boto de menos de non poder ir ó Anxo Carro aka. Estadio do Miño, é o camiño cara ó mesmo. Fálase moito de que Riazor e outros campos con contorna marítima teñen a mellor entrada a un feudo segundo os aficionados de Instagram. Unha idealización das ondas que se impón no criterio da AP-9. Os de interior temos o Río Miño, o noso Nilo e onde nos nace a inspiración. E as Torres do Garañón. Diso falaremos máis adiante. [Segue o Lugo – Rayo por #RadioLGV].

La ilustración que encabeza este artículo es de Pablo del Valle (@pablo_dvp), autor de #JuanfranBarberShop y #NaftiBarberShop. Sólo permitida su reproducción bajo cita del autor y del medio.

O meu percorrido, lóxicamente, ten como punto culminante, ese curso fluvial onde rematan os pasos logo dun itinerario que comeza en Montirón. Pasa pola Avenida de Ramón Ferreiro, cun par de latas nunha bolsa collidas no teatro 24 horas da 4th Avenue luguesa. É dicir, San Roque. O local, coñéceno ben os que pasan por alí. Un locutorio luminoso, cunha Virxe que anuncia fotocopias baratas e todo tipo de trangalladas á venda. Dende snacks promocionados, que veñen de países do leste a todo tipo de obxectos de segunda ou descoñecida primeira man. Ata preservativos con tara.

Un sitio de parada obrigada no que atopo o combustible necesario para o paseo. Logo de Ramón Ferreiro viro por Rodríguez Mourelo e avanzo até a Praza de Avilés. Aí desdóbranseme os ollos cara os xulgados. Moitas veces gustaríame facer unha búsqueda furtiva nalgún dos tomos que agochan o contido de operacións funestas como a Carioca ou a Pokémon. Pero hai que andar, lema e actitude vital desta cidade. A rentes do Parque de Rosalía culmino a fase cunha panorámica que inspira. A que se ve dende a marabillosa pérgola. De dereita até a ésquerda, contradicindo a lectura occidental, só por evitar onde rematan os meus ollos.

A pérgola do Parque de Rosalía cara o lado que non ofende á vista.

Pero é moi difícil non mirar para el. Nin tendo unhas orelleiras de burro evitarías o Garañón. Esa desfeita urbanística tosca que aínda se mantén en pe. Un vulto no skyline lugués no que xa parece integrado de facto pola enorme celeridade coa que traballan no caso, precisamente, os da Praza de Avilés anteriormente mencionda. Un dos investigados, José Ramón Gómez Besteiro, quen fora secretario xeral do PSDeG, presidente da Deputación de Lugo e concelleiro de urbanismo de Lugo, da nome hoxe a un campo de fútbol: o da Fonsagrada, que inauguraron o CD Lugo e a SD Compostela.

É mellor iso ou Anxo Carro? Xa lle da a un que pensar… Precisamente, no templo albivermello é onde máis repasa a miña mirada. Efervescente porque xa vexo as torretas encendidas. O espectáculo está quente. Acelero un grolo e os meus pasos para unha parada previa na Calzada. Hai que enchouparse para que non se note a charca do túnel que vai por baixo da N-VI. O resto, xa o coñecedes todos. Forza Lugo, sacho, bafo e gol.

As Torres do Garañón: Manu Barreiro e Carrillo

Algún día o ladrillo do Garañón será escombro. Polo que dende hai uns meses iniciei unha campaña verbal para que na memoria colectiva, polo menos dos afeccionados do CD Lugo, queden outras Torres do Garañón. As que conforman columnas de bloque macizo como Manu Barreiro e José Ángel Carrillo. Eles son dous dos argumentos ofensivos albivermellos. Dous perfís diferentes pero que miran ó resto dende un 1,92 e un 1,91. Rudos, armados e dispostos a pelexar co mundo dos defensas de Segunda División, que tentan derrubalos a base de golpes. Pero aí están, cada un co seu estilo, facendo un traballo de pararraios non sempre recoñecido. Función esta, a de Pararraios, que lle será máis útil que nunca a Nafti no encontro -veremos cando se celebra- fronte ó Rayo Vallecano.

Xogo de espaldas, retención do balón, disputas aéreas… Hai un ‘feísimo’ futbolístico que Barreiro e Carrillo practican con altura

Na nómina dos arietes hai unha cláusula para o gol que se non se cumpre cun mínimo de esixencia impide ó dianteiro levar ese nome. Alén desa virtude, un dianteiro ten outras prestacións menos vistosas como as comentadas. Barreiro acredita en varias xornadas ser o que máis balóns aéreos e disputas gana. De tantos lategazos semella que ten a cara moldeada como un boxeador. Como se fose un central da liga de veteranos. E iso que nos seus tempos mozos tiña aires de actor de telenovela xuvenil.

Este tipo de traballos pode ser considerado, nalgúns casos, coma feísmo futbolístico. Pero abre toda a beleza das carreiras do Puma (tres goles no que vai de curso), os fogonazos de Chris Ramos (dous goles e unha asistencia) e outros argumentos secundarios que estabilizan o rumbo do CD Lugo. As Torres do Garañón tamén xogan de espaldas. Non todo é obsesión coa portería. Hai unha creación de espazos, fixación de centrais e retención do xogo que beneficia ó conxunto dos seus compañeiros. E logo está, no caso de Manu Barreiro, a súa efectividade dende os once metros (anotou así contra o Leganés). Para iso hai que ter tamén unha evidente frialdade que un profesional coma el retén.

Non hai que esquecer que o ariete santiagués foi obxecto de desexo durante moitos anos do equipo lugués a onde chegou finalmente no tramo final da súa carreira. Un solpor no que non está apagando a luz e pechando a porta coa cabeza baixa, senón no que quere deixar todo recollido para deixar ó club na categoría na que lle permitiu seguir. Bastante máis por andar ten o seu compañeiro na dianteira José Ángel Carrillo, ó que lle contemplan 26 anos polos 34 de Barreiro. O murciano é a outra das Torres do Garañón. Ambos os dous foron importantes na permanencia do ano pasado, un periodo heroico no que Juanfran lles confiou a espada de Damocles que acabou perforando a outros equipos.

Carrillo é un completo xogador antisistema. Ilegal dende o punto de vista estético como o propio mamotreto enquistado nas costas do Parque de Rosalía. A súa necesidade de estar en todos os balóns convérteo por veces nun xogador anárquico e peculiar. Parece un home sen evanxelizar polo seu xeito de moverse no campo. Pero sempre está onde lle chega o seu corpo. Nunca negocia o esforzo e, de vez en cando, ese espírito de libertad de individual sácase unha xogada como a que deixou o ano pasado contra o Numancia. Un gol maradoniano que nin os seus compañeiros sabían de onde saira. É capaz de sorprender cando ninguén o espera.

As Torres de Garañón serán un recurso útil cando o naftismo non luzca coa brillantez operativa coa que o fai nesta xeira

Pode que a día de hoxe as Torres do Garañón non sexan o máis visible dun equipo construido baixo unha maior presenza defensiva e alardes polas bandas. Pero serán unha razón se subsistencia nos momentos máis difíciles. Algo que sabe ben a doutrina ideolóxica do naftismo, que se basea, entre outros principios, en valorar tanto ós que non están como ós que están. En acariñar ós que erran como Hugo Rama antes que inflar a moral dos que se responden.

Todo, para non desaliñar o carreiro polo que camiña recto este equipo, “que nunca debe perder a humildade”, como advertiu en rolda de prensa o técnico albivermello. Para non converterse nun proxecto de fachada falsa, incompleto, fastuoso e corrupto como as Torres do Garañón. Aquí, máis vale tirar do complexo cultural de aproveitamento dos recursos propios. Mellor un peche con somier que un muro que só ten unha cara. Mellor un núcleo de traballadores como Carrillo e Manu Barreiro a unha camada de estrelas que só queren figurar nos titulares.

Apoya Lugoslavia: anúnciate o suscríbete

La imagen tiene un atributo ALT vacío; su nombre de archivo es ANUNCIATE-1024x576-1.jpg

Lugoslavia es un medio independiente nacido de la iniciativa de un grupo de profesionales de la comunicación y aficionados del CD Lugo. Un proyecto en el que hemos depositado muchas horas de esfuerzo. Necesitamos tu apoyo para seguir adelante. Con la misma filosofía 100% albivermella de siempre pero con más y mejores recursos. Anúnciate, patrocina, colabora o suscríbete a nuestro canal de Youtube para que podamos mantener el contenido. Ahora más que nunca, os necesitamos. ¡Juntos somos más fuertes! >>¡Hazlo posible! Escríbenos a redaccion@lugoslavia.gal o a nuestras RRSS y te informaremos de posibilidades y condiciones.

Comparte:

Deja un comentario