ActualidadArtículos

V de Valentín

por Denís Iglesias 17 septiembre, 2020
Gerard Valentín Lugo

Todo o mundo sabe que Violadores del Verso é o mellor grupo «que pariu unha puta chamada España«. Puxéronlle voz a varias xeracións. Ás súas preocupacións, certezas, vicios e virtudes… Dende esta semana, a dobre V luguesa é a da volta de Valentín. Un regreso que non por esperado foi minguando en desexo. Cada retorno dun xogador á casa albivermella é sempre celebrado por cada un dos 3.000 acólitos. Mais se o regreso colma necesidades sentimentais e deportivas, a festa é total. O xogador de banda catalán volve ó sitio onde sempre foi querido. E faino logo dun paso efémero e pouco satisfactorio polo RC Deportivo.

Quen lle ía dicir ó Aviñonet de Puig Ventós cando fichou en 2017 polo equipo branquiazul que este acabaría cos seus osos en Segunda B en tres anos. Ou que o equipo no que reincidiu a préstamo, o CD Lugo, estaría a estas alturas da vida futbolística por riba daquel destino que semellaba unha gran oportunidade para o catalán. «Disfrutemos xuntos. Volvo a onde fun feliz e son feliz. Onde me sentín querido e onde volvín a disfrutar do fútbol». Con esta afirmación, expresada na súa conta de Instagram, Valentín inauguraba a súa terceira etapa como albivermello. Se cumpre contrato, vestirá esta camisola durante as dúas vindeiras temporadas.

O xogador de banda foi clave durante o curso pasado. A súa electricidade como extremo -malia ter estourado de lateral- foi a mecha que precisou un CD Lugo que durante moitas fases do curso pasado resultou estático. Hai unha arrancada contra a SD Ponferradina que provoca un penalti ó pouco de sair ó campo que expresa ben a súa importancia. Mais de novo o seu inimigo será el mesmo. As lesións privaron ós seus diferentes adestradores dun maior rendemento.

Valentín alén dun revulsivo

E Valentín estivo condicionado ben veces a dar o mellor de si como revulsivo ou durante a hora de batería das súas pernas. Mais a súa explosividade en momentos concretos foi tan definitoria que ocultou o resto. Iso si, nesta incorporación plena ás filas albivermellas terá que asumir un papel protagonista dende o comezo, cunha alternancia no seu flanco con Iriome, readaptado ó que lle manden até ver como se pecha o plantel.

Valentín é xa un extremo que sabe virar para atrás; non hai eufemismos para o seu cargo

De Valentín namoráronse moitos -eu incluido- na temporada 2016/2017. Foi, case sen dúbida, o mellor lateral da categoría. Un mérito que acreditou grazas á súa vocación ofensiva, flow que acabou converténdose en forma de ser. Prefire meter a sexta a mirarse de máis as costas, aínda que ten oficio para ser 360º. Aquel ano chegou a ser un dos máximos regateadores da categoría, por diante de moitos extremos. No seu caderno anotou tres asistencias. Daquela xa tiña andado, comezando polas categorías inferiores de UE Figueres, o xuvenil do Girona, o filial ‘C’ do Sevilla e coa UE Olot en Segunda B. De feito, o Gerard Valentín 3.0 do CD Lugo chega na mellor idade posible: con 27 anos, xusto na franxa coa veteranía.

Os bos anos en Tarragona valéronlle o pase ó RC Deportivo, co que chegou a debutar en Primeira División, algo que lle agradeceu na súa ‘re-presentación’ co CD Lugo. Logo do descenso coruñés a Segunda, Valentín tampouco entrou nos plans de Natxo González, que acabou sendo reemprazado ese ano por Martí. Xurdiu entón a posibilidade de sair á cidade amurallada. Entrou rápido en dinámica de competición e colaborou activamente na permanencia albivermella. Deixou un bo rendemento que fixo solicitar un novo préstamo ó ano seguinte. Foi unha das notas positivas da masiva adquisición de activos da axencia Promosport na 2018/2019 sendo director deportivo Emilio Viqueira.

Deportivo, cláusula e burofax

Valentín xogou máis ou menos con regularidade con todos os adestradores que tivo o CD Lugo nestes dous últimos anos de triunviratos. Mais o ano pasado, este home de banda deu un paso adiante máis. En tódolos sentidos. Tanto no xogo como posicionalmente. Como capítulo intermedio, tiñámolo visto de carrileiro ou interior. Mais o paso das xornadas deixou ver a súa verdadeira natureza: a dun extremo correoso encomendado ós impactos explosivos. Un auténtico revulsivo capaz de poñer patas arriba un encontro. O parón pola pandemia permitiulle recuperarse da moufada que lle deu Alberto Cifuentes, porteiro do Cádiz.

Se a pretemporada foi atípica para todos, máis para Valentín, que tivo que adestrar varias xornadas en solitario co Deportivo

Este ano, coa actual configuración do plantel, váiselle pedir algo máis. Debería ter un rol máis protagonista e duradeiro, sempre e cando lle respeten as lesións, os problemas musculares e demáis asteriscos. Sen eles tería espazo nun nivel superior. Polo momento, terá que recuperar o tempo perdido en pretemporada. Se o tempo de preparación da maioría dos equipos foi especial este ano, máis aínda resultou no caso dun xogador que non tivo unha doada saída do RC Deportivo. Restáballe un ano de contrato cos deportivistas.

Dende os primeiros intres nos que Marcos Basadre informou sobre a negociación, púxose sobre a mesa unha suposta cláusula liberatoria en caso de descenso. Para máis, Valentín asinou o seu contrato en Primeira División, co que as condicións foron máis vantaxosas. A todo isto hai que engadirlle o ambiente envelenado entre ambas as dúas entidades logo das declaracións de Tino Saqués sobre o Caso Fuenlabrada no que se posicionou claramente do lado de Javier Tebas e a Liga da que fai parte. Finalmente o mercado impúxose e o novo xogador do CD Lugo acolleuse á cláusula para rescindir o seu contrato unilateralmente. Fíxoo, como mandan os cánones recentes, cun búrofax. O método máis legal e directo.

Non houbo xiro de guión final como no caso de Messi. Logo de adestrar durante varias sesións apartado do grupo, Gerard acadou o seu obxectivo de seguir en Segunda División e, ademáis, no lugar no que sempre se sentiu querido: Lugo. Isto é algo que el mesmo recoñeceu, quen non dubidou sobre a onde miraba a porta de saída de Coruña. «Quería vir aquí. Era a única opción que me formulaba». Una filiación que seguro será recompensada pola afección albivermella, un adxectivo que este ano se escribe con V de Valentín.

Comparte:

Deja un comentario