ActualidadArtículos

José Luis Rodríguez Puma: “Vai ser un ‘avión’ co CD Lugo en Segunda División”

por Denís Iglesias 5 septiembre, 2020
Tiempo de lectura: 4 minutos

O CD Lugo xa ten extremo esquerdo para este temporada. O club albivermello ven de incorporar a José Luis Rodríguez ‘Puma’, internacional panameño con sobrenome musical que aspira a ser un dos pavos reais do conxunto. “É un fichajazo. Vai ser un avión en Segunda División”. Así de directo define a incorporación alguén que coñece ben ó xogador e ó propio CD Lugo. Non é outro que Rubén Arce, quen fora adestrador de porteiros e coordinador de adestradores de porteiros na base da entidade luguesa.

Falar con Arce é facelo cun dos profesionais locais mellor formados e máis experimentados, cunha traxectoria na que se inclúe ter sido tamén adestrador de porteiros do Villarreal e do Alavés B, onde exerceu asimesmo de responsable do departamento de gardamallas. Foi precisamente na súa estadía no club vitoriano onde coincidiu con José Luis Rodríguez ‘Puma’. O panameño foi un dos destacados na pasada temporada do filial babazorro xunto ó cántabro Paulino de la Fuente. O ano do regreso deste equipo a Segunda División B logo de 13 de ausencia. Como curiosidade, o último Alavés B que xogara en bronce na 2005/2006 tiña nas súas filas a uns noviños Adrián Laureda e Fernando Seoane (22 anos por barba).

É un xogador moi profesional. No Alavés adestraba até tres veces nun día: no ximnasio, co equipo e pola tarde individualmente

Rubén Arce, adestrador de porteiros

“José Luis Rodríguez é unha gran fichaxe para o CD Lugo. Ten un físico privilexiado. É un avión cunha potencia xenética. Además é moi responsable e profesional. Lembro que no Alavés adestraba até tres veces ó día: primeiro, no ximnasio; despois, co equipo; e aínda viña ás tardes a facer traballo individual”, describe Arce. O lugués conta como tiña, xa o ano pasado, interese dun feixe de equipos de Segunda. Dous deles acabaron ascendendo a Primeira. A secretaría técnica albivermella tamén o viña seguindo dende hai tempo. Ó final, saiuse coa súa cun avanzado cotizado que, a xuízo de Arce, “non desentonaría no primeiro equipo do Alavés se chegara a quedar”.

O Alavés B adestrado por Iñaki Alonso rematou na metade da táboa o atípico curso pasado. José Luis Rodríguez ‘Puma’ xogou 24 partidos, 22 deles como titular, con case 2.000 minutos nunha categoría “que se lle queda pequena”. O panameño deu o salto a Europa de man do KAA Gent belga, que o volveu ceder ó seu club de procedencia, o Chorrillo FC tamén escuadra do seu barrio. Un dos máis humildes de Ciudad de Panamá. Un modesto que nos últimos anos conquistou varios títulos no seu país. O ‘Puma’ sabe o que é vir de abaixo e loitar por cada oportunidade como se fose a última.

Goleador mundialista

Logo de ser incorporado en 2018 polo Alavés, este cedeuno ó NK Istra, un dos seus clubes satélites. O ano pasado, o novo xogador albivermello debutou co primeiro equipo contra o Real Madrid. Outro fito na carreira dun xogador novo que acumula outros grandes méritos como ser un fixo na selección de Panamá, coa que chegou a xogar o Mundial de Rusia 2018. E até anotou un gol contra Túnez, malia que a FIFA deullo como en propia meta ó rival. “Ese tanto marqueino eu, é igual o que diga a FIFA”, defendeu orgulloso un futbolista que acaba de renovar o seu contrato co Alavés ata 2022.

José Luis Rodríguez ‘Puma’ é un “especialista”, un concepto que desenvolve ben Rubén Arce poñéndoo en comparación con outro xogador que militou o ano pasado no CD Lugo: “Cuantitativamente non vai facer o mesmo que Yanis Rahmani, que tocaba 25 balóns por partido e tentaba irse as 25 veces. El colle menos, pero pretenden ser máis decisivos, para gañar partidos. Intervén menos aínda que non negocia o sacrificio. Selecciona as accións de un contra un que. En Segunda B non houbo ningún lateral que fora quen de paralo sen axudas“.

No filial babazorro non puido explotar o apartado goleador como quixera. Certo é que este conxunto non era precisamente dos máis anotadores da categoría. Mais este zurdo ten moi bo golpeo de balón. En canto á súa parella de baile, pódese amoldar. Este curso pasado formou gran parte do tempo con Javi López, lateral tinerfeño, internacional coas categorías inferiores da selección, e moi tendente a subir.

Pon centros super tensos cos que van poder gozar Manu Barreiro e Carrillo

Rubén Arce, adestrador de porteiros

Isto puido restrinxir a mobilidade dun futbolista que tamén é quen de dobrar e facer aclarados ó seu compañeiro. Ten calidade e técnica para xogar máis metido por dentro. Pode moverse en diferentes escenarios que xa ten sistematizados. O que nunca vai deixar de lado é, segundo o ex adestrador de porteiros do CD Lugo, a xenerosidade: “Non é egoísta. Non negocia os centros, que acostuma a poñer super tensos. Poden gozar con eles dianteiros do perfil de Manu Barreiro e Carrillo. O que non vai estar é facendo virguerías, senón que é un futbolista moi vertical“.

Para o internacional panameño, deixarse ver con éxito polo fútbol profesional suporía a súa candidatura definitiva a militar no primeiro equipo do Alavés. De aí que a ilusión que ten depositada neste proxecto sexa máxima. “E creo que Juanfran, polo que me falan del, é o adestrador idóneo para sacarlle o máximo. É un rapaz un pouco tímido de primeiras, pero cun corazón enorme. Xa é pai, o que lle da un plus de responsabilidade. No Alavés era o primeiro en chegar ó ximnasio. Coidase moito”, remata Arce, quen vaticina que a súa adaptación a Lugo será total para “un bonachón que só quere estar nunha cidade tranquila e acolledora”.

Comparte:

Deja un comentario