ActualidadArtículos

Dobre estrea: o lugués Iago López debuta en Segunda División coa primeiriza UD Logroñés

por Denís Iglesias 13 septiembre, 2020
Tiempo de lectura: 3 minutos

Que a un de Lugo lle vaia ben é algo que calquera habitante da cidade amurallada debería ter como principio. Sexa no Parlamento, na Nasa ou no politburó do Partido Comunista de China. Hoxe o CD Lugo arranca a súa novena temporada consecutiva en Segunda División. A décima en total ó sumarlle o bendito prólogo da 1992/1993. O sábado, Iago López (6 de abril do 1999), un rapaz de Castro Riberas do Lea, completaba un importante paso na súa carreira ó estrearse no fútbol profesional. Facíao cunha camisola albivermella, pero non a do CD Lugo, senón a da UD Logroñés. O equipo rioxano, á súa vez, debutaba na categoría de prata.

Na convocatoria do equipo lugués contra o CF Fuenlabrada deste domingo están incluidos catro rapaces relacionados co Polvorín. Un deles, xa con dorsal do primeiro equipo como é Pedro López. Outro de Portomarín: Dani Vidal. Completaron o aporte do filial Antón Quindimil (de Abegondo) e o venezolano Manu Morais. Ata hai uns anos esta situación era unha quimera para un equipo que nin sequera posuía un filial. O chimpo tiña que darse dende o xuvenil como fixo no seu día Iago Díaz. Tamén nesta idade escalou Dani Escriche.

Ser de Lugo e chegar ó fútbol profesional era unha tarefa complicada. Berto ‘Motorín’ de Reiriz, Antonio Doncel da Pobra de San Xiao ou Quicogol de Viveiro eran exemplos do que iso supoñía. A chegada do CD Lugo a Segunda División abriu novas portas. Non tantas como debería, pero aínda así cada vez teñen máis tránsito. Pola contra, Iago López fixo o camiño por fóra da estrutura albivermella para chegar ó profesionalismo. Abandonou o club sendo cadete e fichou polo RC Deportivo.

Iago López, nun partido contra o Cádiz.

Chegou ata o Fabril e logo botoulle o lazo o Girona. Segundo Transfermarkt, a axencia alemana Vida 11 representa a Iago López, a mesma que ten en carteira a xogadores como José Giménez (Atlético) ou o galego Angeliño (RB). Na 2018/2019, o lateral dereito lugués xogou no CF Peralada, conxunto afiliado ó equipo xerundense. Con só 19 anos, este lateral dereito acumulou 29 partidos na categoría de bronce mais non puido evitar o descenso do seu equipo. Malia todo, un dos equipos fortes da categoría como é a UD Logroñés, pediu a súa cesión o ano pasado. Foi logo de facer a pretemporada ás ordes de Juan Carlos Unzué, quen non puido garantirlle minutos en Segunda malia o gusto que tiña polo xogador. O técnico navarro durou no cargo tan só doce xornadas.

O lugués colaborou activamente na volta do fútbol rioxano a Segunda División, con 20 partidos disputados. E ata un gol na súa conta que se sumou ós dous que xa fixera co Peralada. Non se debe confundir a UD Logroñés co desparecido CD Logroñés. O rival do CD Lugo este ano foi fundado en 2009 polo empresario Félix Revuelta (Naturhouse), que comprou a praza do CD Varea. Paralelamente xurdiu outro conxunto denominado SD Logroñés, fundado por afeccionados do CD Logroñés e que actualmente milita en Segunda B.

Iago López, na súa etapa como xogador do CF Peralada.

O bo rendemento de Iago López, que destaca polo seu desborde, fixo que o conxunto rioxano volvera solicitar a súa cesión este verán para emprender a aventura no fútbol profesional. A de onte, contra o Real Sporting de Gijón, era a primeira vez para o xogador e a entidade. Disputou os 90 minutos, aínda que sufriu nas súas carnes, xunto co resto de compañeiros, o determinantes que son nesta categoría os erros puntuais.

Os locais gañaron sobre a bucina logo de aproveitar un erro encadenado na defensa logroñesa. Djuka non perdoou e amargou a estrea da UD Logroñés que incluso contou co desprazamento de afeccionados. Data marcada xa por sempre na biografía do de Castro, que este ano volverá a casa para enfrontarse ó seu ex equipo de formación: o CD Lugo.

Foto principal: UD Logroñés.

Comparte:

Deja un comentario