ActualidadCrónica

CD Lugo 0 – 1 RCD Mallorca: Fort Apache

por Denís Iglesias 6 septiembre, 2020
Lance do Lugo - Mallorca
Tiempo de lectura: 3 minutos

O CD Lugo pechou a pretemporada cunha derrota pola mínima (0-1) no campo do Ceao fronte ó RCD Mallorca. O conxunto balear impúxose na primeira metade, cunha posta en escena de titulares que asediaron a un equipo albivermello dominado por canteiráns e xogadores con menos minutos (Campabadal ou Carrillo) disputados neste periodo previo. Na segunda, os trocos déronlle outro aire ó conxunto de Juanfran, baseado en fortaleza por dentro, líneas xuntas e desputas. Todo a falta de que vaian chegando os reforzos definitivos, malia que a estrea será cos que están, tal e como adiantou o técnico na previa a este encontro.

O propio Juanfran avanzou que, malia ser o RCD Mallorca o rival, o groso do equipo e dos minutos iría para os xogadores máis novos. A súa postura é a dun adestrador que non quere cargar as pernas dos titulares. Mais o inicio do campionato está xa aí, polo que o seu igual, Luis García Plaza, optou pola estratexia contraria. Dispuxo unha aliñación inicial na que priorizou os homes que estarán contra o Rayo Vallecano na estrea ligueira do vindeiro domingo, 13 de setembro.

Nesa tesitura de formulacións contrapostas, os mozos do CD Lugo aturaron a un rival que puxo o acelerador dende o inicio. Marcou territorio e non deixou de tentalo durante todos os primeiros 45 minutos. Con todo, hai unha cuestión clara no equipo lugués que se mantén independentemente dos homes que están en xogo: a capacidade para sufrir. Rematou, se algún aínda pensou que seguía algo viva, a fragancia do toque e confección. Os dispoñibles xa saben que a táctica a seguir combina elementos como as liñas xuntas, a fortaleza interior e a saída rápida de balón á contra. Guste a quen lle guste.

Conexión sen gol

Juanfran ten ós seus conectados. Aumenta a súa autoestima con cada balón loitado, aínda que a briga acabe en falta ou co balón índose pola liña de fondo. Ora ben, o dogma ten que vir acompañado de resultados, que é do único que comen todos. O Fort Apache do Ceao resistiu case toda unha primeira parte. Só rompeu o candado Iván Bravo, precisamente outro dos xogadores máis novos da escadra bermellona.

Os atacantes deste equipo van ter que afinar a mira para acertar nas ocasións que xurdan ó sair do Fort Apache

O seu disparo dende lonxe desviouno un rival e entrou pola meta de Ander Cantero. O efecto da resistencia caeu. Ofensivamente, o CD Lugo non produciu case nada no primeiro acto. Será clave que a secretaría técnica acerte nos reforzos para os costados, dende onde manará o caudal do ataque. E que os dianteiros se conciencien de meter as poucas opcións que se dean. Ven unha temporada de estar agochado detrás da barricada, con dúas ou tres balas no cartucho. Non aproveitalas implicará erguer a bandeira branca antes de tempo e minar a moral da tropa.

A segunda metade debuxou un escenario novo. Varios homes viraron o campo cara o lado albivermello, aínda que sen chegar a conseguir o empate. Un deles foi Álex Rey, un medio de Lugo que aporta algo diferente. Cada vez que colle o balón pasan cousas. Perfil axitador que un equipo de coiraza necesita para desatascarse a si mesmo. Tamén sumou minutos Borja Domínguez, cuxo pe vai ser imprescindible na execución das xogadas a balón parado. Tivo unha. Case tomba a Reina só co centro envelenado. Este repúxose e fíxolle unha gran atallada a Diego Alende.

Despois, hai un novo mozo na oficina chamado Iriome González, quen ós seus 33 anos chega nunha forma física que moitos quixeramos con 18. Juanfran ten na mente un esquema con catro ou cinco defensas. Como carrileiro, o de Icod gaña enteiros, sen desmerecer os seus anos como extremo. E eses folgos continuos animan ó resto de compañeiros. Este CD Lugo é, polo momento, un conxunto de actitudes positivas. Pero falta o máis importante: o gol e o ritmo semanal da competición que marcará se a fe de Juanfran e os seus se converte en rutina en resultados.

Ficha técnica CD Lugo 0 – 1 RCD Mallorca

CD Lugo: Ander Cantero, Pedro López, Djaló, Quindimil, Campabadal, Dani Vidal, Hugo Rama, Martín, Marcos, Morais y Carrillo. Tamén xogaron Varo, Julen, Diego Alende, Pita, Herrera, Fernando Seoane, Manu Barreiro, Borja Domínguez, Canella, Sebas Moyano, Iriome, Álex Rey, Escobar e Manu Núñez.

RCD Mallorca: Reina, Sastre, Russo, Raíllo, Iván Bravo, Baba, Febas, Dani Rodríguez, Lago Junior, Stoichkov e Abdón Prats. Tamén xogaron Redondo, Víctor, Salva Sevilla, Luka Romero, Álex Alegría, Antonio Sánchez e Obrador.

Árbitro: Ferrol Muñiz (Santiago).

Marcador: 0-1: Iván Bravo (min.45).

Foto principal: CD Lugo.

Comparte:

Deja un comentario