ActualidadArtículos

A enésima procura do CD Lugo ‘Young Boys’: os mozos albivermellos piden paso

por Denís Iglesias 11 septiembre, 2020
Tiempo de lectura: 4 minutos

O outro día liamos en Twitter un comentario de Manuel Mourelos que acendía os ollos de calquera lugués afeccionado ó fútbol. “Máis cedo que tarde haberá xente da provincia defendendo o CD Lugo. (Escoiteillo ó presidente)”. Poucos coma Mourelos coñecen o fútbol base da provincia e do equipo albivermello, nos que este preparador ten moitos quilómetros acumulados. De aí que el fora o maior ilusionado por unha escoita que case tódolos anos soa dun ou doutro lado pero que nunca acaba por transformarse en realidade. Será posible máis cedo que tarde un CD Lugo con mozos lugueses?

Na maioría das roldas de prensa, Juanfran García, técnico do CD Lugo, ten pronunciado o seu gusto polos canteiráns que, un ano máis, volveron a ser o groso do plantel en pretemporada. Tal é así que incluso contra o RCD Mallorca deulles minutos de calidade contra un dos equipos chamados a estar na parte alta da Segunda División. Cumpriron e case aguantaron unha primeira metade sen goles. Baixo o paraugas do “somos o que somos”, e con cinco reforzos aínda por chegar, se as convocatorias integran ós mozos, teñen marxen de manobra para dar un golpe sobre a mesa.

A prioridade absoluta para Jorge de Cózar, nestes intres, é a chegada dun central que acompañe a Marcelo Djaló, Diego Alende (cedido polo Real Valladolid) e Pedro López. O lugués ten ante si a merecida oportunidade de ter minutos en Segunda División logo da súa mili en Segunda B con Unionistas de Salamanca. Malia a longa inactividade que perseguiu a tódolos xogadores que militaron o ano pasado na categoría de bronce, nos partidos de pretemporada amosou virtudes físicas e tácticas que non deben pasar desapercibidas. Hai dúas temporadas xa cumprira con mérito a papeleta de debutar ante o Reus.

Na portería parecía pedir paso Julen Fernández, un rapaz de formación 100% albivermella, con máis de dez anos no club, veciño de Albeiros e espectador dende cativo no Anxo Carro. O gardamallas, que agora ten 21 anos, renovou o 20 de agosto o seu contrato co CD Lugo, aínda que o club non especificou por canto tempo. O ano pasado xa compartiu adestramentos e traballo con Ander Cantero ou Varo ás ordes dun Roberto que logrou sacar nos anos que estivo en Lugo o mellor dos porteiros do equipo lugués. Julen incluso tivo minutos en pretemporada. Xa pode gardar no seu vídeo de mellores momentos unha gran parada que fixo contra o Real Sporting. Pero a chegada esta semana de Fran Vieites mudouno todo.

O que fora porteiro do Celta B o ano pasado será “a tódolos efectos xogador do primeiro plantel”, tal e como sinalou Jorge de Cózar na súa presentación. Vieites asinou ata 2024. Curiosamente Julen mais el son da mesma quinta. Enfrontáronse ben veces e foron compañeiros na selección galega. Na Irmandiña, o lugués acostumaba a estar por diante do de Pontecesures. Agora será a inversa. Vietes parte como terceiro na liña de saída e Julen deberá agardar a súa oportunidade dende o Polvorín. A mesma que, por certo, non tivo Pablo Cacharrón, outro porteiro formado dos pes á cabeza na disciplina albivermella que abandonou este verán o club.

O talento dos mozos do CD Lugo

Para o medio do campo o CD Lugo aínda preserva nas súas filas a un dos destacados en categorías inferiores do fútbol galego como é Álex Rey. O centrocampista lugués é deses xogadores que ten algo especial. Sempre fai algo diferente coa bola cando a ten nos pes. Sirva de exemplo recente un golpe co calcaño contra un rival do RCD Mallorca. Na pretemporada amosou un moi bo nivel. O mesmo que lle permitiu acumular xa tres partidos oficiais co primeiro equipo.

Un rapaz que deu o salto do Infantil do Lugo cara o Deportivo. Pasou aqueles días metido nun taxi indo e vindo para adestrador cos branquiazuis. Se hai un xogador coa madurez suficiente como para asumir o salto de categoría é el, quen con 15 anos deixou a súa casa para irse vivir a Pontevedra, onde ten sé a residencia da canteira do Celta, equipo polo que tamén pasou. Telo de volta logo destas experiencias foi un privilexio para o CD Lugo, que non debería convertir as ocasións puntuais nunha pequena rutina.

Outro dos que ten unha forma única de ‘armala’ no centro do campo é Manu Nuñez, un miudo centrocampista que ten de pequeno que ten de carácter. Físicamente, moi controlador do eu espazo e cun primeiro toque que pode deixar deitado ó rival. Nalgún adestramento algún dos ‘maiores’ xa probou a súa medicina. Puro carácter e valentía. Quen por certo ten boa asociación con Álex Rey.

Chiqui, Morais ou Escobar son alternativas máis que validas para a rexeneración da parcela ofensiva

Por diante Juanfran ten tamén alternativas con carné do Polvorín. É o caso de Óscar Castellano ‘Chiqui’, habilidoso home de banda que o ano pasado sumou máis de 100 minutos co primeiro equipo, anotándose incluso unha asistencia ó seu favor. Mais segundo informou Emilio González, Chiqui podería irse cedido ó Marino de Luanco ou a outro equipo de Segunda B como sucedeu con Matías J. Vesprini, central arxentino que xogará este ano cedido na SD Compostela. Alén de Chiqui, hai outros dous avanzados con papeletas de contar na planificación de Juanfran. E máis tendo en conta a atípica Terceira que lle agarda ós equipos galegos.

Un deles é o venezolano Morais, con varios anos de carreira como albivermello e prolífico ariete do filial o ano pasado. Chegou a debutar contra o Girona o pasado curso. Ou Antón Escobar, o xogador máis ‘feito’, que o ano pasado estivo cedido no Coruxo. O preparador valenciano probouno en pretemporada na banda malia ser un home que se desempeña con máis naturalidade como dianteiro centro. A todos estes nomes habería que sumarlle os de Quindimil, Martin, Dani Vidal, Marcos… Rapaces que acumularon minutos no periodo previo á liga e que agardan con fame unha oportunidade nun equipo que non debe entenderse sen a súa canteira.

Como tampouco sen membros no staff que se sintan identificados coa entidade. Moitos destes rapaces deron o salto da man de José Durán, adestrador durante moitos anos integrado na estrutura albivermella. E quen poñía fin este ano a unha nova etapa no CD Lugo logo dun intenso traballo que se plasmou no bo devir do filial. Un, dous, tres… membros en funcións de adestradores, readaptadores ou preperadores con fe nos da base facilitaría aínda máis o itinerario destes mozos. Ser da casa non ten porque ser requisito peor si un antecedente a valorar nun equipo que medrará máis co arraigamento.

Comparte:

Deja un comentario