Actualidad

Reflexións persoais, emocións e permanencia

por Borja García Varela 21 julio, 2020
Emocións CD Lugo
Tiempo de lectura: 3 minutos

Os brincos na cadeira con cada ocasión fallida non facían máis que incrementar a tensión; berros afogados pola máscara, contidos, obrigado polo decoro que debía de mostrar ó estar traballando, axudaban a que a presión da olla seguise aumentando. A pantalla do móbil acendíase con cada aviso. Pousado na mesa, suxeitabao co polgar e, có índice premía o botón de desbloqueo para ler mensaxes e non quedarme con ningún, mais eu abalaba cara él de cada vez.

Non lembro o número de ocasións que me estaliquei sobre o respaldo da cadeira, coa mirada pregando ó firmamento e con cada man a cada lado da testa, baleirando todo o aire nun longo e continuado suspiro para logo pestanexar e, coma un robot, sobar de novo coas xemas dos dedos as teclas ‘F’ e ‘J’ do meu teclado e regresar á compostura esixida, sen deixar de bater as pernas arriba e abaixo. Outro Whatsapp, outra consulta á nada e a seguir o balón coa vista de novo.

De cando en cando pasaba pola miña cabeza un pensamento tan inocente coma absurdo, que me dicía que se me relaxaba eu, transmitiría esa calma a Juanfran e él, a súa vez, faría o propio có equipo. Collía aire sosegadamente polo nariz e expulsábao pola boca, coa calma que requería esa acción desesperada e inútil de cara ós obxectivos colectivos.

Outro Whatsapp, outra consulta á nada e a seguir o balón coa vista de novo.

Con todo, o resultado foi unha mestura de emocións que se atrancaron no marco da porta e que me deixaron inmóbil durante varias horas. Un estado de shock, de inoperancia; unhas emocións que non acostuman a aflorar neses momentos relegaban á euforia e á algarbía a un lado. Un shock que se manifestou en forma de bágoas cando rematou o partido e que me paralizaría até ben entrada a madrugada.

Foi un choro calmo e contínuo no Anxo Carro o que me serviu como válvula de escape unha vez o árbitro puxo fin á agonía que estaba vivindo para botar fora o acumulado nas últimas semanas. Unhas bágoas que non demandaban condolencias nin que tampouco manifestaban dor. Non había pena. Tan só precisaba botar fora esa opresión que durante tanto tempo estivera alimentando.

Non había rastro das ganas de celebración, nin tampouco de falar con toda esa xente que se lembrou de min ó longo da noite enviándome mensaxes agarimosas parabenizándome. Non era quen de explicarme como non me apetecía abrir unha cervexa e brindar cuns e con outros, aínda que fora de xeito virtual.

Ducheime ó chegar a casa con auga quente, estaba destemplado. O único que me apetecía era cear deitado no sofá e ver que pasaba en Twitter. Sentía que debía de escribir algo, pero non era quen de poder articular ninguna mensaxe que estivera en consonancia cos meus sentimentos naquel momento. Agardábase euforia e eu, aínda sen saber por que, non tiña corpo para letras maiúsculas.

Estaba claro que seguía en shock e que as emocións continuaban trabucadas todas no marco da porta. Se tivera que describir os meus sentimentos falaría dunha satisfacción fortísima, pesada e compacta que enche de paz o meu peito -sen nada negativo a ese respecto-, extremadamente lúcida e permantente; unha catarse, unha entrega, unha rendición plena á permanencia, ó éxito, ó triunfo.

Unha catarse, unha entrega, unha rendición plena á permanencia, ó éxito, ó triunfo.

Un sentimento global de reconciliación arrodea todo o vivido pero, tamén hai certo sabor de arrepentimento e amargor non sei exactamente por que. Lémbraseme que quizáis non fun todo o xusto que debera con algunha xente que a fin de contas se porta ben comigo, que igual as bágoas de Campabadal ó finalizar o partido fixeronme ver que estaba enganado con él, ou simplemente se trate dese perfeccionismo absurdo que aflora en min de cando en cando.

A pesar de todo e ó fin, o que queda é un sorriso de satifacción polo traballo ben rematado e feito, abríndose as portas a novas ilusións, cambios e proxectos por noveno ano consecutivo, afortunadamente, na Segunda División.

Forza Lugo. Sempre.

Foto principal: CD Lugo.

Comparte:

Deja un comentario