Actualidad

Outro ano máis de CD Lugo

por Noelia Meilan 24 julio, 2020
Tiempo de lectura: 3 minutos

O luns 20 de xullo deste ano foi un dos días máis importantes da historia máis recente do CD Lugo. Un día no que nos xogábamos todo, seguir no fútbol profesional ou volver á división B que tan lonxe vemos agora. Cando ningúen esperaba que puideramos chegar con algunha posibilidade á última xornada, tal vez, nin nós mesmos. Sen embargo, se algo caracteriza ao Lugo e a súa afección é a paixón e a esperanza, non rendirse ata o último segundo. Algo que Juanfran reflexou mellor que ninguén, o técnico chegou coma un sopro de aire fresco ao clube, que non estaba a vivir o seu mellor momento tras o regreso da liga, en contra das últimas sensacións que deixaran antes do parón, xa que estábamos a vivir unha dinámica moi positiva e que animaba a seguir crendo nos nosos, pero parece que o parón chegounos no peor momento posible. Aínda que é certo que ás veces a vida lémbranos que hai cousas moito máis importantes que o fútbol e así foi.

A volta do fútbol, polo motivo que fora, claramente non nos beneficiou. Estabamos como un barco á deriva no que parecía que a tripulación estaba só esperando a que pasase o tempo necesario para que o barco se afundise definitivamente. Pero no momento que parecía máis crítico, demos un brusco cambio de rumbo. Un cambio no capitán do barco que ao principio case ninguén viu con bos ollos, principalmente por ter moi pouco marxe de tempo para resolver o problema e porque o novo dirixente tiña nula experiencia nisto de adestrar a un equipo de fútbol profesional. Pero como todo na vida, o mellor chega cando o menos o espera, por iso, cando ninguén confiaba en que o Lugo se puidese chegar a salvar, empezaron a chegar os bos resultados da man do novo técnico.

Pero como todo na vida, o mellor chega cando o menos o espera.

O cambio foi brutal, pois o primeiro bo resultado apareceu en menos de 24 horas, tal vez era moi pouco tempo para levar a cabo variacións importantes a nivel futbolístico, pero sen dúbida o maior cambio (e, por outra parte, o que máis necesario era) foi o psíquico. Tras un mal comezo desta segunda parte o equipo parecía afundido nun pozo sen saída, aspecto que mentalmente afecta moitísimo, tanto a xogadores como aos propios seareiros que cada vez vían máis imposible a salvación. Tal e como dixo Juanfran, o que parece imposible é posible. A súa filosofía logrou cambiar o que parecía inevitable baseándose sobre todo nun cambio de actitude, demostrando que aínda que non se lle da a importancia debida, ao final no fútbol o aspecto psíquico e anímico e moi importante. Sen esquecer que tamén logrou volver enganchar á afección e volver a crer cando o tiña todo en contra. Creo que nun ano lembraremos todo este sufrimento de tantos meses con moito agarimo porque as vitorias cando son contra todo pronóstico e con todo en contra, desfrútanse máis e quedan gravadas na memoria. Persoalmente, penso que todo isto máis que un golpe de sorte foi o resultado dun traballo de meses e meses. A sorte pódeche acompañar uns días, pero non durante tantos partidos. Juanfran só chegou para pulir un diamante en bruto que carecía de brillo nese momento, pero que él soubo traballar e simplemente puxóo todo da súa parte para que relucise. E así foi. Unha recompensa non só para o traballo do equipo, senón tamén para a fidelidade da afección que non abandona nunca o barco, contra vento e marea, poucos pero fieis. Tras todo o sufrimento da temporada non puidemos desexar un final mellor.

Outro ano máis sufrindo, pero outro ano no que seguimos en Segunda. E xa van nove, nove anos dan para moito, a vida cambia moitísimo de maneira inevitable, imos evolucionando, esperemos que todo sega cambiando e seguindo o seu curso, e que o que se manteña estable sexa que o Lugo estea en Segunda División por moito tempo máis, con sufrimento, alegrías, choros e berros a partes iguais.

Comparte:

Deja un comentario