Crónica

Lugo lives matter

por Denís Iglesias 14 junio, 2020
El Hacen Lugo
Tiempo de lectura: 4 minutos

Volveu o fútbol para o Lugo. E regresou cunha vitoria con dobre sentido. O que da o pulo dos tres puntos para sair momentáneamente do descenso a cambio de afundir nas súas propias miserias a ó Racing. Os cántabros perderon a orientación da salvación logo de desaproveitar a pronta vantaxe que obtiveron no marcador cun gol de Álvaro Cejudo contradita polos tantos de El Hacen e Carlos Pita. Un xogador que revolucionou a segunda volta do Lugo cos seus tantos e o eterno pulmón albivermello. Dous relatos para unha remontada que vale ouro.

Ver un campo mítico como o Sardinero no seu esquelete da arrepíos. As bancadas baleiras quítanlle todo o carácter social e ceremonial dun deporte que sen afeccionados tampouco é un espectáculo. Malia todo, moitos querían ver o balón rodando polo verde como síntoma da nova normalidade. Sempre coa sombra dos milleiros de mortos pola pandemia. Os bares e as casas foron o refuxio desta paixón distante que está a enrarecer o que pasa nos campos.

Algún xogador xa recoñeceu faltas de concentración sen a forza do ambiente. Certos partidos semellan adestramentos. Os que mellor se adapten a esta realidade terán moito gañado. Antes do parón forzado, o CD Lugo asumía a trascendental cita contra o Racing Club no intre idóneo. Cun xogo que convidaba á autoestima e que chegara xusto no tramo decisivo do campionato. Existía un grave temor no regreso en diferido. Os cinco cambios, o físico, a volta de determinados xogadores… É como comezar de cero, unha nova liguiña na que, aínda por riba, non hai tempo para pensar coa frecuencia de partidos que agardan.

Cejudo, ‘here we go again’

A primeira metade albivermella meteu medo. É como se o equipo xogase con máscara. Tal foi así que o Racing Club deu primeiro cun gol de Álvaro Cejudo que fixo tremer as peronas de todo o que arrodea ó CD Lugo. O veterano medio empalmou un gran gol despois dun erro en cadea da defensa do conxunto lugués. Ah, shit, here we go again, pensamos. Unha sensación tan só rota, e moi débilmente, polo único disparo efectuado polos visitantes na primeira parte e que levou a sinatura de Moctar Sidi El Hacen El Ide. Hai que transcribir o nome deste xogador de xeito completo para darlle a importancia que merece, xa non só polos seus goles decisivos, senón pola súa influencia gañadora no xogo do Lugo.

Os de Curro Torres mudaron a súa actitude na segunda, cunha lectura máis amplia do xogo. Máis vertical. A transformación pervertiu o escudo dun Racing que se mantivera con xogo brusco. A expulsión de Manu Hernando foi o principio do fin para os intereses locais. Recibiu un segundo cartón amarelo logo de frear con falta a un incisivo Gerard Valentín. Unha constante no xogador de banda de catalán que o Lugo recuperou no confinamento. Outro dos zagueiros do club cántabro, Olaortúa, fixera méritos antes para ver a vermella.

A conexión africana entre o arxelino Rahmani e o mauritano Hacen foi clave na resurrección do CD Lugo

Oltra non puido reter os 11 homes no campo nin tendo cinco cambios ó seu dispor. E na mesma secuencia o seu equipo perdeu un home e a vantaxe no marcador. Yanis Rahmani volveu a engraxar a súa luva para servir unha asistencia a balón parado a El Hacen, cabeciña de ouro. Magnífico testarazo do mauritano nunha conexión africana que evidencia aínda máis a importancia das súas vidas no noso devir. Que mistura tan eficiente. Isto desatou a furia luguesa, como non podía ser de outro xeito. Coa sangue xa no río, Jaime Seoane puido resolver a remontada cun disparo que Luca Zidane desviou ó pao polo canto dunha moeda.

Antes da igualada, Jose, o noso taberneiro de referencia, dono de El Boni, apostara a que o CD Lugo gañaba este encontro. Tiña máis confianza el que todos os que reunimos neste local para ver o partido. Sen cortes nin interrupcións para poñer outro encontro. Nun ambiente familiar que recolleron os micrófonos da Radio Galega da man de Raúl Villares. Por fin, un, contexto no que non nos sentimos alleos na nosa propia cidade. Por iso, cando o VAR resolveu o gol de Pita, Jose recibiu unha merecida recompensa por esa aposta valente. O bar caeu nun berro unánime coa celebración en segundo plano que provoca a videoarbitraxe.

VAR en DMAX

A maioría das películas radiadas pola TV auxiliar dos colexiados remataron mal para o CD Lugo. Neste caso, os guionistas escribiron un gol legal do Káiser, que recibiu o balón de Jordi Figueras para perforar a portería de Luca Zidane dende a área pequena. Un tanto nacido nun balbordo que na grella televisiva estaría incluido nun programa de DMAX: Porterías Peligrosas, Cocodrilos del Área, Forjado a Cuero… Un pouco do Karma perdido naquel último lance do Lugo-Cádiz previo á crise do coronavirus. Unha falta directa ó corazón do Anxo Carro que o traveseiro cuspiu cunha violencia que nos revolveu a todos.

Malia o empuxe moral que supuxo verse co 1-2 tan cedo coa superioridade numérica, o CD Lugo non puido pechar o partido. O Racing revolveuse da brutalidade dos acontecementos para facer algúns achegamentos que amenazaron co empate. Aviso con intensidade a navegantes. Ter fenecido logo do esforzo mental e táctico feito até entón tería sido a esquela albivermella. De aí a importancia dos erros puntuais e da concentración até os últimos instantes. A primeira parada da reanudación foi positiva mais aínda queda un longo e intenso camiño para pechar a cura da permanencia. A vida do Lugo importa.

Foto: LaLiga

Comparte:

Deja un comentario