ActualidadOfftopic

“Hoy juega El Trinche”, adeus ó bohemio que foi “mellor que Maradona”

por Denís Iglesias 9 mayo, 2020
Tiempo de lectura: 5 minutos

Os arxentinos teñen una gran capacidade para crear lendas e mitos. Niso seméllanse ós galegos. Ou viceversa. E unha parte importante dos seus relatos teñen que ver co fútbol. No campo ponse en xogo a honra dun barrio, dunhas cores ou dunha fe que pasa de xeración en xeración. Unha desas personaxes fantásticas morreu onte. Era Tomás Felipe Carlovich, alcumado El Trinche, de quen o mesmísimo Maradona dixo que era mellor ca el malia que se conservan moi poucos documentos gráficos dun xogador cuxa escena sempre transcorreu nos campos da Segunda arxentina.

A El Trinche matárono por unha bicicleta. Evidencia o rango de necesidades e odios que imperan no ser humano malia vivir a pandemia máis importante do último século. O ex futbolista, de 74 anos, ía na bici no seu Rosario local cando un ladrón lle golpeu a cabeza para quitarlle o vehículo. Esnafrouse contra o chan. Quedou inconsciente e ás 48 horas fíxose oficial a súa morte. Como se alguén quixera derrubar toda a maxia que se construiu ó redor da súa figura con algo tan vulgar coma un asalto. Unha conta pendente dun rival de mal perder fronte a un xogador dourado, patrimonio da súa cidade coas súas gambetas e técnica exquisita.

Para coñecer a El Trinche Carlovich, non hai mellor cousa que ver o sensacional Informe Robinson que se fixo en 2011, no que se conta, entre outras experiencias, como Marcelo Bielsa asistiu durante catro anos de xeito ininterrumpido ós partidos de Carlovich. “Hoy juega El Trinche, vendíase daquela. Pero é como se Ali boxease no Municipal de Lugo en vez de en Las Vegas. Os seus amigos din del que foi ‘o crack que non quixo ser’. unha de tantas historias de futbolistas talentosos que non puideron ou renunciaron a que os focos da elite os perseguisen. Pero claro, os teus coñecidos poden ser o teu camarada de pupitre na EXB ou seleccionadores arxentinos.

Carlovich naceu en Rosario en 1946 e criouse no Barrio Belgrano. Foi o último de sete irmáns, conformados por tres mulleres e catro homes. O seu pai, Mario, era fontaneiro. Pode que por iso lle fixese ser tan amante dos ‘caños’. El Trinche tiña un regate coñecido como ‘El doble caño’. Primeiro cano entre as pernas. Volta. De novo enfróntase a ti. Segundo cano. Como a ‘Z’ de tres trazos de El Zorro. Ou iso contan os cronistas non profesionais dos seus partidos. Outra das grandes historias é a de ter sido quen de manter a posesión da pelota durante dez minutos sen que ninguén puidera roubarlla. “Pegáballe a todo. A un ladrillo, unha pedra… O que fora”, lembra seu irmán Pichón.

Iniciouse nas categorías inferiores de Rosario Central. Pasou por varias cesións até que chegou a Central Córdoba en 1972, onde se crearía a súa lenda en catro etapas diferentes. Aló acadou o título e o ascenso a Primeira B. A vida de Carlovich estivo marcada polas continuas reviravoltas, de aí que malia que sempre regresou a este equipo, no medio viviu capítulos secundarios. En 1977 fichou por Colón, daquela conxunto de Primeira División. Xogou tres partidos e nos tres rematou lesionado. Aquela non foi nunca a súa categoría. O ritmo alto e a forza física afogaban o fútbol rosarino, caracterizado polo seu tecnicismo. Isto non lle impediu deixar na lona a rivais de primeira fila. En concreto, á mesmísima selección arxentina.

Mural de ‘El Trinche’

Arxentina < Rosario

Foi o 17 de abril de 1974, cando o combinado albiceleste disputou o seu derradeiro partido de preparación para o Mundial de Alemaña contra un equipo formado por xogadores de Rosario. Todos de Primeira, de Rosario Central e Newell’s Old Boys; e Carlovich, por aquel entón na súa primeira etapa de Central Córdoba. Aquilo foi unha humillación por parte dos rosarinos até o punto de que o técnico da selección, El Polaco Vladislao Cap, pediulle ós encargados de dirixir ó equipo rival que por favor quitara do campo ó 5, un volante creativo que estaba a poñer en evidencia el só ao casting futbolístico máis importante do país. No 15 da segunda parte sae do campo ovacionado polas 30.000 persoas que viron un disparate que rematou cun 3-1 favorable ós de Rosario.

“Para el xogar aquí en Central Córdoba era como xogar no Real Madrid”

Bruno, seu fillo

“Para el xogar aquí en Central Córdoba era como xogar no Real Madrid. Nese momento vivíao así. Hai que entender tamén que o fútbol de antes é totalmente diferente ó de agora”, relataba o seu fillo Bruno nunha afirmación que marca a forma de sentir o fútbol que temos calquera afeccionado cun club modesto. Queremos que os xogadores que defenden a nosa camiseta pensen que esta é a dun grande con Copas de Europa. E pode que si, que este sexa un fútbol de antes. Pero non vou ser quen de borrar a emoción que me produce contar, coma os que viron a El Trinche, goles que só vimos eu e outros 3.000 no campo.

Cando a gomina non importaba.

En 1976 vívese outro episodio que exemplariza a personalidade de Carlovich. En 1975 fichou por Indepediente de Rivadavia (Mendoza). Puxéronlle un Fiat 125, recibíronos nun hotel a el e á súa familia… Primeiro adestramento e primeria exhibición. Ó día seguinte volveu para Rosario para contarlle a todo o mundo o ben que o estaban a tratar. E esqueceuse de regresar, xa que estivo 15 xornadas aló. A súa familia e a súa cidade fixéronlle ter esa etiqueta de mal profesional. De xenialidade bohemia como a de Mágico González. Algún día de partido non ía no bus porque a súa señora, Nancy, non se atopaba ben e tiña que ir buscar mangos para ela. Cando xa o daban por perdido, aparecía no coche para xantar cos seus compañeiros. Non lles pedía perdón. “E que ías facer? É como se tes a un Messi caprichoso. Calas a boca. Que vas facer? Xogar sen Messi? Xogar co Trinche é como xogar con doce”, contan os compañeiros da época.

Era un potrero. Un futbolista acostumado a ter as botas cheas de lama e que a descosía sen remedio. Logo que sexa o que queira. “A xente que me recoñece e me ve, bérrame cousas. Que Maradona, que Messi… Eu son moi querido en Rosario e para min é un orgullo que a xente te aprecie. Non sei se fixen algo ou non, pero vénme os meus fillos e os meus netos na TV e póñense orgullosos tamén. O outro día fixeron unha noticia nunha escola de Rosario, querendo saber a vida de El Trinche. Iso non hai plata que o pague. Son cousas moi londas. A vida dáche moito, pero quítache máis, viste”. El Trinche decidiu non sair nunca do seu Macondo e andaba todo o día de arriba para abaixo na bicicleta que lle custou a vida. Coa cadeira máis desfeita que a dos seus rivais. Din que a morte fai á maioría bo. No seu caso nunca chegará a igualar a súa vida.

Comparte:

Deja un comentario