ActualidadArtículos

Fútbol con distancia social

por Denís Iglesias 14 mayo, 2020
Tiempo de lectura: 4 minutos

A “Nova Normalidade’ é una botella de Mistol chea de gasosa. Un concepto absurdo para xerar unha especie de ilusión no medio da pandemia. Baixo este feitizo volveu manifestarse o fútbol nos campos. Por agora, nos de adestramento, ós que xa regresaron a maioría dos equipos. Algún con resistencia, como é o caso do Elche, cuxo plantel, inmerso nun ERTE, non acudiu ó Martínez Valero o mércores como protesta pola situación laboral. A presión xurdiu efecto e a masa laboral sairá ó completo do expediente.

No Anxo Carro rexístranse estes días situación propias dunha distopía. Non lle parece estraño a ninguén a estas alturas que os guionistas de Black Mirror preferisen tomarse un descanso vendo que a realidade superaba ó máis revirado dos seus argumentos. As únicas máscaras que nos gustaban eran como a que levaba Luismi o día do seu gol contra o Montañeros no último suspiro. Eses intres fan que nos lembremos doutra distancia social que non é estacional nin ven determinada por una pandemia.

Hai tempo que o deporte de masas por excelencia vive, precisamente, a quilómetros das persoas que o soportan. Os afeccionados quedaron excluidos do debate das elites. Un conflito pensado máis ben para dilucidar quen é máis testán: Rubiales (RFEF) ou Tebas (LaLiga), tanto monta monta tanto, sobre todo o segundo, que engurrou o papel das condicións para volvelo un número: 1,37% do PIB e 185.000 empregos. A partir de aí todo vale. O mesmo sucedeu noutros eidos produtivos, onde o confinamento provocou un colpaso produtivo. No caso do fútbol, a extrema dependencia dos dereitos televisivos de clubes como o CD Lugo fai que a súa existencia dependa da finalización do campeonato.

Malia que se xoguen os partidos en campos virtuais. Porque só nunha realidade paralela ou como castigo a una batalla campal imaxina as canchas sen xente. Tiveron que ser os ‘radicais’ os que puxeran sobre a mesa ese sentimento atroz de falta de pertenza da que goza certo fútbol. A persiana baixouse nas categorías fóra do sistema profesional de Primeira e Segunda, con promocións atípicas e pasando de folla. O fútbol feminino directamente pulsou o botón de ‘off’. Sospeita confirmada: o seu tratamento profesional aínda é una declaración de intencións.

O circo da Liga non para. E coa desculpa sanitaria faise aínda máis restritivo. Está por ver como será a relación cos medios de comunicación, nalgúns clubes xa de por si deficitaria. E aí tamén está en xogo o futuro de familias. Singularizando nun caso flagrante: o dos fotógrafos e outros profesionais gráficos que en moitos casos traballan por peza. O importante é que os obturadores das cámaras de retransmisión da TV funcionen aínda que do outro lado estea un espectador frustrado. Un afeccionado ó que poucas cousas lle servirían máis de terapia neste mundo que ver un partido do seu conxunto. Tamén un ser humano que entende a dificultade dos tempos. Algún mirará con preocupación o carné de socio no que deixou uns cartos que agora lle virían fenomenal.

O CD Lugo non moveu ficha neste sentido. Tería sido un xesto de boa vontade coa súa pequena pero comprometida afección. Tal e como fixo chamando ós socios máis veteranos (en idade). Non se moveron moitas SAD. Unha excepción foi o Getafe, que recibe non poucos comentarios en ton burlesco sobre o estereotipo de ser una hinchada pobre en asistencia. Polo menos mellor coidada que a do FC Barcelona, un club de pleno dereito xurídico que apela ó sentimento… Un morre de vergonza allea coas ideas de mercadotecnia dalgún. Aí está a proposta de poñer ‘tuits’ con mensaxes de ánimo ou rostros de afeccionados previo pago. Non é que nos traten como clientes, senón directamente como parvos.

Política de pactos

Con estas alternativas, e na acelerada tranformación no tempo que vivimos, algún xa debe imaxinar un fútbol con robots. Unha excelente maquinaria engraxada. Por sorte, hai futbolistas que non viven pechados nas súas furnas de cristal e teñen ximnasios na casa para non perder a forma. Iso si, teñen representantes similares ós do resto de mortais. Igual de malos e innecesarios. Aí está David Aganzo, dianteiro do CD Lugo un ano, e polo momento secretario de AFE, o principal sindicato dos futbolistas. Foi acusado de suborno. Como alternativa emerxe Fernando Morientes. Polo ben do seu colectivo, que teña maior sensibilidade e intelixencia.

Fali, xogador do Cádiz, foi a voz que máis firmemente se opuxo ó regreso. Negouse a volver ó traballo por temor á expansión do virus. “Que garantincen ó 100% que non estamos en risco. Que asinen La Liga e Sanidad un contrato que diga que estamos seguros”. A sentencia, pronunciada na Cope, pide asegurar unha barreira contra os contaxios no contorno familiar e persoas achegadas. Agora o valenciano, bastante só na súa loita, sopesa volver ó traballo.

Unha circunstancia na que están, con todas as distancias sociais ou económicas, milleiros de compatriotas. Estes contemplaron con resignación como os membros dos planteis profesionais pasaban os test que, por exemplo, o persoal sanitario non ten para si. Como empresa privada, é libre de conseguir e garantir a seguridade dos seus afiliados. Ora ben, como expresión dun sentir colectivo da sociedade deixa moito que desexar.

Máis preto, a discordancia de Pita fronte ás concentracións-búnker. Igual de claro o “temos medo” enunciado polo plantel do Éibar. Elevacións nun discurso no que ó final triunfou, coma case sempre, a voz e os intereses de Tebas, quen coas cifras mareantes dos cartos sobre a mesa meteu no bote das propinas a Rubiales. E de paso sacaron os tres unha foto no Palacio de Viana con Irene Lozano, presidenta política do CSD. Tan política que nos seus tempos de xornalista detestaba o deporte. Máis distancia social imposible. Xa saben, “non é fútbol, é la Liga”.

Comparte:

Deja un comentario