Artículos

No pico

por Denís Iglesias 4 abril, 2020
Tiempo de lectura: 3 minutos

Foto principal: AFP. Un sanitario leva a un paciente no hospital de campaña montado en IFEMA.

Este diario leva días sen sumar novos capítulos. Agardaba escribir un cunha baixada das circunstancias. Mais levamos moitos Días da Marmota. A tendencia positiva lémbranos á que vivimos os seareiros lugueses nas últimas temporadas. Fixados na crise, apreciando cada punto, aínda que iso non supoña nin moito menos sair do pozo e da irregularidade. Non queda outra que seguir escalando na gráfica ata chegar ó tan citado pico.

Síntome como cando en sexto de Primaria subimos o Mustallar. Un dos teitos galegos que pertence á Serra dos Ancares. Nin a forza infantil e a falta de medo impediron que nos dobraran as pernas a cada paso que dabamos na zona máis próxima ó cumio. E viámolo! Pero era unha auténtica ilusión óptica. Só os populares do curso, ós que xa lles picaba a curiosidade da adolescencia, tiraban a paso lixeiro. O resto, os dos vagóns de mercancías, tan só queriamos rematar.

Daquela excursión, alén das maniotas, lembro a fermosura daquela zona. Pouco valoramos o que temos até que nos priva totalmente del. Hainos que pensan na liberdade de movemento para facer viaxes a toda cor. O único que eu desexo é ir á casa e volver pisar as rúas do barrio.

Esta semana agardo que chegaramos ó pico no noso edificio. Teresa está de volta logo de, segundo o seu sentir, “vencer á morte” no Hospital de La Paz. Contóunolo Chema, seu home, por teléfono coa voz cortada polo medo que pasou. Soubemos desta historia por el, quen se preocupou por cada un dos vecinos con mensaxes personalizadas.

Faime sentir peor que no Mustallar non poder velos e darlles unha aperta. Teresa tivo unha neumonía aguda que a puxo contra as cordas. E enfrentouna coa axuda dos heroes de bata branca, os únicos apoios permitidos na loita de boxes. Nesta situación non debería buscarse a volta rápida, mais isto non é unha carreira de fondo, senón un raid veloz no que hai que sacar adiante cada doente no menor tempo posible e do xeito menos lesivo para evitar o colapso das UCI.

Ó que máis medo lle tiña a nosa compañeira do 5ºC é a non poder despedirse dos seus. Pregáballe ós que tentaban mellorar a situación que lle permitirán volver a casa para dicirlles o último adeus. Por sorte, o que recibiu de volta a Manoteras foi unha benvida virtual e un aplauso combinado con bicos ó aire que contaxian para ben a calor destes días de merda. Nunca nos cansaremos de dicilo: só o pobo salva ó pobo. Unha afirmación fundamental que escriben os centos de iniciativas particulares para dotar de material á comunidade sanitaria. Traballadores utilizando as súas propias impresoras 3D para facer máscaras ou respiradores. Outros collendo revestimentos de teitos de vehículos para confeccionar batas. Doazóns a miles de protección confeccionadas con máquina de coser. O que faga falta para derrubar a burocracia e a pantomima dos estados e nacións.

Fronte ós supostos picos de ouro, estadistas, comentaristas, opinólogos, todolomías… Revilla á fronte, quen non sabemos como aínda non patentou a vacina. Soboa con morfina. Pico e pala nas estradas, conquistadas por un colectivo ó que tantas veces se lles puxo etiquetas rancias e clasistas. O transporte profesional mantén viva a cadena de suministro que ó comezo se entendía como un saqueo individualista. Hai trincheiras nas farmacias, no sector primario ou no secundario. Pouca voz para eles e moito falando por eles. Por sorte, neste tempo tamén hai sons que axudan a levar o confinamento. O dos pais polo móbil pero tamén o dos amigos detrás da pantalla do ordenador. Ás veces non é preciso que che conten nada, só escoitalos facendo o que mellor saben.

Como os que sacan adiante a maravillosa iniciativa de narrar os partidos que lle quedan ó CD Lugo usando o Football Manager. Rubén F. Dorado é quen de locutar a virtualidade con virtuosismo. E acompáñano con comentarios sinceros, debuxando biografía de bonecos ós que odian e adoran coma os futbolistas, a mellor troupé lugoslava. Pasen lista que aí sempre estarán dispostos a arrimar o ombro Javi Folgueira, Dani Baniela, José Carrete ou Marcos Basadre.

Oxalá poñan voz algún día ás xestas do CD Lugo, se a historia o permite, e que pasan por seguir a liña marcada por héroes doutro tempo. Menos vitais que os destes días, pero igual de necesarios na nosa vida previa. Os do Carranza, que este sábado volveron ascender, en diferido, pero causando a mesma secuencia: arrepío, medo, disgusto, esperanza, nervios e finalmente euforia. A mesma que agardamos repetir estes días. Iso si, sen paradón de Escalona nin harakiri de Akinsola.

Comparte:

Deja un comentario